A Xunta saltou a súa propia lei co mercado de Nadal de Vigo onde quixo competir co do Concello

Imaxe divulgada pola Xunta dunha actuación no Nadal Solidario organizado en 2019 co que saltou a súa propia lei de comercio CC-BY-SA Xunta de Galicia

Un xulgado nega que non houbese ánimo de lucro nun evento que Corina Porro presentou como “solidario” e censura que “en lugar de someterse ao cumprimento das normas, preferiu defender unha ficticia singularidade da súa actuación”

“Pretendeuse [pola Xunta], na súa calidade de promotora do evento, un trato diferente, privilexiado, exento do control legal e regulamentario que lle resulta de aplicación ao fenómeno da venda ambulante, e en lugar de someterse ao cumprimento das normas, preferiu defender unha ficticia singularidade da súa actuación”. Así se pronuncia nunha sentenza emitida o 4 de febreiro o xuíz do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo sobre o denominado Nadal Solidario co que a daquela delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, quixo competir nun edificio da Autoridade Portuaria controlada polo PP co mercado de Nadal organizado polo Concello de Vigo a poucos metros. Un evento co que o Goberno galego saltou a súa propia Lei do Comercio de Galicia.

Tras o afundimento electoral do PP nas municipais de 2019 fronte a Abel Caballero o presidente Feijóo nomeou á ex-alcaldesa popular Corina Porro á vez delegada da Xunta en Vigo e presidenta da xestora local do partido. Porro encabezou unha serie de intentos de competir co goberno local, como o anuncio nunca concretado de luces ornamentais para a ponte de Rande fronte ao alumeado municipal ou o intento de presentarse a si mesma e á Xunta como defensores do Celta fronte aos obstáculos do Concello á sociedade anónima deportiva. 

Porro nun acto de promoción de conservas co presidente da patronal do sector e agora da patronal galega no Nadal Solidario CC-BY-SA Xunta de Galicia

O evento debía contar con autorización municipal e a Xunta así a pediu, pero cando o Concello lle reclamou máis documentación o Goberno galego denunciouno ante a xustiza, que agora lle quita a razón

O Nadal Solidario que o Goberno galego organizou no denominado Tinglado do porto vigués, salpicado de carteis co lema “a Xunta con Vigo”, presentouse como unha iniciativa para dar visibilidade e apoio a diversas organizacións non gobernamentais e entidades de interese social da cidade (entre as que se deu cabida á antiabortista Red Madre). Pero a sentenza agora emitida salienta que non todo naquel mercado de Nadal carecía de ánimo de lucro e que, polo tanto, debía encadrarse baixo a normativa que regula a venda ambulante na lei de comercio galega, que deixa en mans municipais a autorización dese tipo de mercados.

De feito, a Xunta solicitou permiso municipal, pero cando o Concello requiriu que completase a súa documentación non o fixo e optou por denuncialo ante a xustiza. Agora, o xulgado non só non lle dá a razón, senón que censura que o Goberno galego pretendese recibir un trato de favor e non cumprir a súa propia lexislación, ademais de criticar o pouco sustento xurídico do seu recurso.

A Xunta argumentou que “parte dos beneficios van destinados a causas solidarias”, frase da que o xuíz destaca o feito de que sexa unha “parte, outra parte, non”

A sentenza salienta que como actividade de venda ambulante que incluía o Nadal Solidario debía garantir a libre concorrencia dos negocios interesados en instalarse nel, algo que a Xunta non fixo. A sentenza tamén salienta que na súa propia defensa o Goberno galego argumentou que “parte dos beneficios van destinados a causas solidarias”, frase da que o xuíz destaca o feito de que sexa unha “parte, outra parte, non”, ao que engade que “menciona un escaso ou nulo rendemento dos negocios, que tamén denota a ausencia dese anunciado inutilmente carácter gratuíto”.

A sentenza chega a cualificar como “contraditoria” a argumentación da Xunta na súa defensa “posto que por unha parte rexeita que o evento que promovía se encadrase no concepto de venda ambulante, pero por outra, recoñece que os titulares dos negocios que interveñen nel (camións de comida e casetas de venda) xa terían presentado individualmente a documentación que respectivamente lles competía”.

Porro na inauguración do Nadal Solidario de 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.