Os herdeiros de Franco deixan Meirás tras manter a propiedade durante 42 anos de democracia

Fachada principal do Pazo de Meirás, en Sada CC-BY-SA Praza Pública

82 anos despois, os Franco devolven o Pazo de Meirás, que torna en propiedade do Estado desde este xoves, tras o acto de entrega sinalado pola Xustiza logo da sentenza que obrigou a familia do ditador a abandonar de maneira provisional as Torres á espera de ditame firme. Chega así o momento clave que tanta xente agardou tanto tempo, e o inicio do final dun proceso que empezou non hai moito, tras décadas de desleixo e desinterese que permitiron a reconversión dun histórico inmoble nun símbolo franquista, en apoloxía dunha ditadura e mesmo en protagonista de portadas fachendosas en revistas do corazón, tamén durante 42 anos de democracia. 

30 anos despois da chegada da democracia a Xunta iniciou os trámites para a declaración BIC do Pazo, que abriu as portas tras 60 anos pechado polos Franco

Non foi ata case 30 anos despois da chegada da promulgación da Constitución española e da fin do franquismo cando se iniciou o proceso legal para a declaración do Pazo como Ben de Interese Cultural (BIC). Na primavera de 2006, durante o mandato do goberno de coalición de PSdeG e BNG, a Xunta comezou cos trámites que foron atrancados e enlentecidos polo intento de boicot dos Franco, que os levaron aos tribunais en varias ocasións, 

Interior do Pazo de Meirás, na entrada principal © Mikeli

En 2007, goberno de Sada, encabezado polo Bloque, solicitou formalmente por acordo plenario esa declaración BIC para Meirás, que se concretaría co decreto promulgado en decembro de 2008 pola Xunta e a apertura, aínda que só para visitas, do Pazo por primeira vez en 60 anos. Foi o primeiro paso dun camiño moito máis longo, que enceta o remate este xoves, doce anos despois, coa devolución das Torres ao Estado. 

Feijóo confirma a viraxe atribuíndo ao seu goberno os méritos da devolución do inmoble tras rexeitar reclamalo ou poñer en dúbida que Meirás fose un pazo

Agora, Feijóo reclama o inmoble para a comunidade autónoma e atribúe os méritos da devolución do Pazo ao patrimonio público ao seu Executivo, tras situarse durante tempo achegado ás posturas dos Franco ou mesmo cualificar de "mecanismo franquista" calquera intento de expropiación. Neste mesmo mércores, o presidente da Xunta asegurou que "Galicia liderou o proceso" de reversión das Torres, en referencia aos informes elaborados pola Administración autonómica ou ao acordo unánime do Parlamento en 2018 que veu precedido, en 2017, dun intento falido. 

Daquela, o PP valérase da súa maioría absoluta para impedir que a Cámara reclamase ao Congreso "a recuperación para o público" do inmoble. No verán desde mesmo ano, a Fundación Francisco Franco, encargada da xestión do Pazo, anunciaba que utilizaría o inmoble para facer apoloxía da ditadura e "gabar" a figura de Franco, como así se confirmou en numerosas visitas. Desde aquela, algo mudou en moitas das posturas sobre a propiedade do predio. Tamén no PP. 

Entre 2009 e 2012, a Xunta chegou a pagar ata 50.000 euros aos Franco para financiar os gastos de seguridade das visitas

"Desde o primeiro instante nós formulamos a transferencia do Pazo á comunidade autónoma galega, porque era un pazo dunha familia galega, porque foi comprado con achegas de galegos e porque temos un plan de usos dun pazo cuxo propietaria era unha muller", asegurou Feijóo este mércores, en referencia a Emilia Pardo Bazán, sen referirse á posibilidade, impulsada pola oposición e numerosos colectivos sociais, de que o inmoble se converta tamén nun espazo de reivindicación da memoria histórica e denuncia da represión franquista. 

Feijóo confirma así unha viraxe sobre a súa postura e a do seu Goberno en relación ao Pazo. Como cando se atribuíu a apertura ao público das Torres mentres acusaba "o goberno anterior" (o bipartito) de mantelo "pechado" logo de pagar desde a Xunta aos Franco pola xestión das visitas. 

Cartel da Fundación Francisco Franco no Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Porque dende 2009 e ata 2013, o gabinete de Feijóo optou pola vía do acordo cos Franco para cumprir coa apertura ao público derivada da declaración BIC e a Xunta chegou a pagar ata 50.000 euros para financiar os gastos de seguridade das visitas.  

