0 Gardados para despois

A Fundación Franco responde con outra provocación ás solicitudes para que se ilegalice

Redacción | @prazapublica

A familia Franco xa non é benvida no Concello de Sada, logo de que a corporación municipal aprobase o pasado sábado en pleno extraordinario declarar persoas non grata aos descendentes do ditador, propietarios do Pazo de Meirás. O anuncio de que a Fundación Francisco Franco xestiona o BIC, a confirmación de que empregará este labor para facer apoloxía da ditadura e a posición morna da Xunta xa mobilizara entidades civís e pola memoria e varias administracións públicas. Co paso dos días, a maquinaria legal e política faise máis grande. E a entidade franquista responde con provocación. 

O BNG pídelle ao Parlamento que a declaración da familia Franco como non grata en Sada se amplíe ao conxunto de Galicia

O BNG presentou este luns unha declaración institucional e unha proposición non de lei na que pide aumentar esa declaración de non grata ao conxunto de Galicia e que se inclúa nela a Fundación, da que tamén pide a súa ilegalización. Reclámallo ao Parlamento e á Xunta, para que se posicionen no conflito de Meirás solicitando a súa "devolución" ao patrimonio público. O PSdeG, pola súa banda, asegura que valorará a proposta do Bloque cando estea por escrito, tendo sempre en conta a posición do seu partido en Sada, pero aclara que non se entende "cal é a posición do PP", que se abstivo na votación da corporación da localidade e que non semella disposto a ir máis aló das súas advertencias de vixilancia reclamacións de mesura á familia Franco. 

En Marea solicitará á Cámara o seu "total apoio" ás medidas aprobadas pola corporación de Sada

En Marea, pola súa banda, pedirá no Parlamento o "total apoio da Cámara" ás iniciativas aprobadas o pasado sábado polo Concello de Sada, co que pretende que "se pronuncie sobre unha das maiores vergoñas do espolio franquista e de falta de respecto coa memoria das vítimas da ditadura".

Nun novo comunicado, a Fundación Francisco Franco rebélase contra as peticións de ilegalización e as duras críticas insistindo en que "Franco non fusilou a ninguén nin ditou condena a morte ningunha" e advertindo que entre as súas funcións está a defensa das vítimas da Fronte Popular e a reclamación de que houbo "un xenocidio de católicos durante a guerra civil. 

A Fundación Franco responde ás peticións de ilegalización dicindo que "Franco non fusilou a ninguén" e que debe defender "as vítimas da Fronte Popular"

A entidade chegou a comparar a Franco con Manuel Azaña e reiterou que as sentenzas de morte ditábaas "a Xustiza". Ademais, asegura que o ditador "ofreceu aos caídos da Fronte Popular a maior dignidade que estaba na súa man", a de "durmir o soño entero baixo a Cruz do Valle de los Caídos". A Fundación di manter unha "actitude de reconciliación e respecto" e que cumpre "unha función capital" ao "defender a media España vítima da Fronte Popular", o que non atribúe á "dereita covarde". 

Para esta institución fascista, aqueles que queren ilegalizala son "os mesmos que perseguen ou tiran pedras a un autobús". Así, di que defender a Fundación é "unha obriga cívica" para recoñecer "as vítimas causadas pola Fronte Popular". 

A Fundación Francisco Franco responde a todo un conxunto de iniciativas políticas e sociais contra a xestión que leva do Pazo de Meirás. No pleno deste pasado sábado en Sada, os votos a favor de Sadamaioría, BNG e PSdeG permitiron que o Concello expresase a "vontade corporativa contraria ao proceder da familia Franco" e "como expresión simbólica de rexeitamento" dese proceder optaron declarala "non grata" no municipio. O PP abstívose mentres que o Partido Demócrata Sada Popular, liderado polo ex-alcalde Ramón Rodríguez Ares que lucía no seu despacho unha foto do ditador, votou en contra. 

Ademais, nunhas declaracións en El Mundo, a filla do ditador, Carmen Franco, cre que coa declaración de persoas "non gratas" para a familia Franco "o que queren é facer dano". "Fixérono tamén con Rajoy, que foi declarado 'non grato' na súa propia vila, son así", asegura desde o propio Pazo de Meirás. 

Sadamaioría, BNG e PSdeG votaron a favor de declarar "non grata" a familia e pedir a devolución do Pazo, coa abstención do PP e o voto en contra de PDSP

Ademais, nun pleno especial, emotivo e con caraveis vermellos repartidos entre os asistentes, o pleno cordou "rexeitar a xestión por parte da Fundación Francisco Franco do programa de visitas ao Pazo de Meirás" e apoiar a demanda do Concello de que sexa esta administración "quen as xestione", así como "condenar" as declaracións da entidade e do seu portavoz, que consideran "apoloxía do franquismo".

Ao tempo, o Concello insta á "modificación da Lei de Fundacións con obxecto de impedir a legalidade de fundacións que fagan apoloxía do franquismo" e pide "realizar un estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre o proceso para posibilitar a súa devolución e incorporación ao patrimonio público". Ademais, o acordo plenario reclama " aprobación dunha Lei Galega da Memoria Histórica galega que "impida o enxalzamento dos protagonistas da represión e inclúa as correspondentes disposicións relativas ao inmoble e á sua posta en valor asociado á recuperación da memoria histórica".

