0 Gardados para despois

O informe sobre Meirás "cambia o escenario": a Deputación instará a Patrimonio Nacional a recuperar o Pazo

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Instar a Patrimonio Nacional a iniciar o proceso para a recuperación do Pazo de Meirás. Esa é a fórmula coa que a Deputación da Coruña buscará a reversión do inmoble propiedade da familia Franco, baseándose no informe histórico xurídico presentado este xoves, que "abre unha porta á esperanza" e concede "vías legais" e "moitas posibilidades" para que as Torres pasen a ser un ben público. 

A Deputación cre que o informe sobre o Pazo "abre a porta á esperanza" e ofrece "vías legais" e "moitas posibilidades" de recuperalo para o público

Así se manifestaron tanto Valentín González Formoso, presidente da Deputación, como a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, na presentación do "sólido, contundente e rigoroso" informe coordinado polo historiador Emilio Grandío e o xurista Xabier Ferreira, ambos tamén presentes nun acto no que se advertiu de que as conclusións do documento fixeron que "mudase o escenario". Tanto que todos os presentes coincidiron no "optimismo" de cara a acadar un "consenso" entre as forzas políticas e as administracións galegas para reclamar a recuperación do Pazo en base á nulidade da súa transmisión aos Franco, que terían levado a cabo unha compravenda "ficticia" para evitar, precisamente, que o inmoble acabase en mans de Patrimonio Nacional, onde debería estar segundo aclara o estudo. 

De confirmarse esta fórmula, a pelota pasaría ao tellado do Goberno central, de quen depende Patrimonio Nacional, organismo público responsable dos bens de titularidade estatal procedentes da xefatura do Estado. De feito, a Deputación solicitará unha entrevista co presidente do consello de administración desta entidade para trasladarlle o informe e instalo a que, coa base dese documento, presente a demanda para que o Pazo acabe en mans públicas.

A Deputación trasladaralle a Patrimonio Nacional o informe que demostraría que a compravenda do Pazo foi "ficticia" 

Segundo Grandío e Ferreira, hai "indicios sólidos" que demostrarían a nulidade daquel contrato de compravenda asinado en 1941 que concedía a titularidade privada do inmoble ao ditador Franco, anos despois de que a súa familia o usase e de que lle fose donado "nun clima bélico e de represión". Aquel contrato "simulado", tal e como se indica no informe, tiña precisamente como obxectivo evitar que o Pazo se integrase no Patrimonio Nacional tras a lei aprobada en 1940 que regulaba a cesión dos bens do xefe de Estado ao público. De feito, o documento indica como daquela operación cifrada en 85.000 pesetas nunca se soubo dos cartos ou como se incluíu unha cláusula que esixía perder calquera dereito sobre o ben. 

"Se o contrato é simulado, pódese impugnar en calquera momento", advertiron, logo de aludir ao estudo, no que se certifica que o inmoble era empregado como residencia oficial do xefe do Estado e que, naquel contexto ditatorial, "había unha confusión absoluta entre o que era público e o que era privado". "Funcionaba como o palacio do Pardo; once meses alí e un en Meirás", engadiron.

A entidade provincial buscará consensuar unha moción para reclamar a Patrimonio Nacional que inicie o proceso e pedirá que a Cámara galega faga o mesmo

Con toda esta base documental, xurídica e histórica "sólida", a Deputación iniciará unha batalla civil e política. Primeiro, convocando xa para a proxima semana unha reunión extraordinaria da xunta de portavoces para consensuar unha moción que debería ser aprobada por unanimidade no pleno do 23 de marzo para instar a Patrimonio Nacional que inicie o proceso de recuperación do Pazo. Logo, solicitando unha entrevista cos respondables desa entidade para trasladarlles o informe, ademais dun encontro co presidente do Parlamento galego e cos grupos paralmentarios co obxectivo que desde a Cámara tamén se inste ao organismo oficial que vela polos bens públicos a que reclame o BIC (Ben de Interese Cultural) situado en Sada.

"Hai esperanzas en recuperar este BIC para o dominio público tras a lamentable a imaxe que durante décadas demos como país", di Formoso

"Toda a cidadanía galega ten agora esperanzas en recuperar este BIC para o dominio público tras a lamentable a imaxe que durante décadas demos como país", dixo con contudencia o presidente da Deputación, Fernández Formoso. "Debe coñecerse a verdade do acontecido, os estudos deixan patente que hai vías legais para recuperar o Pazo para a sociedade" afirmou, pola súa banda, Sanmartín, que agarda que “tanto polos datos que presentan os informes como por este consenso", Patrimonio Nacional sexa "sensíbel" coa proposta, dado que "o escenario cambiou e a solidez do informe deixa sobre a mesa esta posibilidade".´Pazo de Meirás

Pazo de Meirás / CC BY-SA Merce Blanco

A vía elixida pola Deputación semella ser compartida tanto polas formacións políticas como pola propia Xunta, ademais de pola comisión de expertos encargada polo Goberno galego. Con todo, a posta en venda do Pazo por parte dos Franco acelerou un proceso que agora se ve con optimismo. Fontes da Xunta pro Devolución do Pazo --reunida antes do acto para validar os acordos e integrada por 40 concellos, máis de 40 entidades civís, a propia Deputación e universidades-- advirten do "sólido" dunha fórmula que dificilmente será rexeitada por partido ningún, tampouco parece que polo PP.

Sanmartín agarda que o pretendido "consenso" político en Galicia faga que Patrimonio Nacional sexa "sensíbel" coa proposta

A negativa de Patrimonio Nacional a reclamar a propiedade pública da residencia con todos os datos xurídicos e históricos enriba da mesa non sería ben vista nin na propia Xunta, que xa manifestou a súa intención de apoiar calquera iniciativa por ese camiño, máis aínda cando se trata así de evitar un proceso xudicial moito máis complexo ou o pagamento polo inmoble á familia do ditador. 

O propio Feijóo, preguntado pola posible venda de Meirás, asegurou que dubida que sexa algo "serio" ou que "alguén queira comprar ese Pazo no momento no que se está a estudar a súa posible incorporación ao patrimonio público". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo: “Dubido que alguén queira mercar Meirás cando se está estudando a súa incorporación ao patrimonio público”

Feijóo ratifica que o pazo “efectivamente non se pode vender sen notificar á Xunta” e asegura que o Goberno galego non recibiu “ningunha notificación e en consecuencia non hai ningún procedemento de venda"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi preguntado este xoves polo anuncio de que a familia Franco puxo á venda o pazo de Meirás malia que ten que comunicarllo antes ao Goberno galego como Ben de Interese Cultural (BIC) que é. Feijóo rebaixou o feito a un “rumor”, ratificou que “efectivamente non se pode vender sen notificar á Xunta” e asegurou que o Goberno galego non recibiu “ningunha notificación e en consecuencia non hai ningún procedemento de  venda do pazo de Meirás”.

“Eu non sei canto de serio hai nesta proposta de venda, para min moi pouca, porque dubido bastante que alguén queira mercar ese pazo no momento en que se está estudando a incorporación ao patrimonio público”, dixo o presidente, que salientou que “a vontade de Galicia” manifestada no acordo acadado no Parlamento é a de “procurar incorporar” o pazo ao patrimonio público “cun compromiso, que non imos pagar, non imos pagar o pazo dúas veces”.

Sobre os próximos pasos a dar pola Xunta, Feijóo remitiuse ao que decida o comité de expertos convocado polo Goberno galego, dos que dixo que “en pouco tempo nos poden dar unha proposta”.