A cesión de Meirás a Franco: 80 anos desde que o Pazo caeu nas mans do ditador

Xente agarda o paso de Franco o 5 de decembro de 1938 en Galicia CC-BY-NC-SA BNE

"Acepto". Aquel 5 de decembro, xusto hai 80 anos, o ditador Francisco Franco estampaba a palabra e a súa sinatura no documento da Junta Provincial Pro-Pazo del Caudillo. Aceptaba así o xeneral o agasallo desta entidade creada en 1937 polas autoridades coruñesas do nacente réxime ditatorial, como o gobernador civil, Julio Muñoz, ou empresarios afíns encabezados polo banqueiro Pedro Barrié de la Maza. O dirixente fascista viaxara expresamente a Galicia a recoller o presente para cuxa compra aquel colectivo creado ad hoc levaba tempo recollendo achegas económicas. De administracións, a través de fondos públicos, retendo salarios a funcionarios públicos ou mediante doazóns de particulares, con patrullas de falanxistas acudindo ás casas en plena época de represión e guerra.

O 5 de decembro de 1938, hai 80 anos, Franco asinaba en Meirás a aceptación da 'doazón' do Pazo de Meirás

Tan só días antes, dérase por concluída a batalla do Ebro, con milleiros de mortos e a retirada do exército republicano, e os franquistas preparaban xa a ofensiva final sobre Catalunya. En Galicia, continuaba a brutal represión que, tan só naquel ano, provocou o asasinato de máis de 550 persoas. Naquela altura, a Junta Pro-Pazo decidiu organizar unha cerimonia para lle entregar a Franco as Torres de Meirás tras unha compra sufragada por aquela peculiar "subscrición popular", con mortos nas cunetas e cunha cada vez maior exaltación fascista e militar nas rúas. 

Obrigada, asumida, fervorosa ou atemorizada, esa era a atmosfera que transmiten as imaxes e os rostros da colección de fotografías que daquela época dixitalizou non hai moito a Biblioteca Nacional de España. A visita de Franco a Galicia aquel 5 de decembro de 1938 para solemnizar a incautación do Pazo de Meirás quedou plasmada nunhas fotos que ilustran o percorrido do ditador pola Coruña, Santiago, Sobrado dos Monxes e Meirás (Sada). 

A praza de Praterías de Santiago durante a visita de Franco na que solemnizou a incautación do Pazo de Meirás CC-BY-NC-SA BNE

Era un luns frío pero seco. As fotografías daquela visita do xa denominado como caudillo, malia seren concibidas como "arma propagandística", amosan certo fervor entre algunhas figuras, pero tamén desacougantes escenas da veciñanza, tamén dos máis pequenos, realizando o saúdo fascista ou desfilando con olladas perdidas e fondas marcas das penurias da época. 

Franco solemnizaba coa sinatura a cesión do Pazo como xefe do Estado, un dos eixos nos que se basea o informe da Deputación para reclamar a devolución

Franco dirixiuse a asinar solemnemente aquel documento en Meirás, o que determinaba que a Junta Pro-Pazo cedíalle, na súa condición de xefe de Estado, o Pazo de Meirás que antes fora adquirido a Manuela Esteban-Collantes y Sandoval, lexítima herdeira da filla de Emilia Pardo Bazán, antiga propietaria das Torres.

O documento é, precisamente, un dos eixos fundamentais do informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña e que reclama a propiedade pública das Torres argumentando unha transacción "ficticia". "É un dos elementos en que se fundamentan os informes xurídicos e históricos para afirmar que Franco recibiu o Pazo en calidade de xefe do Estado e que el gozaba da residencia de verán desde o ano 38, polo que o contrato posterior é unha compravenda simulada para facerse coa propiedade a título persoal", defende a vicepresidente do organismo provincial, Goretti Sanmartín.

Multitude ante a chegada da comitiva de Franco, o 5 de decembro de 1938 / CC BY-NC-SA BNE CC-BY-NC-SA BNE

Durante aquela visita, segundo recolleu a prensa da época, o ditador chegara a comprometerse a construír unha autoestrada entre A Coruña e Madrid "y el viaje se hará en cinco horas" --Galicia non tería conexión coa capital española por autovía ata máis de sesenta anos despois--. Tras tomar posesión do Pazo xunto á súa familia, entre eles a súa filla, Franco viaxou a Santiago, onde desfilou polas rúas e accedeu á Catedral baixo palio. Xa era dono das Torres de Meirás. 

