Dende 1999, Miguel Anxo Fernández Lores goberna a cidade capitalina de Pontevedra. Chegou á alcaldía no momento de gran crecemento da formación nacionalista despois de que o BNG adiantase ao PSdeG-PSOE nas eleccións autonómicas de 1997. Agora, dúas décadas máis tarde, o Bloque atópase sen dúbida nas súas horas máis baixas. A pesar de mellorar resultados no pasado 28A, os nacionalistas suman dúas convocatorias de eleccións xerais sen lograr representación no Congreso dos Deputados. De que xeito afectará a posición xeral do BNG aos nacionalistas en Pontevedra nas vindeiras eleccións locais? É máis, contaxiarase Pontevedra da crecida do PSdeG-PSOE nas eleccións xerais? Influirá isto na xa tradicional alianza entre nacionalistas e socialistas na cidade? Ademais, nesta ocasión, nada máis e nada menos que 10 candidaturas preséntanse neste 26M.
Lores chegou á alcaldía de Pontevedra en 1999, no momento de gran crecemento do BNG, que viña de adiantar o PSdeG nas eleccións galegas de 1997
Lores, é un dos alcaldes galegos “dos de antes”, sobreviventes ás mareas. Así e todo, non debemos esquecer que a pesar da súa lonxevidade a fronte da alcaldía, sempre precisou do apoio dos socialistas para logralo. Dende 1999, o BNG nunca sobrepasou os 12 concelleiros das pasadas eleccións de 2015. Nesta mesma convocatoria os populares tiveron o seu peor resultado (7 concelleiros), os socialistas facíanse con 3 concelleiros e dúas novas formación irrompían: Marea de Pontevedra e Ciudadanos, logrando 2 e 1 representantes respectivamente. Na práctica, estes resultados non afectarían á dinámica que viñan tendo BNG e PSdeG-PSOE.
O PP de Jacobo Moreira presentou unha lista á alcaldía onde cambiaba á metade dos seus candidatos, non obstante isto non evitou que o PP sufrira os seus peores resultados. Para este 26M, Rafael Domínguez será o candidato á alcaldía pontevedresa. Tamén o PSdeG-PSOE sufriu o resultado das pasadas eleccións municipais, tralas que dimitiu a executiva local debido aos malos resultados. Paradoxalmente, presenta como candidato novamente a Agustín Fernández.
No 2015 Pontevedra non se contaxiou do pulo das mareas; mesmo en Vigo a Marea local logrou mellores resultados
María Rey, que viñera liderando a formación laranxa dende hai 4 anos, foi relegada sen previo aviso ao segundo posto da candidatura, e sendo Gregorio Revenga o candidato. Algo parecido ao que pasou en Vigo, onde o que se viña perfilando como líder de Ciudadanos na cidade finalmente non logrou o apoio da dirección do partido e non será o candidato. Semella que aos de Rivera lles parece boa idea decidir dende arriba aos candidatos locais, independentemente da súa acollida nos concellos. Unha estratexia curiosa para un partido con tan escasa implantación territorial coma en Galicia. Marea de Pontevedra, pola súa banda, confirmaba que o seu actual voceiro Luís Rei sería o seu candidato. Finalmente, Vox presentará tamén candidatura con José Manuel Torres ao fronte.
No 2015 resultou curioso, aínda que non de todo sorprendente, que Pontevedra non se contaxiase do pulo das mareas cidadás que viviu Galicia nesas eleccións locais. Poderíamos pensar que a súa dinámica foi máis similar á viguesa pero, mesmo na cidade olívica, a Marea de Vigo logrou mellores resultados.
Voto en Pontevedra: as parroquias do rural fronte os barrios urbanos
A idade media de Pontevedra é notablemente máis baixa que a media galega e é a cidade de Galicia co índice de envellecemento máis baixo
Pontevedra é a sexta das sete cidades galegas en tanto a poboación (82.802), destacando que a súa media de idade é bastante más baixa (43,8) se o comparamos coa media galega (47). De feito, é a cidade galega co índice de envellecemento máis baixo. Poderíamos pensar que isto se traduciría nunha maior participación electoral, especialmente tendo en conta o contexto de 2015 e o pulo das mareas. Non obstante, a participación nas eleccións locais de 2015 foi do 60,27%, máis de catro puntos por debaixo da media estatal.
