A comezos de novembro, pouco despois de que o Concello de Vigo anunciase o temperán inicio da instalación do alumeado de Nadal , aposta turística central do consistorio que encabeza Abel Caballero nos últimos anos, a Xunta avanzaba a súa intención de desenvolver unha programación de seu por esas datas na cidade. A nova delegada do Goberno galego en Vigo, a ex-alcaldesa Corina Porro, aseguraba xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que a intención non era "competir" co Concello, senón "colaborar" e organizar un evento de tipo "solidario".
Nas actividades da Xunta polo Nadal en Vigo, que di non realizar para "competir" con Caballero, facilitarase achegar doazóns ás entidades participantes
Ás portas do inicio desas actividades promovidas pola Xunta no marco da súa aposta por facerse ver máis en Vigo tras o devalo electoral do PP na urbe máis poboada de Galicia, xa está dispoñible o programa de eventos, a desenvolver dende o 16 de decembro ata o 4 de xaneiro en instalacións da Autoridade Portuaria e mais na praza da Estrela, ao carón da delegación da Xunta. Como avanzaran Porro e Rodríguez, entre as actividades programadas figura un espazo "para organizacións non gobernamentais" no que se facilitará que quen asista poida realizar doazóns económicas para as mesmas.
Entre estas organizacións figura a antiabortista Red Madre, a organización protexida por lei en Galicia dende hai unha década. Daquela, tras o retorno do PP á Xunta, o goberno de Feijóo impulsou a norma nominalmente encamiñada a "establecer e regular unha rede de apoio á muller embarazada", que lle deu cobertura legal a esta entidade impulsada dende o Foro Español de la Familia, abriulle a porta do financiamento público, outorgoulle funcións como o asesoramento a mulleres embarazadas sen recursos económicos e abeirou outras controvertidas medidas coma un "protocolo de renuncia de bebés no hospital".
A presenza da Red Madre non fora explicitada pola Xunta nas últimas semanas, cando foi avanzando detalles do seu programa de Nadal en Vigo. Si estaba incluída na listaxe outra entidade de tipo antiabortista, Ayuvi, que tamén recibiu financiamento do Goberno galego nos últimos anos ao abeiro da devandita lei.
En anteriores ocasións, Xunta e PP responderon ás críticas polo seu impulso a esta entidade antiabortista comparándoa con ONG que axudan a persoas sen recursos económicos
Esta non é, daquela, a primeira ocasión na que o PP promove ou axuda á Red Madre dende a a Xunta. E tampouco, especificamente, a primeira vez que o fai na cidade de Vigo ou a través das súas delegacións territoriais. Así, por exemplo, no pasado 2016 os populares vigueses promoveron premiar a esta entidade antiabortista como Viguesa Distinguida, galardón municipal que non lograron polos votos en contra dos daquela outros dous grupos da corporación, PSOE e Marea de Vigo.
Máis recentemente, neste 2019, a organización lograba a concesión dun dos locais da nova sede da Xunta en Pontevedra dentro dunha convocatoria para o conxunto do tecido asociativo. Diante das críticas por accións coma estas, en ocasións anteriores o propio PP deu en equiparar á Red Madre con ONG que axudan a persoas sen recursos económicos. Así, por exemplo no verán de 2015 os populares galegos equiparaban a Red Madre con Cáritas despois de que o Concello de Santiago retirase á entidade antiabortista o uso de balde dun piso municipal, logrado en tempos do goberno popular na capital galega