0 Gardados para despois

A Fundación Franco dá por "canceladas" as visitas ao Pazo de Meirás "ata nova orde"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Consellería de Cultura e Educación, departamento con competencias sobre os recintos declarados Ben de Interese Cultural, di estar a piques de culminar a tramitación da sanción aos herdeiros de Francisco Franco por incumprir as obrigas derivadas desa consideración de BIC no que atinxe ao réxime de visitas, un mínimo de catro días ao mes. A adiñeirada familia non ten que temer, en calquera caso, unha multa maior a 6.000 euros, a máxima prevista na nova lei de Patrimonio. Mentres agardan pola resolución deron en incumprir novamente a normativa e mesmo en facer publicidade do incumprimento a través da Fundación Nacional Francisco Franco, a entidade dedicada a honrar o ditador á que a familia encomendou a xestión das visitas.

Os últimos días dispostos para as visitas de Meirás foron o 30 e mais o 31 de agosto -nese período estival os Franco concentran a teórica apertura de portas no inicio e no remate do mes para pasaren as vacacións sen interrupcións-. Na primeira desas xornadas membros do BNG trasladaron a súa reivindicación de devolución do edificio ao propio edificio sadense mediante unha ocupación simbólica que ecoou en todo o Estado e acrecentou o debate sobre a propiedade, entregada ao xeneral golpista en 1938 a través dunha comisión liderada polo banqueiro Pedro Barrie de la Maza, organismo que canalizou achegas económicas obrigatorias do persoal público e recadou diñeiro con patrullas supervisadas pola Falange.

A entidade franquista xustifica o incumprimento da lei de patrimonio con "motivos de seguridade" tras a protesta de membros do BNG para esixir a devolución do edificio

A Fundación Franco retrucou a esta acción de protesta con diversas críticas en redes sociais, pero tamén cun aviso no seu sitio web, o mesmo que empregou nas últimas semanas para difundir textos propagandísticos sobre a "grandeza" do ditador ou con consignas negacionistas sobre a represión franquista. Nese aviso a entidade indica que "por motivos de seguridade" as visitas ao Pazo de Meirás "quedan canceladas ata nova orde". A organización ultradereitista non achega ningunha explicación adicional e nesta primeira semana de setembro o portal oficial de Turismo de Galicia segue a amosar as datas de visitas do mes de agosto, ademais do número de teléfono para reservas que os Franco manteñen desconectado.

O PP suxire que o doen como mostra de boa vontade

Mentres os Franco teiman nos seus incumprimentos e diversas forzas políticas e institucións amplían o foco sobre os bens espoliados -esta mesma semana o goberno local de Santiago e mais o BNG esixiron a devolución das dúas esculturas do Pórtico da Gloria que a familia sumou ás súas propiedades malia ser patrimonio público- diversos dirixentes do PPdeG, a comezar polo propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, esfórzanse en deixar claro a súa distancia cos Franco mentres suxiren que, dado o conflito aberto, poderían ofrecer unha mostra de boa vontade mediante a "doazón" do Pazo obtido en plena represión.

Feijóo e o conselleiro de Cultura suxiren a "doazón" do pazo e manteñen que os Franco non lograrán cartos, aínda que a Xunta pagou máis de 53.000 euros en seguridade do recinto ata 2013

A tese defendida polos conservadores é, en verbas de Feijóo, que as "provocacións" dos herdeiros e da propia Fundación teñen como finalidade "utilizar o conflito para conseguir diñeiro". Isto é, incumprir a normativa vixente á mantenta para provocar unha expropiación. "Se non están dispostos a cumprir esa normativa, téñeno ben fácil: é doalo", sinalou o presidente este xoves, xornada na que tamén o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, considerou que esa eventual "doazón" serviría para que os Franco poidan "reconciliarse" con "parte da sociedade". Unhas verbas case idénticas foron as pronunciadas polo voceiro local do PP en Santiago, Agustín Hernández.

Tanto Rodríguez como Feijóo puxeron tamén o acento noutros dous argumentos que a Xunta vén defendendo dende hai semanas. Un, que o Goberno non fai máis que apostar polo "cumprimento da lei" e que actuará en consecuencia se os Franco a transgreden. O outro, que os Franco "non van conseguir diñeiro" por cumprir a obriga de abrir o Pazo. Esta segunda tese contrasta, no entanto, coa política seguida polo actual Executivo entre 2011 e 2013, cando en apenas dous anos a Administración autonómica achegou, como relatou Praza.gal, ata 53.700 euros como pagamento do servizo de seguridade do Pazo de Meirás durante as visitas obrigatorias.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Comisión da Memoria Histórica e Concello de Sada esixen que a Xunta free "a mofa dos Franco"

"A Fundación Franco está a rir de Galiza, do seu presidente e de todas as institucións". A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña interpretou este venres o novo incumprimento legal da familia Franco, vetando as visitas ao Pazo de Meirás "ata nova orde", como unha nova "mofa" dos herdeiros do ditador ante a que só cabe que a Xunta "faga valer a súa autoridade", unha intervención que foi reclamada tamén polo alcalde de Sada, municipio no que se atopa o edificio.

"A nova provocación da Fundación Francisco Franco non pode quedar impune", sinala a CRMH, quen advirte de que a familia do militar golpista e a fundación dedicada a exaltar a súa figura non só incumpre a lei de patrimonio por impedir o acceso a un Ben de Interese Cultural (BIC), senón que "se burlan da institucións democráticas" no seu conxunto. "O que hai que facer é cancelar dunha vez a vergoña do pazo detentado polos Franco", agrega o rexidor sadense, Benito Portela. "Nin un minuto máis de burla dos Franco nin máis pasividade cómplice da Xunta", resalta.

Benito Portela, alcalde de Sada: "Non se pode tolerar que a Fundación Franco use o pazo para difundir o legado dun ditador asasino" e incumpra a lei "ao seu antollo"

Alén do obvio incumprimento do réxime de visitas Portela resalta que o Goberno galego "non pode tolerar que a Fundación Francisco Franco use o pazo para difundir o legado do ditador asasino" e, aínda por riba, cumpra a legalidade vixente "ao seu antollo". O Concello, resalta o alclade, "xa amosou a súa disposición para asumir o réxime de visitas" e "así se lle manifestou á Xunta". Do mesmo xeito, o rexedor lembra que segue á espera de resposta á súa solicitude de xuntanza co presidente, Alberto Núñez Feijóo, "para que manifeste o seu parecer sobre a incorporación do pazo ao patrimonio público".

Nun sentido semellante a CRMH lembra as "iniciativas" que "vén impulsando dende hai semanas para poñer freo ás actividades da fundación franquista", tales como a reclamación dunha "condena firme do negacionismo que promove a Fundación Franco" por parte do Parlamento, ou da ilegalización da Fundación mediante unha modificación da lexislación estatal na materia. Do mesmo xeito, lembra, a entidade memorialística participou no impulso da Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás xunto á Deputación e o Concello da Coruña, así como o consistorio sadense e outras institucións da provincia.