Pontevedra dividise entre unha zona urbana, repartida entre 8 barrios, e 15 parroquias do rural. Estas representan o 40% da poboación do concello. Esta división, delimitada pola dicotomía rural-urbano, debemos tela moi presente xa non soamente por ser da que nos fala o Concello senón tamén pola crítica dos grupos de oposición de abandono da zona máis rural. O centro da cidade é premiada en repetidas ocasións por representar un modelo europeo de cidade.
Nas parroquias periféricas son Verducido, Marcón e Salcedo as que representan un maior apoio á candidatura de Lores en 2015
¿Abandonou Lores o rural, tal como o acusa o PP? Unha rápida ollada podería confirmar que o centro urbano votou máis ao BNG que as parroquias rurais. Por Gorgullón atopamos á maior porcentaxe de voto ao actual alcalde (57,57% e 55,53%). As zonas de Virxe do Camiño, A Parda, O Castañal ou Valdecorvos tamén contan con elevadas porcentaxes de voto ao BNG. Iso en canto a zona do centro urbano. En canto as parroquias periféricas,Verducido, Marcón e Salcedo, son as que representan un maior apoio ao alcalde nacionalista, con porcentaxes que oscilan entre o 48,77% e o 46,93%. Destaca que estas cifras non se afastan demasiado do voto no global do concello ao BNG, que foi do 43,08%, Por outra banda, onde menos apoio atopamos cara ao BNG é na parroquia de Lourizán (entre o 35,5% e 29,73%) e a zona do Paseo Rosalía de Castro ata a ría (33,43%).
Nas parroquias onde o PP acada máis voto o BNG non é especialmente castigado; no centro urbano o apoio aos populares diminúe
Os populares contaron co 27,10% das papeletas no 2015. Unha simple ollada parece sinalar un maior apoio nas parroquias rurais, onde alcanza maior porcentaxe de voto nas de San Andrés de Xeve (42,13%), Campañó (39,39%), e Cerpozóns (39,26%). Poderíamos pensar que nestas seccións se castiga paralelamente ao Bloque, pero en ningún caso baixa do 33,84%. De feito, en Campañó o BNG alcanza o 39,56% dos votos. No centro urbano diminúe o apoio ao PP, chegando tan só ao 17,53% nalgunha seccións; sendo a excepción o barrio de Campolongo onde logran os populares o 30,06% nalgunha sección.
O voto do PSdeG-PSOE nas pasadas eleccións locais foi tan só do 10,81%, moito máis baixo que no resto das cidades galegas. Onde alcanza máis apoio? Sen dúbida nas parroquias denominadas coma rurais: San María de Xeve (20,73%), A Canicouva e Ponte Sampaio (17,60%), Marcón (16,78%), Tomeza (16,07%). e Campañó (16,04%). Nas parroquias do norte do concello e no centro da cidade é onde ten menos votos a formación socialista, chegando no barrio de Campolongo a estar por debaixo do 7%.
Marea de Pontevedra, cunha porcentaxe de voto global do 8,14%, ten un maior apoio na zona urbana pero non no centro da cidade. Na zona exterior da ría, por Lourizán, alcanza o seu mellor resultado (15,46%) seguido da parroquia de Marcón (11,22%). Os barrios de Valdecorvos, os Salgueiriños e o Lérez tamén semellan dar bos resultado para a marea. Pola contra destaca Campañó, a zona limítrofe co concello veciño de Poio, polo mal resultado obtido: tan só o 3,37% e 3,51% dos votos.
No caso de Ciudadanos, por Mourente, chega a alcanzar o 10,61% dos votos,nas proximidades do barrio de Mollavao (entre o 7,69% e 9,38%) e sendo zona central do concello (que non o centro da cidade) onde poderíamos situar os seus mellores resultados. Podemos, así establecer certo paralelismo cos resultados de Marea de Pontevedra aínda que, iso si, os de Rivera non obteñen resultados nada satisfactorios nas parroquias do rural.