David Lombao

Unha ducia de pegadas do Mestre Mateo

Unha exposición xuntará no Museo del Prado de xeito extraordinario once pezas do Mestre Mateo que non se puideran ver xuntas dende que o Pórtico da Gloria deixou de ser a fachada principal da Catedral de Santiago. A presentación da mostra, esta semana, é unha boa ocasión para volver a ollada sobre o arquitecto e escultor que, nos séculos XII e XIII, deixou a súa pegada nalgúns dos espazos máis senlleiros da basílica compostelá.

  1. 01

    Concesión dunha pensión vitalicia por Fernando II

    A exposición comeza polo pergameo que, datado en 1168, acredita a concesión ao Mestre Mateo dunha pensión vitalicia de 100 marabedís anuais para que asumise a dirección das obras de conclusión da Catedral de Santiago.

  2. 02

    Os reis David e Salomón

    Percentes á fachada románica da Catedral, foron retiradas do seu emprazamento orixinal, se ben na configuración final da portada do Obradoiro, actualmente en proceso de restauración, ficaron colocadas na terraza da escalinata que dá acceso ao tempo. 

  3. 03

    Abraham/Xeremías

    A figura foi identificada como Abraham, se ben outras fontes historiográficas manteñen que se trata do profeta Xeremías. Sexa cal for, o certo é que esta é unha das figuras que formaban parte da configuración orixinal do Pórtico da Gloria e que na actualidade manteñen incautadas os herdeiros de Francisco Franco. A versión oficial foi que se trata dun 'agasallo' do Concello de Santiago en pleno franquismo, despois de que o consistorio llas mercase a un aristócrata.

  4. 04

    Isaac / Ezequiel

    Identificado inicialmente como Isaac, fillo de Abraham no relato bíblico, foi posteriormente considerado como unha representación doutra figura, Ezequiel, segundo os restauradores do Pórtico. É a outra peza incautada polos Franco que aínda non foi recuperada, se ben algunha das institucións que colaboran na mostra, como a Deputación da Coruña, manifestan abertamente a esixencia de devolución.

  5. 05

    Rosetón da fachada do Pórtico

    Diversos debuxos moi detallados e outras probas documentais permitiron realizar esta reconstrución do que se supón que era o rosetón da fachada románica da Catedral compostelá. Foi desmontado no século XVIII, para darlle paso á portada barroca que hoxe coñecemos.

  6. 06

    Enoc e Elías

    Desaparecidas tras a desmontaxe da fachada románica, ambas figuras apareceron no século XX, nun almacén, e deron en ser expostas no Museo de Pontevedra, que as cedeu en 2015 para unha exposición en Compostela e agora, para esta nova mostra.

  7. 07

    Doelas do castigo da luxuria

    Diversos estudos identifícanas como parte da configuración orixinal do Pórtico. Representan unha escena infernal, do suposto castigo divino que caería sobre quen incorrese na luxuria.

  8. 08

    San Mateo

    A escultura de San Mateo formaba parte do coro de pedra que, segundo diversos estudos, estaba xa rematado a comezos do século XIII, cando a catedral foi consagrada. Estivo en pé uns catrocentos anos.

  9. 09

    Cabalos dos Reis Magos

    É outra das pezas orixinalmente pertencentes ao desaparecido coro pétreo da Catedral. Conserva pequenas partes da súa policromía orixinal sobre o granito.

  10. 10

    A conclusión da primeira fachada occidental

    Este debuxo a tinta e lapis realizado polo cóengo José de Vega y Verdugo en 1657 non forma parte da mostra do Prado, pero é fundamental para ela. Foi elaborado como parte da memoria sobre as obras precisas para modernizar o templo e, segundo consta nos arquivos catedralicios, é a única imaxe da fachada occidental antes da construción, contra mediados do século XVIII, da fachada actual, obra de Fernando de Casas y Novoa.

  11. 11

    O Pórtico da Gloria

    Foi, inicialmente, a portada da Catedral, sen portas, aberta día e noite. Cuberto no século XVIII pola fachada barroca, o Pórtico está actualmente en proceso de restauración, tras o cal recuperará a súa policromía.

  12. 12

    O 'santo dos croques'

    Na parte posterior do parteluz do pórtico da gloria atópase a escultura que, tradicionalmente, se considerou como unha representación do propio Mestre Mateo. A lenda popular tornouno no 'santo dos croques' e, segundo este relato, as persoas que batesen coa cabeza nel, ficarían ligadas á sabedoría de Mateo. A excesiva afluencia de turistas a facer este ritual obrigou, antes do inicio da restauración do Pórtico, a limitar o achegamento á escultura para evitar o seu maior deterioro.