Ferrol. O equilibrio da inestabilidade

Pintadas nun muro na cidade de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Non volverá haber lexislatura tranquila en Ferrol. En realidade, parece que nunca a houbo. Hai catro anos, José Manuel Rey Varela presentábase á reelección despois dun goberno con maioría absoluta do PPdeG (11 concelleiros; 36%); o único que viu Ferrol na historia da democracia. Rey Varela era unha das apostas de Feijóo para facerse co control das cidades que perdera o fraguismo, un dos obstáculos históricos do PPdeG ata cando dominaba as deputacións. A estratexia de 2011 funcionou en Ferrol, Santiago de Compostela e A Coruña, as mesmas cidades que, en 2015 lle deron o bastón de mando ás Mareas. 

Preme en "visible layers" para visualizares o resto de candidaturas

Ese ano, moitos dos conflitos xa estaban enquistados. Á perda de poboación e ao envellecemento secular, había que engadir a crise económica, que bateu en Ferrol como en poucos concellos de Galicia. O orgullo ferrolán estaba ferido, cunha taxa de paro que chegou ao 32%, e unha despoboación (envorcándose, entre outras, na veciña Narón) que lle fixo perder máis 10.000 habitantes en quince anos. Meses antes das eleccións, en agosto de 2014, o xornalista Nacho Carretero -daquela descoñecido fóra de Galicia- escribía na revista Jot Down unha reportaxe titulada Ferrol camiño de Detroit, no que debuxaba unha cidade sombría e practicamente en ruínas. Houbo un certo malestar no lector galego, pero non no ferrolán medio, que exhibiu o texto con orgullosa decadencia.

En maio de 2015, cando moitos dos conflitos xa estaban enquistados, Ferrol deu unha sorpresa relativa, enmarcada dentro dos ascensos das Mareas municipais na provincia

En maio de 2015, Ferrol deu unha sorpresa relativa, enmarcada dentro dos ascensos das Mareas municipais na provincia da Coruña. Jorge Suárez, candidato de Ferrol en Común, conseguía a alcaldía con só seis concelleiros (21,9%), apoiándose nun pacto de goberno co PSdeG de Beatriz Sestayo (cinco concelleiros; 18,3%), e co voto favorable dos dous do BNG (7,48%). Pero a lúa de mel durou pouco. En menos de ano e medio, e tras meses de rifa case diaria oportunamente aireada na prensa, Suárez comezou o seu calvario na Praza de Armas coa ruptura do goberno bicolor. Só conseguiu aprobar un orzamento en catro anos, coa prensa local sempre á espreita e coa galega representando o goberno das Mareas cunha foto de alcalde e o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, fumando nunha bañeira do despacho municipal. 

Ferrol, sitio distinto

As peculiaridades de Ferrol no ecosistema galego empezan pola súa altísima abstención en eleccións municipais. É o cuarto concello coa participación máis baixa de toda Galicia (56,7%) -só superado por Avión, Cambre e a veciña Narón-, dez puntos por baixo da media do país (66,0%). Aínda que é certo que a abstención é propia dos municipios urbanos, o caso de Ferrol é extremo. Son as parroquias de Mandia, Marmancón, Covas e Serantes, xunto cos barrios urbanos de Catabois e Telleiras, os que baixan do 50% e lastran a todo o concello. 

As peculiaridades de Ferrol no ecosistema galego empezan pola súa altísima abstención en eleccións municipais. É o cuarto concello coa participación máis baixa de toda Galicia

O voto do Partido Popular concentrouse na Madalena, Ferrol Vello, e as parroquias de Esmelle e A Mariña. Pero a distribución dos apoios ao PP foi relativamente homoxénea en todo o municipio.

Ferrol en Común fíxose coa alcaldía grazas á concentración do voto nas parroquias de Serantes, A Cabana, e nos barrios urbanos de Recimil,  Canido, Caranza e Telleiras, onde roldaba -e ata superaba- o 25%. Estes últimos, situados na zona sueste da cidade, son os mesmos onde o PSdeG obtivo os seus mellores resultados.

