A ex-conselleira de Facenda, aposta persoal de Feijóo xa en 2015 e que contou cunha intensa campaña de apoio desde a Xunta, deixa novamente descabezado o PP de Vigo, do que era a súa presidenta
Elena Muñoz, candidata do PP ás municipais en Vigo o pasado domingo e hai catro anos, vén de presentar a súa dimisión dos seus cargos no partido e non recollerá a acta de concelleira tras non ser quen de superar o 14% nos últimos comicios. Así llo comunicou este sábado aos seus compañeiros en Vigo, cidade na que esta foi a segunda ocasión en que empeorou os resultados dos populares, tras ser en 2015 a aposta persoal de Feijóo para intentar socavar o poder do socialista Abel Caballero, que vén de facerse co 67% dos votos.
Funcionaria de carreira, Muñoz foi nomeada conselleira de Facenda en xaneiro de 2012 en substitución da primeira titular desa área con Feijóo, Marta Fernández Currás, que viña de asumir o cargo de secretaria de Estado de Facenda no Goberno de Rajoy. Tres anos despois, en febreiro de 2015, Feijóo elixiu a Muñoz como a súa aposta persoal para enfrontarse a un Caballero que daquela aínda non contaba con maioría absoluta.
Tanto en 2007, cando Caballero chegou á alcaldía de Vigo, como en 2011, o PP, con Corina Porro, foi o máis votado con 13 concelleiros, pero con Muñoz baixou primeiro a 7 e agora a 4
Nas municipais de 2007, as primeiras tras as que gobernou Caballero, o PP, coa ata daquela alcaldesa Corina Porro á cabeza, mantívose como primeira forza, con 13 concelleiros fronte a 9 de Caballero, obrigado a pactar co BNG. Tras catro anos de goberno do socialista, en 2011, tamén con Corina Porro, o PP mantívose cos mesmos 13 concelleiros fronte a 11 do PSOE, novamente obrigado a pactar. Porén, en 2015, co partido en Vigo en mans do histórico número 2 Chema Figueroa, a candidata Muñoz non foi quen de manter aquela situación e o PP foi amplamente superado por Caballero, que subiu a 17 edís deixando os populares en 7.
A segunda oportunidade que tivo Muñoz o pasado domingo afundiu aínda máis o PP en Vigo, ata os 4 concelleiros. E iso malia contar, tanto en 2015 como agora, co apoio da Xunta, que despregou unha intensa campaña de respaldo á candidata popular desde as institucións.
Agora, Muñoz deixa novamente descabezado o PP de Vigo, do que era a súa presidenta desde 2016. Naquel momento loitaron por facerse co control do partido Muñoz, co respaldo de Feijóo, e o tamén ex-conselleiro Javier Guerra, gañando a primeira por 420 a 320 votos, resultado que reflectiu a división existente no PP a nivel local. O segundo acabou coqueteando con Ciudadanos mentres que mesmo no bando gañador hai voces veteranas críticas co intervencionismo desde Santiago, que presumiblemente volverá tomar o control da formación a través dunha xestora ata que se celebre un novo congreso.