Os herdeiros de Franco comprometíanse a "garantir" a apertura nos catro días o mes obrigatorios por lei -a mesma que despois atrancarían en diversas ocasións- agás cando estivesen en Meirás de vacacións e a Xunta asumía "os custos derivados" das visitas e tamén asumía o pagamento "da cobertura dos danos materiais que se puidesen producir (...) mediante a contratación dunha póliza de seguro".

Xa antes de chegar ao poder, o xa líder do PPdeG advertía que a Xunta non podía obrigar os Franco a abrir Meirás porque "non é un pazo". Argumentaba Feijóo que, "se se queren recuperar patrimonios, que se recuperen os que corresponden a Galicia", pero non torres como as de Meirás que, segundo dicía, non alcanzaban a categoría requirida para ser protexido, como así quedou coa declaración BIC de Nadal de 2008. 

Agora, doce anos despois da apertura de portas para as visitas, chega a devolución das Torres ao patrimonio público. 82 anos e cinco días despois de que un grupo de afectos aos golpistas reunido na Junta pro Pazo del Caudillo entregase a Francisco Franco Meirás tras facerse con elas mediante un conxunto de doazóns forzosas disfrazadas de "subscrición popular" en plena guerra e represión

A Xustiza ratificou que os Franco "simularon" a compravenda do Pazo en 1941 coa intermediación de Barrié de la Maza, un dos grandes impulsores da 'doazón'

As autoproclamadas novas autoridades da provincia da Coruña ratificaron a entrega do pazo aquel 5 de decembro de 1938. Nese ano, os golpistas asasinaron cando menos unhas 550 persoas en Galicia, segundo as pescudas do grupo Nomes e Voces, e comezaron cunha adquisición forzosa de bens que continuou e mantén aínda na súa propiedade inmobles como a Casa Cornide da Coruña.

Aquela doazón do Pazo foi  declarada nula pola xuíza Marta Canales en resposta á demanda interposta polo Estado para o retorno do Pazo ao patrimonio estatal. O ditame deixou claro, logo dos detallados informes achegados pola Deputación da Coruña e a Xunta e do documento clave atopado, que a suposta compravenda do predio, rubricada tres anos despois, en 1941, non fora máis ca unha "simulación", unha "ficción" na que intermediara Pedro Barrié de la Maza, na altura propietario do Banco Pastor e membro destacado da devandita Junta, "só co obxecto de poñer o ben ao seu nome". Fora unha pata máis do brazo financeiro e burócrata que axudou ao espolio franquista

Interior do Pazo de Meirás © Mikeli

Publicada a sentenza, que os herdeiros do ditador prevén recorrer, o Goberno central urxiu a súa execución a finais do pasado outubro e, nun escrito entregado ao xulgado, os Franco dixeron aceptar esa execución provisional. Accederon á entrega do pazo ata que se resolva o recurso. Non obstante, "se non proceden á entrega voluntaria no día e hora sinalados", a Policía procederá "ao inmediato desaloxo", tal e como advertiu a maxistrada nun auto do 6 de novembro. 

Os Franco piden agora retirar "todos" os bens do Pazo por non estaren asociados ao BIC e advirten de que "o único espolio é o que se produce este xoves"

Noutro auto, do pasado 4 de decembro, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña determinou o mantemento da data de entrega e a idoneidade das medidas cautelares ditadas ata agora sobre o contido do inmoble, designando o Estado como depositario "de todos os bens mobles e elementos accesorios que conforman a día de hoxe o Pazo de Meirás como unidade". 

O inventario encargado pola xuíza e feito público a semana pasada, deitou luz sobre un conxunto de bens que inclúen pezas de importante valor histórico e cultural, incluídas as esculturas do Mestre Mateo que reclama o Concello de Santiago, e uns 700 obxectos dos que agora haberá que determinar cales quedan no Pazo como parte do "sitio histórico" que conforma o BIC e cales poderán ser trasladados por ser de uso privado da familia do ditador. 

Non semella que o acto de entrega acabe co conflito cos herdeiros do ditador, que renegan das acusacións de espolio polos bens --algúns pertencentes á familia real-- atopados no Pazo e que veñen de pedir no xulgado retirar "todos" os bens do Pazo por non estaren asociados ao BIC

"O único espolio é o que se vai producir o xoves, privando uns particulares de todos os seus mobles sen que ata a data ninguén discutise que sexan seus. Desde o punto de vista xurídico é absolutamente inadmisible", declarou a La Razón Luis Felipe Utrera-Molina, avogado da familia Franco, que sempre tirou dun argumento para defender a lexitimidade da súa propiedade: a inacción e o desleixo do Estado durante décadas en Meirás. "Tardamos moito en presentar a demanda para recuperar o Pazo", reflexionaba este mércores Benito Portela, alcalde de Sada

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.