Outra particularidade de Ferrol é a escasa relación que ten o voto coa idade. Como veremos ao longo desta serie de análise do comportamento electoral municipal nas sete cidades de Galicia, os barrios e os distritos máis novos elevan as porcentaxes de voto aos partidos de confluencia que entraron en 2015 na política local. Ferrol, neste caso, tamén foi un sitio distinto. Apenas hai relación no voto a FeC e a idade media das seccións censuais. Ocorre o mesmo co apoio ao Partido Popular, ata agora situado nos centros das cidades e nas parroquias rurais. En Ferrol, ningunha das variables do comportamento que serven para explicar o voto urbano galego (principalmente, idade e renda), funciona. 

Incerteza 

Por circunstancias endóxenas e esóxenas, as candidaturas de confluencia, que conseguiron un éxito inédito en 2015, sufrirán moito en 2019

Nas eleccións do próximo 26 de maio, o alcalde Suárez conta con poucas posibilidades de revalidar o mandato. Por circunstancias endóxenas e esóxenas, as candidaturas de confluencia, que conseguiron un éxito inédito en 2015, sufrirán moito en 2019. Os principais problemas cos que se atopa son a división do seu partido e o consecuente declive da marca. Pero Suárez ten que lidar coas súas propias dificultades engadidas, e que teñen moito que ver coa imposibilidade de chegar a acordos nun concello fragmentado e cunha maioría moi feble. Os proxectos de peonalización do centro histórico e da reforma radical e redeseño da Praza de Armas atoparon unha oposición frontal no concello e na veciñanza. 

Rey Varela volve patear as rúas de Ferrol para pedir o voto. Esta vez, tamén, como Conselleiro de Política Social da Xunta. Feijóo encoméndase ao ex-alcalde para recuperar as cidades, nunha estratexia parecida á que levou en 2011. Nos anos vinte, a única posibilidade do PP de ter un alcalde urbano é en Ferrol, e non vai ser fácil. 

O PSdeG é o principal obstáculo de Rey Varela. O seu candidato, Ángel Mato, enfrontouse á dirección do seu partido, que apoiaba a Sestayo, e gañou o pulso grazas aos militantes. As divisións entre aparello e militancia adoitan quedar gardadas nun caixón durante as eleccións, pero sempre son susceptibles de ser reabertas cando veñen mal dadas.

As incógnitas para o 26 de maio están na dereita e na esquerda. Na dereita, Cidadáns presenta a un antigo concelleiro do Partido Popular, Alejandro Langtry, e Vox abre un espazo descoñecido na política local galega, pero con moi poucas opcións de entrar en ningún concello urbano. Nas Xerais do pasado 28 de Abril, Vox superou o 16% na parroquia da Mariña, onde, tradicionalmente, o PPdeG sobe do 40%, pero as eleccións municipais son outra cousa. 

Na esquerda, a fragmentación é máis alta. As confluencias xa se presentaron divididas entre Ferrol en Común e a Marea de Ferrol (antes Marea Ártabra), hai catro anos. Agora, ademais, faino Xuntos Actúa, nun proceso de reorganización que se parece moito -este si- ao do resto de Galicia. O BNG, pola súa banda, busca recuperar o electorado perdido desde Amio nunha cidade onde xa tiveron un alcalde do 99 a 2003.

En democracia, Ferrol probou case todas as combinacións posibles da oferta electoral

E no medio, un grupo de partidos independentes cuxo apoio real se descoñece. Sentimento Ferrolán, presenta como número un da lista ao ex-xogador de baloncesto e mito dos oitenta Anicet Lavodrama, quen acompañou a Juan Fernández en Independientes por Ferrol. Pero tamén está o único partido ecofeminista e “arredista” de Galicia: Ligando. Reivindican a Galicia histórica e a creación dun Estado galego propio “de carácter asembleario por métodos democráticos e pacíficos”.

En democracia, Ferrol probou case todas as combinacións posibles da oferta electoral. Isto, e a baixa participación, favoreceron a entrada de partidos independentes e “emprendedores” políticos desde hai tempo. O resto das cidades vive como novas situacións que, aquí, coñecen ben. A fragmentación e a imposibilidade de maiorías absolutas, en Ferrol, xa son da casa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.