0 Gardados para despois

O Concello de Santiago denuncia a filla de Franco para que devolva as esculturas do Mestre Mateo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Concello de Santiago leva ante a xustiza a María Carmen Franco y Polo para que devolva as propiedades municipais espoliadas polos seus pais e que ela manexa como herdanza propia. A filla de Francisco Franco e Carmen Polo respondeu co silencio ao requirimento enviado polo goberno da capital galega para que, unha vez demostrado documentalmente que eran parte do patrimonio municipal, manifestase a súa intención de devolver as dúas esculturas do Mestre Mateo que formaron parte ata o século XVIII do Pórtico da Gloria da catedral compostelá. Malia á flexibilidade dos prazos -o ultimato era de quince días-, a herdeira do ditador optou por non responder e o goberno compostelán, por demandala.

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este venres a interposición dunha demanda ante os xulgados de Madrid -por ser o lugar de residencia de Carmen Franco- na que se remonta á compra das figuras por parte do goberno local da época en 1948 por un total de 60.000 pesetas para que pasasen a foramr parte "do patrimonio artístico desta cidade", transcribe a demanda, á que tivo acceso Praza.gal. O consistorio mercoulle as pezas ao conde de Ximonde, Santiago Puga, nun acordo que implicaba indemnizar con 400.000 pesetas o propietario ou os seus herdeiros se deixaban de ser patrimonio público.

Carmen Polo "insistiu" en quedar coas esculturas nunha visita en 1954 ao Pazo de Raxoi, onde o Concello as colocara

As pezas -que segundo diferentes estudos representan as figuras bíblicas de Abraham e Isaac-, detalla o texto da demanda, foron situadas na escalinata principal da casa do Concello, no Pazo de Raxoi, e alí as atoparon Franco e a súa dona cando, no ano Xacobeo de 1954, visitaron a cidade o 25 de xullo para participar na ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o antigo hospital como Parador Hostal dos Reis Católicos. Carmen Polo amosou ante o daquela alcalde compostelán, Enrique Otero, un "interese insistente" nas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión".

Documentación achada polo Concello de Santiago que acredita a compra das esculturas en 1948 

O Concello santiagués solicita ao xulgado que condene os Franco a devolver as esculturas para quedaren expostas no Museo da Catedral

Aínda que non existiu "formalidade ningunha" nin ningún acordo formal ao respecto, detalla o escrito, o certo é que o rexedor -no contexto da súa condición de subordinado do réxime ditatorial, evidencia a demanda- deu en "compracer" a petición dos Franco. As históricas esculturas foron enviadas ao Pazo de Meirás e despois, á casa Cornide da Coruña. Na súa seguinte aparición pública, na Exposición Internacional de Arte Románica celebrada en Santiago en 1961, xa apareceron como "cesións" do ditador e a súa esposa.

Malia ao tempo transcorrido daqueles feitos o actual alcalde de Santiago, Martiño Noriega, lembra que ao seren bens de dominico público "non se pode alegar prescrición para que a herdeira da familia Franco non os devolva". Dende a presentación formal da demanda Carmen Franco disporá de 20 días para presentar alegacións como paso previo á celebración dunha audiencia previa. A petición do Concello santiagués é que a familia Franco sexa condenada a devolver as pezas e que estas fiquen en exposición permanente no Museo da Catedral de Santiago. Trátase, daquela, de que xa non abandonen o recinto catedralicio no que tiveron a súa orixe e no que se atopan actualmente como parte dunha mostra sobre toda a obra do Mestre Mateo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta "ten previsto" declarar ben de interese cultural todas as pezas que foron parte do Pórtico da Gloria

Apenas vinte e catro horas despois de que o Concello de Santiago anunciase a presentación da demanda contra a filla de Franco para procurar a devolución das pezas incautadas a mediados do século pasado a Xunta deu en pronunciarse sobre elas. Fíxoo para anunciar a súa intención de declarar Ben de Interese Cultural (BIC) todas as pezas que foron parte do antigo Portico da Gloria, isto é, da súa composición orixinal como fachada románica da Catedral compostelá.

A Xunta insta a "lembrar" que a eventual declaración como BIC das figuras "non afecta á titularidade do ben"

Nun comunicado feito público este sábado o Goberno galego sinala que "ten previsto" iniciar "nos próximos meses" este expediente. Atinxirá, avanza, a todas "as pezas escultóricas que se conservan da desaparecida fachada exterior do Pórtico de la Gloria" e, daquela, tamén ás que "representan os profetas Abraham e Isaac". Estas, di, "pertencen actualmente á familia Franco". Como a "orixe" destas pezas elaboradas no obradoiro do Mestre Mateo é "diversa" o Goberno galego promoverá declaralas BIC "de xeito individual" e "non como colección".

A Xunta fai este anuncio sen cuestionar a propiedade das pezas que o Concello de Santiago tenta recuperar pola vía xudicial. Neste sentido, insta a "lembrar" que "a declaración de BIC é un recoñecemento de valor cultural" que "non afecta á titularidade do ben" e "supón para os seus propietarios o deber de habilitar catro días de visitas ao mes". Isto é, exactamente o mesmo rango que o Pazo de Meirás, cuxo réxime de visitas os herdeiros de Franco incumpren de xeito recorrente.