Ofensiva institucional e social para que os Franco devolvan o Pazo de Meirás ao patrimonio público

Xuntanza polo Pazo de Meirás na Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

Acabouse a paciencia. O anuncio de que a Fundación Francisco Franco xestiona dende hai meses as visitas ao Pazo de Meirás, a confirmación por parte da entidade de que empregará esta "excelente oportunidade" para facer apoloxía da ditadura e do dirixente fascista e a posición morna adoptada pola Xunta mobilizou entidades civís e pola memoria e varias administracións públicas, que veñen de facer fronte común para activar a maquinaria política e legal que permita recuperar para o público o Ben de Interese Cultural (BIC), así como ilegalizar a institución franquista que agora se ocupa da xestión do inmoble.

Deputación, concellos e entidades civís fan fronte común e activan a maquinaria política e legal para recuperar o BIC para o público

Neste mesmo mércores, a Deputación da Coruña convocou o Concello de Sada, outros da provincia e diferentes organizacións co obxectivo de "impedir a apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás". Da xuntanza saíron diferentes acordos destinados a "iniciar o proceso para recuperar o BIC para o patrimonio público", na mesmo liña do municipio sadense, que vén de convocar un pleno extraordinario para reclamar, entre outras cousas, a xestión das visitas ao inmoble. 

As ameazantes e provocadoras palabras da Fundación Franco e dos seus dirixentes, a impotencia que mostra a Xunta á hora de impedir que unha entidade fascista guíe as visitas polo Pazo ou a negativa amosada xa polo PP para unirse á reclamación de reversión ao público do BIC no Congreso fixeron tomar a iniciativa a todas estas administracións e entidades. Os alcaldes de Sada e Pontedeume, o concelleiro de Cultura da Coruña, o vicerreitor da Universidade da Coruña e representantes da Iniciativa Galega da Memoria ou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) uniron forzas.

Crearase a Xunta pro Devolución do Pazo, á que os impulsarones convidan o Goberno galego para que se una "desde o inicio"

Así, acordaron constituír "de inmediato" unha Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, coa participación de institucións, asociacións, organizacións políticas, sociais, sindicais e fundacións co fin de "reclamar a restitución da propiedade" e na que teñen intención de "incorporar desde o inicio á Xunta". 

Ademais, acordaron "rexeitar a xestión por parte da Fundación Francisco Franco do programa de visitas ao Pazo" e condenar as declaracións manifestadas a través dun comunicado e do seu portavoz. Ao mesmo tempo, instan ao "estudo da modificación da Lei de Fundacións" co obxecto de "impedir a legalidade" de entidades que fagan "apoloxía do franquismo" e "realizar un estudo arredor do espolio e a apropiación" do inmoble por parte da familia do ditador e sobre o "proceso para posibilitar a súa devolución ao patrimonio público". Alén disto, as administracións implicadas apostan tamén por "reclamar a aprobación dunha Lei Galega da Memoria Histórica galega que impida o enxalzamento dos protagonistas da represión".

A Deputación e os concellos implicados piden a ilegalización da Fundación Franco e o inicio dun proceso que permita devolver o Pazo ao patrimonio público

As medidas van na liña que intentará aprobar por unanimidade a corporación do Concello de Sada o vindeiro sábado no pleno extraordinario convocado polo seu alcalde, Benito Portela, para volver reclamar, entre outras cousas, a xestión das visitas ao Pazo por parte do municipio. A iniciativa foi aprobada na comisión informativa deste mércores co voto a favor de Sadamaioría, BNG e PSdG, a abstención do PP e o voto en contra do PDSP

Así, a proposta aprobada -sobre a que se intentará un consenso para conseguir unha resposta "unánime, rápida e contundente" de toda a corporación- insta a Xunta a que permita que sexa o Concello de Sada quen xestione as visitas ao Pazo e a que "realice todas as actuacións pertinentes" para "evitar ou non autorizar" que sexa a Fundación Franco quen sen encargue dese labor. 

A corporación de Sada pedirá á Xunta que "evite" que a entidade franquista xestione as visitas

O documento, ademais, pide tamén ao Goberno galego que "esixa aos propietarios que detentan o inmoble que cumpran co réxime de visitas ao BIC disposto na lei" e que se lles impoña "a máxima sanción" prevista na lexislación para a infracción desas obrigas. Ademais, a corporación sadense reclamará á Xunta e ao Goberno do Estado "o apoio institucional a todas aquelas actuacións encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás para a titularidade e uso públicos".

Sada reclama do Goberno galego e do central "o apoio institucional a todas aquelas actuacións encamiñadas a recuperar o Pazo"

Alén disto, tamén formalizará unha "declaración institucional de condena expresa" ante os comunicados emitidos pola Fundación Franco e instará ás Cortes do Estado, Goberno central e grupos parlamentarios a modificación da Lei de Fundacións para "amparar a declaración como ilegais daquelas que como a entidade franquista teñan por obxecto a homenaxe á vida e obra criminais do ditador". 

Por outra banda, o acordo que se dea no pleno extraordinario do vindeiro sábado será trasladado á Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, aos grupos parlamentarios do Congreso e do Parlamento galego e aos que participan nos plenos da institución provincial. 

Benito Portela, alcalde de Sada © Concello de Sada
Porta e muro no Pazo de Meirás CC-BY-SA Merce Blanco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.