As pegadas do BOE de Franco na Galicia de 2025

Franco, no barrio coruñés de Elviña en 1967, sobre o encabezamento do BOE do 20N de 1975 CC-BY-NC-SA Foto: tirada do NO-DO | Montaxe: Praza.gal

Durante catro décadas a ditadura tomou decisións en todos os eidos; algunhas conxunturais e outras, con tal repercusión que o disposto no BOE franquista chega á realidade galega actual

Franco morreu, o seu BOE segue vixente. Tal día coma hoxe de hai 50 anos morría o ditador. Francisco Franco falecía case corenta anos despois do golpe de Estado do que foi protagonista e tras o cal as súas manobras lle permitiron encabezar o réxime construído a partir de tres anos de guerra e catro décadas de represión de diversas modalidades e intensidades.

Nesas catro décadas a ditadura tomou tamén decisións en todos os ámbitos. Algunhas conxunturais e outras, cunha repercusión tal que o disposto no BOE de Franco chega aos nosos días, tamén en Galicia. Así o repasamos nos últimos meses e así o recompilamos neste 20N dun 2025 no que, por exemplo, a forma de circular polo eixo atlántico por autoestrada é imposible de entender sen ollar ao franquismo.

Publicación no BOE do 18 de agosto de 1973 da concesión da autoestrada do Atlántico, aprobada por Franco un día antes no pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

O 18 de agosto de 1973 o Boletín Oficial do Estado publicou a concesión para construír e explotar a Autoestrada do Atlántico. Aprobáraa na véspera un Consello de Ministros presidido por Franco no Pazo de Meirás. A empresa beneficiaria fora unha sociedade composta polo Banco Hispano Americano, Banco Pastor, Banco del Noroeste, Banco de Bilbao, Banco Atlántico e Unión Industrial Bancaria.

As concesións de Audasa e ENCE proceden do franquismo e as súas controvertidas prórrogas permitiron que permanezan vivas ata hoxe

A concesionaria acumulou problemas financeiros que deron lugar a múltiplas intervencións do Estado, xa con Franco morto. Xa o goberno da UCD lle concedeu en 1977 unha prórroga dun ano e en 1983, o Goberno do PSOE de Felipe González acabaría rescatándoa. Como empresa pública Audasa gozou dunha prórroga de dez anos en 1994 e doutra, por 25 anos máis, que asinou o Goberno do PP de Aznar no 2000 estendendo a concesión ata 2048. Pouco despois, en 2003, privatizouna.

A de Audasa non é a única concesión do BOE de Franco que chega á Galicia dos anos 20 do século XXI e máis alá. O 30 de xuño de 1958 a ditadura formalizou a súa decisión de instalar unha fábrica de celulosa nas beiras da ría de Pontevedra desouvindo advertencias que, mesmo dende dentro de organismos do propio Estado franquista, sinalaban diversos riscos ambientais. 

Imaxe da fábrica de Ence tirada do informativo do NODO da súa inauguración por Franco en 1963 © NODO

En 1963 o xeneral golpista inauguraba a factoría de ENCE, que dende 1958 tiña concesión sen prazo limitado e que, xa en democracia, en 1988 pasou a estar atinxida pola Lei de Costas, que a limitou por 30 anos máis, ata 2018. Pero ENCE, privatizada por Aznar no 2001, acabou beneficiándose dunha reforma da devandita Lei de Costas promovida polo Goberno de Rajoy, que en 2016 lle ampliou a concesión ata 2073 nun proceso revogado pola Audiencia Nacional en 2021 pero avalado polo Supremo en 2023 e aínda pendente, non obstante, do Tribunal Constitucional a instancias do Concello de Pontevedra e mais dunha investigación da Comisión Europea.

Franco entregou o maior encoro galego á eléctrica do seu amigo Barrié, que o apoiou nalgunhas das súas apropiacións de bens, como Meirás ou a Casa Cornide

A AP-9 e Ence son pegadas de decisións da ditadura na paisaxe física, social e económica de Galicia. E non o é menos o maior encoro do noso país, o de Belesar, cuxos dereitos Franco entregou, canda o dos Peares, en xullo de 1948 á empresa do seu amigo Pedro Barrié de la Maza, Fuerzas Eléctricas del Noroeste (Fenosa), constituída sobre a base de compañías incautadas a represaliados políticos. O encoro sería finalmente inaugurado en 1963 por Franco, que tres anos antes fixera o mesmo co do Eume, unha concesión de 1953 que impactou de cheo nun dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados, as Fragas do Eume.

Polo BOE e máis alá del pasaron outras das decisións da ditadura e os seus apoios económicos e políticos que seguen ben vixentes na Galicia actual ou deixaron de estalo moi recentemente: as apropiacións de bens alleos. Dende terreos e pezas de arte ata relevantes edificios históricos que por diversas vías pasaron a mans de Franco e da súa familia, que seguiu gozando deles décadas despois do 20N de 1975.

Imaxe do NODO da inauguración do encoro de Belesar por Franco en 1963 en BOE do 24 de maio de 1957 con expropiacións CC-BY-SA Imaxe: NODO | Montaxe: Praza Pública

O caso máis paradigmático foi o do Pazo de Meirás e a súa contorna, bens dos que os Franco gozaron ata que o Estado oficializou a súa expulsión tras a sentenza xudicial que ordenou a reversión ao público do inmoble tras 42 anos de democracia na que os herdeiros do ditador puideran mantelo como se fose deles. Dentro do complexo sadense estaban dúas esculturas do Mestre Mateo procedentes da composición orixinal do Pórtico da Gloria, propiedade do Concello de Santiago, que grazas a outro complexo lixitio culminado aínda este mesmo ano pode recuperalas.

Moitas voces reclaman que o acontecido finalmente con Meirás e coas esculturas do Mestre Mateo se estenda tamén á Casa Cornide da Coruña, o histórico edificio formalmente mercado polo Estado en 1948 no inicio dun proceso simulado de compras e vendas que acabou coa familia Franco como propietaria. Un informe xurídico encargado polo Concello á UDC serviu de base para iniciar a reclamación xudicial do inmoble, aínda pendente.

Para saber máis

Franco morreu, o seu BOE segue vixente (I): a adxudicación de Audasa

Franco morreu, o seu BOE segue vixente (II): a concesión de Ence

Franco morreu, o seu BOE segue vixente (III): os encoros

Franco morreu, o seu BOE segue vixente (IV): os bens apropiados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.