Compostela 2015: 29 anos de goberno socialista e 4 anos de desgoberno popular

Veciñanza de Santiago na contorna da Alameda © Concello de Santiago

Máis que revolto estaba o escenario político en Compostela nas eleccións municipais de 2015. En abril de 2012, menos dun ano despois de facerse os populares coa anhelada alcaldía da capital galega tras 29 anos de goberno socialista, o alcalde Conde Roa presenta a súa dimisión despois de que El País Galicia desvelase a fraude fiscal dos seus negocios inmobiliarios pola que acabaría sendo condenado. Nese momento Ángel Currás porase á fronte do goberno municipal, pero vese obrigado a dimitir en 2014 tas o estourido e expansión do caso Pokémon, no que a investigación implica ao seu predecesor e parte do seu equipo. Na vaga expansiva do caso 7 dos concelleiros son inhabilitados -a Audiencia da Coruña revogaría a inhabilitación en marzo de 2015- e varios máis, investigados xudicialmente.

Santiago chegou ás eleccións municipais de 2015 cun escenario político revolto, marcado pola sucesión de tres alcaldes do PP entre sospeitas de corrupción; fronte ás crises dos populares e os problemas internos do PSdeG chegara a aposta de Compostela Aberta con Martiño Noriega á fronte

En 2014 Agustín Hernández, quen era conselleiro de Medio Ambientem pasa o tomar posesión por orde do presidente da Xunta e convertese en alcalde de Santiago de Compostela. Tal era a situación do PP compostelán que Hernández era, nada máis e nada menos, que o número 25 da lista que presentaran os populares en 2011 nas eleccións locais. Apenas quedaban xa suplentes, encadeándose dimisións, inhabilitacións e fuxidas. En catro anos, tal foi que Compostela tivera tres alcaldes: dous deles investigados no caso Pokémon e un que non chegara a ser electo.

Tampouco estaba a cousa calmada entre os socialistas. En 2014  Mercedes Rosón acusaba ao “aparato” local do PSdeG-PSOE, encabezado polo ex-alcalde Bugallo, de inchar a afiliación de forma irregular para evitar que ela gañase as primarias. Inscribíranse case 300 novos afiliados. Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde dende 1998 ata 2011, deixou o mando dos socialistas picheleiros para ser deputado autonómico; deixando como voceiro a Paco Reyes en 2012. Este gañaría as polémicas primarias de 2015 e sería o candidato á alcaldía. Fose coma for, en 2015 Reyes presentaba unha lista case renovada por completo. 

Tomas de posesión de Conde Roa, Currás e Hernández CC-BY-SA Praza Pública

Na candidatura estaba Antón Barba, quen debera ter tomado posesión en 2016 trala renuncia dunha das edís socialistas. Pero leva tres anos sen facelo e ao non renunciar, a lista non pode correr. Deste xeito, o grupo do PSdeG-PSOE estivo cun representante de menos no pleno dende aquela. Barba foi expulsado do partido, e agora pensa tomar medidas legais. Catro anos despois, Bugallo volve presentarse nestas eleccións municipais. Verá con bos ollos o electorado de Compostela que Bugallo volva tras marchar ao Parlamento despois da súa derrota en 2011? Ser a oposición non é doado, e semella que a Bugallo non lle convencía selo hai uns anos.

Mentres o PP e o PSdeG-PSOE andaban nestas, as xa denominadas mareas municipais apostaban forte con Compostela Aberta, e Martiño Noriega á súa fronte. Noriega, nese momento era alcalde de Teo e co-voceiro de Anova xunto con Beiras tras escisión “irmandiña” do BNG derivada da Asemblea de Amio en 2012. Sen dúbida, unha aposta forte, xa que o histórico líder nacionalista denominara “fillo político” a Noriega, e agora ía á conquista da capital galega tras o éxito de AGE, nas eleccións autonómicas de 2012. 

