Os Franco teñen a a obriga legal de comunicar á Xunta a pretensión de vender Meirás

O Pazo de Meirás, no catálogo da inmobiliaria santanderina Mikeli CC-BY-SA Praza Pública

Unha inmobiliaria de luxo chamada Mikeli que promociona o edificio utilizando imaxes das vacacións de Francisco Franco captadas polo NO-DO. A posta en escena coa que a familia Franco activou a operación coa que pretenden vender o Pazo de Meirás causou a hilaridade nos últimos días e mesmo no seo do Goberno galego foi considerada, cando menos, como algo "curiosa". No entanto, a oferta incorporada ao catálogo da empresa santanderina por 8 millóns de euros volve transitar por uns lindeiros xa visitados noutras ocasións por esta familia: os da legalidade. Nomeadamente, os da lei de patrimonio cultural de Galicia, que xa transgrediron noutras ocasións, e que obriga a advertir á Xunta en canto exista comprador.

O Pazo de Meirás ten a consideración de Ben de Interese Cultural en virtude dun decreto aprobado no ano 2008 polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG contra os que os Franco litigaron sen éxito nos tribunais. Esta declaración provoca que a histórica propiedade estea suxeita aos preceptos da lei de patrimonio cultural de Galicia, cuxa nova versión foi aprobada en 2016, se ben no que atinxe á venda de bens de interese cultural mantivo os trazos básicos da anterior, a de 1995, agás no réxime sancionador.

A lei de patrimonio cultural fixa a obriga de comunicar á Xunta "calquera pretensión" de venda dunha propiedade declarada BIC cando haxa comprador; non facelo implica multas de ata 6.000 euros, que na anterior versión da norma se elevaban ata os 150.000

O artigo 49 desta norma deixa claro que "calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de goce dos bens de interese cultural", isto é, a súa venda, "deberalle ser notificada" formalmente á Consellería competente en materia de patrimonio cultural -a de Cultura e Educación, na actualidade- "con indicación do prezo e das condicións en que se propoña" executar a operación. "En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente", agrega a lei, que fixa condicións semellantes para as poxas.

Non cumprir con esta obriga de comunicación é considerado pola lei unha infracción leve con multa de 300 a 6.000 euros. Na súa anterior redacción, a de 1995, tiña a cualificación de infracción grave e a sanción oscilaba entre os 60.000 e os 150.000 euros.

Montaxe con imaxes do NO-DO que a inmobiliaria utiliza para promocionar a venda do Pazo de Meirás

A venda xa está en marcha e dende a inmobiliaria admítese que xa se recibiron as primeiras ofertas, pero á Xunta non chegou comunicación ningunha porque a operación aínda non está pechada. Así o detallou este sábado o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen nunha entrevista coa Radio Galega considerou "un dato curioso" que o pazo "esta nunhapáxina web dunha axencia inmobiliaria". "O que ten que facer a familia cando queira proceder á venda, cando haxa un hipotético comprador ou un hipotético interese cunha oferta firme é trasladarllo á Xunta", admitiu o conselleiro.

O conselleiro ratifica que os Franco non comunicaron a operación de venda, que enmarca no "ámbito das hipóteses, dos globos sonda"

A obriga desa comunicación cando haxa comprador está concibida para activar outro dos resortes da propia lei: a Xunta dispón de tres meses para "exercer o dereito de tanteo para si ou outras institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro", isto é, para actuar como compradora preferente do ben se así o desexase. No cas de que "a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas correctamente" a Administración galega ten, legalmente, outro dereito, o de retracto. Isto permitiríalle durante un ano decidir ocupar o lugar do comprador a todos os efectos se a venda chegase a consumarse sen aviso á Consellería. 

Así e todo, o conselleiro Román Rodríguez reitera que a Xunta non prevé destinar máis fondos públicos a Meirás e sitúa a venda, polo momento, "no ámbito das hipóteses, dos globos sonda". "Só hai que dicir o que nos mandou o Parlamento", isto é, "avanzar nas diferentes vías para evitar trasladar un euro dos recursos públicos pola compra do Pazo, porque xa foi mercado no seu momento", di en referencia as doazóns forzosas que en 1938 financiaron a entrega do recinto ao ditador.

Peticións da oposición e da Xunta Pro-Devolución

Neste contexto, Rodríguez fai unha chamada á prudencia para "non cometer erros xurídicos que poidan botar por terra a formulación inicial que todos formulamos, que todos desexamos; que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público sen ter que desembolsar ningún recurso público aos actuais propietarios". No entando, dende a oposición galega reclámase ao Goberno e ao PP que actúe xa. A Xunta, di o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, debe "abandonar a pasividade" unha vez que "a teoría do globo sonda saltou polos aires". "A vía necesaria pasa pola vía xudicial para que se declare nula a fraudulenta simulación de venda", di Sánchez, para quen "a pasividade" gobernamental pode acbar sendo "unha vantaxe para os Franco".

En Marea, PSdeG e BNG instan a Xunta a emprender xa accións contra os Franco e a Consellería chama á cautela para "non cometer erros xurídicos"

Dende o PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, coida que resulta evidente a necesidade de "cumprir as normas" e que "as Administracións públicas tomen todas as medidas para que o que é de dereito poida estar en mans" do patrimonio público. Mentres, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve "evidente" que a Xunta debe "mover ficha para que o pazo volva ser patrimonio das galegas e galegos". "É un insulto -agrega Pontón- que a familia Franco queira facer negocio cun espolio", máis aínda tratándose dun edificio que deber ser "posto á disposición de Galiza" para tornalo nun "espazo para a recuperación da memoria" das vítimas da ditadura.

Estas peticións da oposición galega cadran co xa manifestado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín (BNG). Dende a entidade local que, xunto ao Concello da Coruña, impulsou a creación da Xunta Pro-Devolución do pazo, Sanmartín instaba xa o pasado venres o Goberno a "facer cumprir a lei de patrimonio cultural" e iniciar "de maneira inmediata" un "expediente sancionador por poñer á venda un BIC sen cumprir a obriga de comunicación ao organismo que o tutela".

Vista do Pazo de Meirás © Turismo de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.