0 Gardados para despois

A Xunta deixa en 4.500 euros a multa á familia Franco por incumprir a lei no Pazo de Meirás

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A Xunta informou este sábado de que vén de sancionar á familia Franco, propietaria do Pazo de Meirás, cunha multa de 4.500 euros por incumprir a súa obriga de permitir visitas ao recinto catro días ao mes como Ben de Interese Cultural (BIC) que foi declarado. A contía non esgota o máximo previsto na lei para sancións por ese tipo de incumprimentos, que se consideran leves e oscilan entre os 300 e os 6.000 euros, como lembra o propio Goberno galego.

O propio Goberno galego, que ata finais de 2012 gastou máis 50.000 euros na seguridade do recinto, admite que a sanción podía ser de ata 6.000 euros

Os propietarios do Pazo de Meirás veñen incumprindo reiteradamente o réxime de visitas e este mesmo venres a Fundación Francisco Franco, encargada desde hai varios meses de xestionalas, informou de que as deu por canceladas “ata nova orde” argumentando motivos de seguridade despois de que varios membros do BNG protestasen no recinto para esixir a devolución do edificio. Porén, non é por ese anuncio polo que chega agora a sanción da Xunta senón por incumprimentos anteriores. Segundo o Goberno galego, que fala de “problemas na xestión das visitas”, a multa “foille comunicada xa aos interesados, que agora dispoñen de quince días para presentar as alegacións que consideren oportunas”.

A Xunta lembra que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo 48, indica que “as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día”. E engade que a consellería de Cultura “informou reiteradamente aos propietarios que, tal e como figura na dita norma autonómica, é a súa obriga abrir o pazo”.

A Xunta di que, tras esta sanción por feitos anteriores, vén de abrir un novo expediente polo anuncio realizado este venres pola Fundación Franco de que "cancela" todas as visitas "ata nova orde"

A Xunta tamén se refire na súa nota ao anuncio realizado este venres pola Fundación Franco. “No día de onte abríronse novas dilixencias informativas ante o anuncio da Fundación Francisco Franco de cancelar as visitas ao ben. A Xunta, por tanto, actúa ante calquera posible incumprimento da Lei do Patrimonio Cultural e así o seguirá facendo”, di o goberno galego.

O pasado xoves o propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que mesmo suxeriu aos propietarios que donen o pazo, amosou a súa sospeita de que estes, a través da fundación, queiran “provocar” unha expropiación do mesmo. Esa idea foi transmitida tamén por outros membros do PP, que aseguran que a Xunta non está para darlles diñeiro aos Franco. Porén, o Goberno galego sufragou ata finais de 2012 a seguridade do pazo cun desembolso de máis de 50.000 euros, dez veces máis que multa que agora impón.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.