Pola súa banda, o BNG volvía presentar a Rubén Cela, director xeral de Xuventude durante o bipartito, declarando que non pensaban que a candidatura de Compostela aberta lle pasase factura. Finalmente, Ciudadanos presentaba unha lista liderada por Javier Sánchez-Agustino, quen fora edil popular con Conde Roa. 

O voto por barrio: Compostela máis alá do centro urbano

Santiago de Compostela, moitas veces é reducida ao seu centro urbano e histórico. Pero non debemos esquecer nin pasar por alto o seu rural. Este concello conta con nada máis e nada menos que con 29 parroquias rurais. Podemos atopar unha relación entre voto e espazo no caso deste concello?

O voto de Compostela Aberta foi maioritariamente urbano; no rural destaca o apoio en Carballal e Enfesta

Seguindo a dinámica doutras candidaturas cidadás, o voto de Compostela Aberta foi maioritariamente urbano. CA, que logrou no concello un 34,72% dos votos, alcanza a súa porcentaxe de voto máis alto no barrio de Fontiñas e As Cancelas (44,57%). Unha rápida ollada déixanos identificar unha ampla zona do centro urbano, dende San Lázaro ata Conxo e Santa Marta onde o apoio á candidatura de Noriega foi especialmente alta. Podemos pensar que isto ten certa relación coa idade xa que xusto nesta zona é onde atopamos unha concentración de poboación entre os 30 e 49 anos.

Iso si, destaca a excepción do Ensanche onde este apoio baixa a porcentaxes comprendidas entre o 32,27% e o 24,98%. Nas parroquias do rural, Carballal e Enfesta dálle o 38,73% das súas papeletas a CA. No entanto, no territorio do norte do concello non atopa bos resultados, especialmente nas parroquias de A Barciela, César e Marantes onde alcanza o seu porcentaxe máis baixo de voto: 20,48%.

En Fontiñas e Conxo é onde os populares tiveron peores resultados en 2015

Ao analizar a distribución espacial do voto ao PP no concello, sen dúbida podemos identificar que se dá á inversa que o voto a CA: na zona de Fontiñas e Conxo é onde os populares teñen peores resultados e no centro urbano, no Ensanche, onde conseguen máis apoio, alcanzando ata o 52,78% das papeletas. 

Nas parroquias rurais do nordeste do concello, tamén vemos un alto apoio aos populares que podemos relacionar coa idade, xa que vemos que é no norte do concello onde atopamos unha maior concentración de veciñas e veciños maiores de 65 anos. A súa vez, é o norte do concello onde a participación é máis baixa. 

Hai catro anos parroquias como Fecha e Grixoa rexistraron os maiores apoios ao PSdeG

No 2015 os socialistas non lograron recuperarse, a pesar do desastre do PP: tan só conseguiron o 14,61% dos votos. Semella que o pasado socialista da cidade non foi suficiente para convencer aos electores. Onde logran máis apoio? En xeral, diríamos que na zona do rural; especialmente nas parroquias de Fecha e Grixoa (25,6%), e nas zonas de Vite (24,6%), e Amio (22,84%). Se nos fixamos máis na zona urbana,  nos lindeiros de Fontiñas e Sar (entre o 14, 76% e o 19,68%) así como Vista Alegre (entre o 15,20% e o 21,82%) foi nas que o PSdeG-PSOE logrou máis votos. Chama a atención a baixa porcentaxe de voto no casco vello, con só un 5,8%.

O BNG obtivo o 6,92% dos votos en todo o concello, cunha distribución relativamente homoxénea. Con todo, no Castiñeiriño acadou un 16,83%. O caso de Ciudadanos é curioso. Tendo en conta que tan só conseguiu o 4,81% dos votos, é difícil establecer unha relación entre espazo e voto, pero, contrariamente ao que ocorreu no resto das cidades galegas, onde o seu voto é fundamentalmente urbano, en Compostela, C´s logra a súa porcentaxe de voto máis alta nas parroquias rurais de A Barciela, César e Marante, cun 6,9%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.