Nadal en Vigo: cando se fai excesivo o exceso?

O tren turístico do Nadal pola rúa Policarpo Sanz de Vigo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Os "miles de milleiros" de leds, "miles de milleiros" de visitantes e "miles de milleiros" de hoteis, bares e restaurantes que colgan o cartel de completo na cidade olívica abren o debate nun contexto de conquista do espazo público pola cidadanía

O sociólogo Zygmunt Bauman, coñecido polas súas teorías da modernidade líquida, reflexiona no ensaio Comunidad sobre a relación da nosa sociedade co exceso. Citando á especialista en Psicoloxía social e recursos humanos Heather Höpfl sinala que “o abastecemento do exceso se está a converter na principal preocupación da vida social tardomoderna, e amañarse co exceso é o que chegou a considerarse liberdade individual na sociedade tardomoderna: a única forma de liberdade que coñecen os homes e mulleres da nosa época”.

Para Bauman, o exceso pasa a ser considerado como un precepto da razón. O exceso xa non parece excesivo, como o malgaste tampouco parece malgastar. Así, “o principal motivo polo que ofendían no modo sobrio, friamente calculador da realidade instrumental era, á fin e ao cabo, a súa ‘inutilidade’; pero nunha vida de experimentación, o exceso e o malgaste son calquera cousa menos inútiles”. En realidade, debulla o sociólogo polaco-británico, “son as condicións indispensables da busca racional dos fins. Cando se fai excesivo o exceso? Cando se converte en malgastar o malgaste?”.

A esta altura non queda ninguén en Galicia –case é posible atreverse a dicir que no Estado– que non saiba que Vigo é onde vive o Nadal. Un Nadal marcado polos “miles de milleiros” de leds, polos “miles de milleiros” de visitantes e polos “miles de milleiros” de hoteis, bares e restaurantes que colgan o cartel de completo. Estes “miles de milleiros”, proclamados desde o Concello de Vigo a falta dun detalle real de cifras, tratan de xustificar a utilidade á que se refire Zygmunt Bauman, pero cal é a verdadeira utilidade?

O decorado do Nadal funciona case como unha sorte de montaxe ideado especificamente para que quede ben no Instagram

Ben, é innegable que a cidade se converteu nun foco de atracción nestas datas. Este ano, no que as restricións pola pandemia da COVID semella que quedaron atrás, a afluencia de visitantes desde comezos de decembro está a desbordar a zona centro, na que se concentra o decorado. O súmmum do Nadal vigués vai da árbore situada na parte alta da Porta do Sol ata o boneco de neve xigante que dá paso á confluencia entre as rúas Policarpo Sanz e Colón. Seguindo a alfombra vermella, móbil en man, cadaquén para tirar as súas fotos nos lugares predispostos. Funciona case como unha sorte de montaxe ideado especificamente para que quede ben no Instagram.

A utilidade, para quen organiza, ben demostrada polos constantes atascos e a saturación das vías de transporte. Pola dificultade ata para coller un Vitrasa a determinadas horas, sen esquecer que o cadro de persoal da empresa concesionaria dos autobuses urbanos de Vigo mantén os paros como protesta polo conflito na negociación dun convenio caducado desde 2020, e pola dificultade de aparcar o coche aínda que sexa nun aparcamento de pago. O Faro de Vigo levou a palabra colapso a un titular durante a ponte da Constitución e as imaxes dos coches aparcados no carril dereito do acceso ao túnel de Beiramar correron polas redes sociais. A Policía Local trasladou que a maioría tiñan matrícula estranxeira, xa sabemos o que senten en Valença cando desembarcamos na Fortaleza.

A nora do Nadal na Alameda de Vigo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

É de xustiza salientar que a causa das atraccións do Nadal a cidadanía está a conquistar un espazo público que na práctica é patrimonio dos vehículos. Nesa conquista, as rúas de Vigo volven ser punto de encontro, mais en grande medida tamén un escenario filmado simultaneamente por “miles de milleiros” de teléfonos móbiles. Pasear polo centro supón saír nos vídeos de todo o mundo, como pasear pola zona vella de Santiago leva acompañado aparecer de extra no recordo dalgún peregrino ou peregrina en busca da súa Compostela.

Sobre todo, hai nenas e nenos cos ollos ben abertos para captalo todo, xente que agarda en colas permanentes para facerse a foto sen présa ou persoas en cadeiras de rodas que aproveitan os momentos de menor aglomeración

Hai carrozas, cabinas para as cartas aos Reis Magos, árbores de Nadal, bonecos de neve, un mercado no que a artesanía galega está ausente, casetas para comerse un bolo preñado ou unha torta con chocolate, carruseis, as típicas atraccións das festas parroquiais e unha nora. Sobre todo, hai nenas e nenos cos ollos ben abertos para captalo todo, xente que agarda en colas permanentes para facerse a foto sen présa, crianzas que se soltan da man para correr cara aos decorados, persoas en cadeiras de rodas que aproveitan os momentos de menor aglomeración, grupos de adolescentes que documentan cada paso... Sen dúbida esa é a mellor parte, a xente que pasa un bo anaco entre as luces

Pero tamén hai veciñanza que non logra ser escoitada polas autoridades e que se organiza para protestar, como é o caso da Agrupación de veciños da Zona Centro de Vigo, que reúne a persoas que viven ou traballan nas zonas con máis presenza de decorados e atraccións, cun especial protagonismo da veciñanza da Alameda, que ten a escasos metros das súas casas a gran nora e padece as consecuencias da inesgotable megafonía.

Volvendo á cuestión da utilidade, cabe preguntarse que futuro ten todo isto. Que futuro lle espera a Vigo se centra a súa proxección exterior nun evento efémero que, en realidade, sucede en todas as cidades do mundo e que non deixa de ser unha manifestación agradable do capitalismo máis agresivo, que incita ao consumo polo consumo. Un evento cuestionado desde o prisma do ecoloxismo pola contaminación que xera e que supón un gasto eléctrico concentrado nun momento no que xa todas somos conscientes dos custes de produción da enerxía. Máis aínda cun inverno por diante no que para prender a calefacción hai que pensalo ben antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.