Franco visitou A Coruña, asinou en Meirás, prometeu unir Galicia con Madrid por autovía e accedeu á Catedral de Santiago baixo palio

"Galicia que le vio nacer, que oyó su voz el 18 de julio, que le ofreció la sangre de sus hijos y el tesoro de sus entrañas [...] asocia para siempre el nombre de Franco a su solar, en tierras del Señor San Yago, como una gloria más que añadir a su Historia". Era así como certificaba nun documento a Junta Provincial Pro-Pazo del Caudillo a doazón ao xeneral fascista do Pazo de Meirás meses antes, o 31 de marzo de 1938. Nese mesmo día, o Concello da Coruña daba conta da "adquisición" do inmoble "para ofrecerlo como residencia veraniega a nuestro invicto Generalísimo y Glorioso Caudillo" e o gobernador civil envía un telegrama ao ministro Serrano Suñer para comunicarlle, "en nombre de esta ciudad y provincia", que as Torres viñan de ser "adquiridas por el pueblo coruñés para donarlo a nuestro Caudillo S. E. Jefe del Estado".

O alcalde da Coruña acordara a compra do Pazo por 400.000 euros aos herdeiros de Pardo Bazán meses antes en San Sebastián

Fora o alcalde da cidade, Álvarez de Sotomayor, --o quinto designado en plena guerra tras o asasinato de Suárez Ferrín-- quen viaxara a San Sebastián para acordar alí a venda de Meirás, á que os donos accederon por un  prezo aproximado de 400.000 pesetas. Así o recoñecía un tenente coronel do exército fascista nun informe reservado no que aludía á "rapidez" coa que se levaran a cabo as negociacións para evitar que se lles "adiantasen" outras provincias coa "mesma idea". Recólleo o profesor da USC Xavier Ferreira Fernández nese informe histórico-xurídico que, xunto a Emilio Grandío, Manuel Pérez Lorenzo e Miguel Ángel Rodríguez realizaron por encargo da Deputación da Coruña.

A comitiva do ditador Franco ábrese paso entre a multitude, o 5 de decembro de 1938 en Galicia CC-BY-NC-SA BNE

Malia constar un pergamiño coa propia sinatura de Franco aceptando a doazón e as declaracións, comunicacións e textos analizados daquel 1938 nos que se documenta a doazón do Pazo, a cesión non se elevou a escritura pública. Mesmo o ditador recibiu nun solemne acto en Compostela o devandito pergamiño, un ano despois daquela sinatura en Meirás, en decembro de 1939. "Acepto gustoso y exclusivamente por ser un obsequio de mis queridos paisanos", dicía respecto do agasallo.

Formacións militares ante a chegada da comitiva do ditador Franco CC-BY-NC-SA BNE

O 24 de maio de 1941, e logo de que se publicitase aquela doazón e Franco xa empregase o Pazo como residencia oficial, outorgouse en Madrid e ante notario unha escritura de compravenda da finca urbana Torres de Meirás, inscrita no Rexistro Civil de Betanzos xusto medio ano despois. Nela, reflécitese unha compravenda directa do inmoble entre os herdeiros da familia Pardo Bazán, como vendedores, e Francisco Franco Baamonde, como comprador a título persoal, representado por Pedro Barrié de la Maza, membro da Junta Pro-Pazo e posteriormente Conde de Fenosa.

Como lembra o informe encargado pola Deputación, era un "contrato simulado" e "sen causa". Quen xa non era lexítimo propietario do Pazo --xa fora vendido o 31 de marzo de 1938-- asinou nun documento que "finxiu a existencia dunha nova compravenda" na que o comprador foi representado "a título exclusivamente particular". Era unha das artimañas que, curiosamente, é contestada por aquel acto solemne, en plena guerra civil e con toda o parafernal fascista do que se cumpre 80 anos. Oito décadas dunha cesión que busca ser revertida axiña. 

Dirixentes franquistas, xunto a un xornalista do ABC, no Pazo de Meirás CC-BY-NC-SA BNE
Nenos fan o saúdo fascista ao paso da comitiva de Franco CC-BY-NC-SA BNE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.