Caballero queda só en Vigo tras superarse a si mesmo

Abel Caballero triunfante no peche da campaña electoral Dominio Público @abelcaballero

O socialista supera o 67% dos votos, convértese no máis lonxevo da cidade de cando menos o último século e reduce o PP ao 14% dos votos

Loitaba contra si mesmo e superouse. Abel Caballero seguirá a ser alcalde de Vigo, agora con máis do 67 % dos votos (20 de 27 concelleiros), novamente a maioría absoluta máis ampla das principais cidades de todo o Estado. Un resultado aínda maior que as xa de por si elevadas expectativas de voto que lle daban as enquisas previas e as súas propias declaracións públicas durante os últimos catro anos. Por detrás del, o PP pasou do 20,5% dos votos de hai catro anos ao 14% actual, o que lle dá 4 escanos, seguidos dos 2 escanos de Marea de Vigo e un escano co que o BNG volve entrar na Corporación.

Durante a democracia, só en media ducia de ocasións alcaldes de cidades españolas lograron maiorías máis amplas que a actual de Caballero, principalmente nos comicios locais de 1983 no coñecido como cinto vermello do sur de Madrid e Andalucía, históricos bastións do PSOE.

A súa actual vitoria converte a Caballero no alcalde máis lonxevo de Vigo cando menos do último século, superando os 12 anos durante os que foi rexedor nos oitenta o tamén socialista Manoel Soto. Os seus 72 anos non lle marcan límites, xa que no mitin principal desta campaña, acompañado por Pedro Sánchez, chanceou con seguir “uns 25 anos máis”.

Na súa dilatada traxectoria pública, Caballero, doutor en Económicas, foi ministro de Transportes e Turismo con 38 anos, entre 1985 e 1988, con Felipe González. Logo de presentarse sen éxito en 1997 á presidencia da Xunta contra Manuel Fraga e ser superado tamén polo BNG, retirouse uns anos da primeira liña política á súa praza na Universidade de Vigo. En 2005, co PSOE no Goberno central e na Xunta, volveu para ser nomeado presidente do Porto de Vigo, desde o que se fixo en 2007 coa alcaldía da cidade que daquela tiña o PP. Desde aquela foi gañando apoios en cada convocatoria ata que a súa ampla maioría absoluta de hai catro anos o levou tamén a presidir a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), cargo cuxa continuidade deixa en mans do seu partido.

“A oposición saberá se a súa debilidade empeora o control democrático; elíxea o cidadán, non eu”, dixo nesta campaña electoral

Cun estilo personalista, populista para algúns, Caballero di non preocuparse de que as súas intervencións públicas a conta da iluminación do Nadal ou doutro tipo de actuacións de remodelación urbana en Vigo se convertan en virais en toda España. Tampouco lle preocupa, segundo respondeu nesta campaña nunha entrevista con este diario, que a debilidade da oposición poida empeorar o control democrático: “Iso saberano eles. A oposición a elixen os cidadáns, non a elixo eu”. 

Esa oposición quedou reducida desta volta a só 7 dos 27 concelleiros da Corporación. Catro deles serán do PP, no que a súa candidata, a ex-conselleira Elena Muñoz, empeora aínda máis os seus resultados a respecto dos de 2015, cando se presentou por primeira vez. Daquela obtivera 7 concelleiros co 20,5% dos votos, perdendo xa 6 concelleiros a respecto dos 13 de catro anos antes. Agora non é quen de chegar ao 14% dos votos.

Abel Caballero votando Dominio Público @abelcaballero

Marea de Vigo, a formación que irrompeu á esquerda do PSOE hai catro anos con 3 concelleiros e o 11,4% dos votos e que nesta campaña contou co apoio persoal do líder de Podemos, Pablo Iglesias, cae a 2 edís co 7% dos votos. O BNG, que ostentou a alcaldía da cidade entre 1999 e 2003 con Lois Pérez Castrillo, cando acadou o seu máximo de concelleiros con 8, volve entrar na Corporación cun concelleiro tras desaparecer dela hai catro anos, cando non puidera superar o 5%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.