0 Gardados para despois

Comeza o proceso para a declaración BIC das esculturas do Mestre Mateo

Redacción | @prazapublica

O Diario Oficial de Galicia publica este luns o inicio do procedemento para a declaración como Ben de Interese Cultural das nove esculturas do Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago. Dúas das obras, propiedade do Concello de Santiago, están en poder da familia Franco. Nos últimos meses o Parlamento de Galicia e o Congreso aprobaron por unanimidade peticións para que os herdeiros do ditador devolvesen estes bens aos seus lexítimos propietarios. Así mesmo, a finais de outubro o Concello de Santiago presentou unha demanda xudicial, xa admitida a trámite polos tribunais.

A declaración de BIC é un recoñecemento de valor cultural que non afecta á titularidade do ben. Supón para os seus propietarios o deber de habilitar catro días de visitas ao mes

A resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta implica a anotación "de forma preventiva" das nove esculturas no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e a aplicación "de forma inmediata e provisional" do réxime de protección establecido na Lei de patrimonio cultural. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses e ábrese agora un período de información pública dun mes. 

A declaración de BIC é un recoñecemento de valor cultural que non afecta á titularidade do ben. Supón para os seus propietarios o deber de garantir a súa protección e conservación e tamén a obriga de habilitar catro días de visitas ao mes, como xa sucede na actualidade, por exemplo, co Pazo de Meirás, tamén propiedade da familia do ex ditador. Ademais, o seu traslado, transmisión ou venda deberá ser autorizada pola Xunta. O incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

A resolución de Patrimonio especifica que "en 1948, o Conde de Ximonde vendeu ao Concello as esculturas coa condición de que nunca abandonasen a cidade"

Na descrición das obras que acompaña á resolución detállase que catro delas están depositadas no Museo da Catedral de Santiago, dúas no Museo Provincial de Pontevedra e tres pertencen a "coleccións particulares", entre elas as que representan a Abraham e Isaac. Sobre estas dúas, especifícase que "en 1948, o Conde de Ximonde vendeu ao Concello de Santiago as esculturas coa condición de que nunca abandonasen a cidade" e que "as esculturas estiveron na escaleira do Pazo de Raxoi ata que pasaron a mans particulares".

En outubro o Concello de Santiago presentou unha demanda xudicial, xa admitida a trámite polos tribunais, para que os Franco devolvan as esculturas

O 25 de xullo de 1954 Francisco Franco e a súa dona Carmen Polo visitaron Compostela para participar na ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o antigo hospital como Parador Hostal dos Reis Católicos. Carmen Polo amosou ante o daquela alcalde compostelán, Enrique Otero, un "interese insistente" nas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión". Aínda que non existiu "formalidade ningunha" nin ningún acordo formal ao respecto, o rexedor accedeu á petición da esposa do ditador, enviándolle as esculturas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.