Ex-alcaldesa, ex-presidenta do porto, ex-presidenta da Zona Franca, ex-conselleira con Fraga, ex-senadora, ex-vicepresidenta da Deputación e ex-presidenta do CES, Feijóo entregoulle hai un mes o control do partido e agora dálle un soldo público na cidade
Ninguén en Vigo nos últimos anos pasou por máis postos públicos que Corina Porro (Ferrol, 1953), ex-alcaldesa, ex-presidenta do porto, ex-conselleira, ex-directora xeral da Xunta, ex-vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, ex-senadora, ex-deputada autonómica, ex-presidenta da Zona Franca e ex-presidenta do Consello Económico e Social. Ese último posto, no que a puxo Feijóo en 2011 despois de que Abel Caballero lle gañase por segunda vez a alcaldía da cidade, ocupouno ata esta semana. Agora terá outro posto público, nun novo episodio de recolocación en cadea de cargos populares pola Xunta tras uns malos resultados electorais.
Hai un mes, tras a nova derrota electoral do PP ante Caballero (13% fronte a 67% dos votos) e a dimisión da candidata e presidenta local do partido, Elena Muñoz, Feijóo encargou a Porro a presidencia da xestora que asumiu o control da formación en Vigo ata un futuro congreso. Porro asegurou que non volvería á política local, pero este xoves Feijóo, que enumerou parte dos seus cargos anteriores e gabou a súa longa traxectoria, deulle tamén un novo cargo oficial, o de delegada da Xunta en Vigo, con soldo público e coche oficial desde o que tentar ao tempo sacar a flote o PP vigués. O despacho terao a poucos metros dos outros tres que ocupou na cidade, o do porto, o da vicepresidencia da Deputación e o da alcaldía que durante o seu mandato trasladou á mesma zona privilexiada cun polémico custo.
Porro comezou na política local viguesa como concelleira en 1995 e agora, malia asegurar que non volvería á mesma, será a delegada da Xunta na cidade ao tempo que preside o PP local
Corina Porro comezou na política local viguesa como concelleira en 1995. O seu habitual sorriso e trato afable sexa cun mozo ou cun ancián compaxinado coa súa capacidade de endurecer a faciana para lanzar duras críticas políticas acompañárona na súa multifacética carreira política. Catro anos despois, en 1999, foi nomeada directora xeral de Servizos Sociais da Xunta, e en 2001 era ascendida a conselleira do mesmo departamento. En 2003 foi a candidata do PP á alcaldía, que malia ser a máis votada non logrou nos comicios senón medio ano máis tarde a través dunha moción de censura contra o PSdeG facilitada polo BNG. Como rexedora correspondeulle ocupar ao tempo a presidencia do Consorcio da Zona Franca da cidade, posto no que foi máis alá do institucional para enfrontarse co director executivo da entidade, o delegado do Estado, nomeado polo daquela Goberno central do PSOE.
Durante esa etapa como alcaldesa decidiu trasladar o despacho da alcaldía da sede central da administración local a un edificio señorial xunto á ría, na privilexiada rúa Areal, para dar maior visibilidade á institución. Os socialistas sacaron tempo despois á luz facturas que evidenciaban que o mobiliario daquel despacho supuxera 377.000 euros.
Porro foi a candidata máis votada nas municipais de 2003, 2007 e 2011
Nas municipais de 2007 Porro volveu ser a candidata máis votada pero perdeu a alcaldía a mans dunha coalición de PSdeG e BNG encabezada por Abel Caballero, que chegou ao cargo desde o seu anterior posto de presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. Porro intentou unha estratexia similar para recuperar a alcaldía a partir doutro posto público e, tras ser senadora e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, cargo no que volveu ocupar un despacho oficial desa institución nun edificio lindeiro co do Concello xunto á rúa Areal, en 2009 foi nomeada pola Xunta de Feijóo presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo. O seu despacho desprazouse daquela apenas 300 metros, pero desde el non logrou recuperar en 2011 a alcaldía, que volveu ser para Caballero malia ser a popular por terceira vez a candidata máis votada.
Feijóo deulle daquela a Porro a presidencia do Consello Económico e Social, o principal órgano “de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta”, posto cun soldo de 69.000 euros brutos ao ano máis os trienios que lle correspondesen como empregada pública, só por tras do de Feijóo. Nese posto, en Santiago, estivo Porro ata agora afastada da primeira liña política vendo como a candidata que a sucedeu na cidade, Elena Muñoz, ex-conselleira de Facenda e elección persoal de Feijóo, afundía por dúas veces, en 2015 e o pasado 26 de maio, os resultados do PP na cidade fronte a Abel Caballero.
Porro será a cuarta persoa que ocupe a delegación da Xunta na cidade creada por Feijóo en 2009 como contrapoder fronte a Abel Caballero
Agora, doce anos despois de deixar en 2007 a alcaldía da rúa Areal, dez despois de saír da lindeira vicepresidencia da Deputación e oito despois de abandonar tamén a veciña Autoridade Portuaria, Porro volve a un despacho oficial na mesma zona privilexiada de Vigo, onde se levanta o edificio da delegación da Xunta na cidade e a súa área metropolitana. Será a delegada do Goberno de Feijóo en Vigo, posto cun soldo de 58.000 euros brutos, máis trienios, no que substitúe a un antigo compañeiro de goberno local, Ignacio López-Chaves, que a reemplazou á súa vez a ela en 2011 á fronte do porto e que agora é recolocado tamén noutro posto autonómico. Porro será a cuarta persoa que ocupe a delegación da Xunta na cidade creada por Feijóo en 2009, tras Lucía Molares, María José Bravo Bosch e López-Chaves. Os tres intentaron, sen éxito, actuar como contrapoderes de Caballero. Agora tócalle a ela, ao tempo que intenta reconstruír o partido local. Segundo Feijóo, é a persoa idónea xa que ao ser ex-alcaldesa é "coñecedora das necesidades" da cidade.