O municipio sadense pide tamén a ilegalización da Fundación Franco ou unha Lei Galega da Memoria

Alén disto, e tal e como acordaran outros municipios, entidades civís, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) ou a Deputación da Coruña, acordouse constituír a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás para o patrimonio público coa participación de institucións, asociacións, organizacións políticas, sociais, sindicais e fundacións co fin de "poñer fin á posesión da propiedade pola familia Franco e a súa incorporación ao patrimonio público" e de convidar o Goberno galego a que se una desde o inicio.

No pleno, o portavoz do PP e ex-alcalde, Ernesto Anido, xustificou a abstención do seu grupo no feito de que, ao seu ver, existen outras prioridades maís aló da convocatoria extraordinaria en pleno agosto e advertiu que outros bens culturais como a Terraza non é igual de atendido. Outro ex-rexedor, Ramón Rodríguez Ares, asegurou que o Pazo de Meirás "nunca foi expropiado nin confiscado" e aludiu ao "importante gasto" que para o Concello suporía a xestión das visitas. 

Mentres, este mesmo luns, o PSdeG lembrou que foi a primeira formación en "solicitar" que se puidese visitar o inmoble e reiterou que o Pazo foi "usurpado" aos veciños polo ditador e os seus familiares.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A CRMH pide denunciar a entidade franquista por delitos de odio

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) pedirá á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que considere como "acción urxente e inmediata" presentar unha denuncia contra a Fundación Francisco Franco por delito de odio, "mentres se segue a explorar a vía para a súa ilegalización por apoloxía do franquismo".

A CRMH da Coruña pide á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que se denuncie a Fundación Franco por delitos de odio

A CRMH considera que o último comunicado da entidade franquista "insiste no relato negacionista do xenocidio franquista e volve equiparar vítimas e verdugos". Mesmo "dá un paso máis no seu discurso negacionista solicitando á ¡derecha cobarde' que defenda a 'media España víctima del Frente Popular', convertendo ás vítimas en verdugos".

A Comisión advirte de que existen ferramentas legais para frear este tipo de condutas a través do Código Penal, e recorda que no Artigo 510.1, c) tipifícase como delito de odio condutas que “publicamente nieguen, trivialicen gravemente o enaltezcan los delitos de genocidio, lesa humanidad o contra las personas y bienes protegidos en caso de conflicto armado, o enaltezcan a sus autores...”.

A CRMH, que vén insistindo na necesidade dunha coordinación e consenso amplo dentro da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, cre que debe ser esta plataforma a que lidere as denuncias contra a Fundación Franco.

Ademais, chama a atención sobre o feito de que os delitos de odio "non só entran a garantir os bens xurídicos da non discriminación ou a protección da igualdade e da diferenza, senón que tamén deben protexer valores superiores do ordenamento xurídico e os dereitos fundamentais da orde política e social".

A CRMH non cre "casual" o "rexurdir do discurso franquista" e ve nel o intento por "instalar unha alternativa fascista"

A CRMH subliña tamén que "non é casual este rexurdir do discurso franquista en España, que a Fundación Franco quere, nunha estratexia propia ou deseñada desde outras instancias, avivar un enfrontamento político e social cara a instalar unha alternativa fascista que socave a fráxil democracia española asentada sobre unha reforma tímida do réxime franquista".

En Marea pide no Congreso a anulación do consello de guerra de Alexandre Bóveda

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou no Congreso senllas proposicións non de lei, para Comisión e para Pleno, e unha pregunta por escrito, para demandarlle ao Goberno que anule o consello de guerra sumarísimo e a condena a morte ao histórico político nacionalista, Alexandre Bóveda, un dos impulsores do Estatuto de Autonomía de Galiza e executado polas forzas golpistas o 17 de agosto de 1936.

Ademais, Fernán Vello pide que se declare a ilexitimidade das condenas e das sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza na ditadura franquista, anulando todos os consellos de guerra e sentenzas condenatorias. Nun terceiro punto da súa proposición non de lei, insta ao Goberno a realizar actos e recoñecementos públicos para conmemorar, homenaxear e rehabilitar a memoria de todas as vítimas da ditadura franquista, e en colaboración coas comunidades autónomas, levar a cabo actos que lembren a alcaldes, representantes públicos, figuras políticas, cargos institucionais e outras persoas que foron executradas ilexitimamente polas forzas golpistas debido ás súas ideas.

O deputado de En Marea reprocha ao Goberno do Estado que 81 anos após do asesinato de Bóveda, así como outros moitos, aínda non se reparou a súa memoria nin se anulou o Consello de Guerra sumarísimo ao que foi sometido. Neste sentido, pon de manifesto o traballo feito pola Fundación Alexandre Bóveda que leva anos facendo esta petición. Tamén fai valer o Informe do alto comisionado da ONU de 2014, que emprazaba ao  Goberno español a rehabilitar de forma pública e política a políticos históricos como Bóveda, Lluís Companys, Manuel Carrasco i Formiguera e a que “se beneficien todas as vítimas sen excepción”.