Dende hai uns anos, ao falar de Vigo, pensamos inevitablemente no seu alcalde, Abel Caballero. Nos últimos anos a política da cidade olívica pasou a orbitar por completo arredor do seu rexedor, ao que se ten caracterizado coma un persoeiro a medio camiño entre político e showman. En 2015 gañaba por terceira vez as eleccións municipais, nesta ocasión logrando un resultado histórico de 17 concelleiros, tres máis dos precisos para gobernar, e o 51,8% das papeletas. Estas cifras fixeron que saltase ás portadas dos xornais recoñecendo ao de Ponteareas coma o alcalde máis votado das grandes cidades do Estado español.
Nestas eleccións as sondaxes dixeron que o rexedor socialista non só revalidará eses 17 concelleiros, senón que sería quen de lograr aumentalos. Caballero apostou forte e presentou coma terceira na lista (o segundo posto está reservado a Carmela Silva) a ex-ministra Elena Espinosa. Tal é a atmosfera de vitoria adiantada que, no mes de marzo, tan só Marea de Vigo e BNG fixeran pública a súa lista para as vindeiras eleccións. Destacou, na lista de Marea de Vigo, que soamente Rubén Pérez repite, e de primeiro.
Pola súa banda, os populares agardaron ata a data límite para facer pública a candidatura. Elena Muñoz enfrontarase de novo contra Abel Caballero, sendo ela unha das ex-conselleiras que Feijóo enviara á reconquista dos concellos perdidos. E como no caso de Agustín Hernádez en Compostela, sen éxito.
Tivemos que agardar ata a publicación no BOP para coñecer aos candidatos de Ciudadanos. No caso de VOX, esperaron, tamén, ata os últimos días.
Participación e Idade: ¿unha relación necesaria?
A participación nas eleccións municipais de 2015 foi do 60% en Vigo, mentres que a media do estado foi de 64,91% (baixando 1,3 puntos dende as eleccións de 2011). En realidade, isto entra dentro da normalidade, como xa di a literatura sobre comportamento electoral en Galicia e mesmo en Europa: Os municipios urbanos teñen unha participación máis baixa que os rurais.
Nos barrios cunha idade media máis baixa hai tamén unha alta participación
Aínda que bastante equilibrado, o comportamento do electorado vigués non é exactamente homoxéneo. En Sárdoma e Travesía non chega ao 55%, e na zona interior de Teis, a porcentaxe atopamos a participación máis baixa (36,14%).
Na zona de San Andrés de Comesaña e Navia temos as seccións cunha maior participación (74,14% e 70,6%, respectivamente). A simple vista podemos ver coma existe, nesta zona unha relación entre idade e participación. Ata hai non moitos anos, Navia era un dos barrios con menos residentes, pero a construción dunha nova zona residencial fixo que moitas familias novas se asentasen aquí. Deste xeito, podemos ver coma nestes barrios, onde a idade media é máis baixa, hai tamén unha alta participación.
Outra zona onde podemos deducir unha certa tendencia no comportamento é a zona máis oriental do concello. Nos barrios de Cabral e Bembrive, cunha participación que rolda o 68%. Agora ben, na zona de Zamáns esta porcentaxe diminúe 5 puntos.
Vigo non é das zonas máis envellecidas de Galicia. De feito, a poboación maior de 65 anos tan só representa o 21,2% da poboación total, sendo o grupo máis grande de residentes o de entre 40 e 64 anos (36,7%). Podemos interpretar estas cifras pensando nos anos de crecemento relativamente recentes da cidade na década dos anos 70 e 80. As veciñas e veciños de Vigo de ata 20 anos representan o 16,9% da poboación, mentres que aqueles de entre 20 e 39 anos o 25,2%.
Pode que nos resulte sorprende non ser quen de atopar unha relación a simple vista entre voto e idade. Pero iso podémolo ver atendendo aos barrios.
O voto segundo barrio: os vigueses de Caballero non son os do centro
Resulta interesante pensar nestes mapas de Vigo, tendo en consideración as diferenzas entre os “novos” novos barrios e os “vellos” novos barrios. Navia, como xa comentamos, non parou de medrar dende 2005, cando se entregaron as primeiras chaves dos pisos na zona industrial. Un crecemento que pode recordar ao que viviron outros barrios coma Coia, Balaídos ou Castrelos noutras décadas, especialmente a partir dos 70.
Teis, Cadeán e Lavadores son os barrios con maior porcentaxe de voto a Caballero
Un dos datos que máis nos impresionan é a porcentaxe de voto obtida polo PSdeG-PSOE. É máis, é a única formación que supera o limiar do 50% das papeletas facéndoo en numerosas seccións. Mesmo, o que realmente chama a atención son as seccións onde a porcentaxe de voto aos socialistas é menor do 25%. Cales son esas zonas? Vigo centro, Beiramar, O Castro e a zona de Coruxo ata Alcabre. No bando oposto, Teis, Candeán e Lavadores son os que presentan maior porcentaxe de voto socialista, cunha participación que rolda entre o 63% e 60%. Esa distribución é inversa no voto ao Partido Popular.
Paradoxalmente, PP e Marea de Vigo disputan as mesmas zonas. Podemos ver certa concentración do voto e tendencias nos mesmos barrios para estas dúas formacións. Así, podemos observar como a zona de Vigo centro, Areal, Beiramar e Casco Vello son as seccións onde os populares e Marea de Vigo concentran o seu voto.
As zonas de maior voto ao PP son as de maior renda e nos que teñen renda máis baixa é onde menos apoio reciben
No caso dos populares, as zonas de maior voto corresponden ás que maior renda dispoñen. Debemos, iso si, facer mención especial ás seccións correspondentes ás parroquias de Coruxo e Oia no seu extremo occidental chegando nunha nelas a superar o 45% dos votos. Sendo a media de voto ao PP das seccións dun 20,9%, podemos visualizar doadamente as seccións onde esta sobrepasa o azul: Oia, Coruxo por unha banda; e Vigo centro, Alameda ata Urzaiz e Praza de España.
Así volvemos a incidir no paralelismo dos barrios con maior renda e maior porcentaxe de voto ao Partido Popular. De xeito oposto nos barrios cunha renda máis baixa Lavadores, Sampaio, Candeán e Cabral a porcentaxe de voto é das máis baixas para a formación popular.
Por outra banda, no caso da Marea de Vigo podemos identificar certo paralelismo entre as seccións cunha poboación máis nova e maior porcentaxe de voto a esta candidatura, aínda que esta relación tampouco resulta tan evidente. Iso si, a súa maior porcentaxe de voto na zona próxima ao Concello de Vigo cun 26,27% de voto.
No caso do BNG e de Ciudadanos resulta complicado identificar certo patrón xa que as súas porcentaxes de voto máis elevadas non alcanzan o 10% dos votos. En todo podemos sinalar Lavadores, Teis, Cabral, Navia e Valadares coma as zonas onde os nacionalistas logran unha porcentaxe de voto máis elevada (entre o 9,97% e 8,63% ). No caso da formación laranxa semella que consigue os seus mellores resultados polo centro da Cidade, destacando as seccións próximas á Praza de Compostela e Beiramar, cunha porcentaxe de voto de entre o 8,31% e o 6,56%.