O PP rexeita recuperar o pazo de Meirás e filosofa sobre os dereitos dos Franco

Fachada principal do Pazo de Meirás © Xunta

César Fernández Gil, home de confianza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e licenciado en Filosofía, foi o deputado encargado de defender este martes no Parlamento de Galicia a negativa do PP a sequera iniciar a tramitación dunha proposición de lei presentada por En Marea e apoiada por PSdeG e BNG para recuperar a titularidade pública do pazo de Meirás, espoliado durante a ditadura para desfrute da familia Franco. Na súa intervención, o popular filosofou sobre a textualidade e a forma da iniciativa evitando entrar no fondo da cuestión máis que para insinuar que o Estado de Dereito non tería capacidade para retirarlle aos Franco o pazo que eles obtiveron coa ditadura.

En Marea, PSdeG e BNG acusan os populares de defender a familia do ditador e estes contraatacan: “Non xulgamos o franquismo, xulgamos a vixencia do Estado de Dereito”

O rexeitado polo PP este martes no Parlamento estaba aínda lonxe de ser a recuperación do pazo de Meirás de mans dos Franco. Era a toma en consideración inicial, previa a un debate posterior máis técnico, dunha proposición de lei que a Cámara galega tería que remitir ao Congreso dos Deputados para reformar a lei de memoria histórica e introducir nela unha disposición adicional que permitise a recuperación do pazo. Esa disposición indicaba que nun prazo de seis meses as administracións públicas deberían iniciar o proceso para recupear a titularidade pública do ben, que pasaría a ser xestionado por un ente público consorcial formado polo Estado, a Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada. Porén, o deputado popular optou por argumentar que o texto que iniciaría todo ese proceso presentaba diversas eivas na súa redacción.

Fernández Gil criticou a “indefinición sobre quen debe ser o expropiante” do texto proposto por En Marea e insinuou durante a súa intervención que a norma vulneraría os dereitos dos Franco. “Non xulgamos o franquismo, o noso grupo ten manifestado o seu rexeitamento, xulgamos a vixencia e aplicación do Estado de Dereito”, dixo. Logo, incidindo en cuestións formais e obviando que o Parlamento de Galicia xa tramitou outras proposicións de lei, argumentou que “o ámbito deste debate debería ser o Congreso dos Deputados”.

Antón Sánchez, defensor da proposición de lei, lembrou que o que quere o seu grupo é precisamente cambiar a legalidade para que esta se "axuste" á xustiza

A proposición de lei foi defendida polo viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, quen na súa réplica a Fernández Gil lembrou que o que pedía o seu grupo era precisamente “axustar a legalidade á xustiza” e que “despois podemos discutir dos aspectos que queiran durante a tramitación”. “O dereito á propiedade privada non é un dereito fundamental, a dignidade si”, argumentou Sánchez, para criticar que o popular acudise á Cámara “a falar como se isto fose a expropiación dunha estrada”. “Non comprometan a súa dignidade actuando como cómplices dun brutal espolio”, dixéralle previamente ao PP.

Pola súa banda, a deputada socialista Concepción Burgo lembrou que “o único paso” dado ata agora para impor en Meirás dereitos da cidadanía sobre os da familia Franco foi a declaración do pazo como Ben de Interese Cultural (BIC) durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG. A figura obriga á familia a abrir o edificio ao público, pero esta vén incumpríndoo. “O PP, en todo este procedemento, desde 2009, estivo amparando os desexos da familia Franco e non amparando os dereitos da cidadanía”, salientou a socialista, que engadiu que “non é normal que todos os anos a filla e a neta de Franco aparezan na portada da revista Hola no pazo de Meirás e ninguén diga nada”.

Este venres un grupo de deputados, a petición do PSdeG, visitará o recinto para comprobar o seu estado e os incumprimentos da familia Franco

Polo BNG, Xosé Luís Rivas lamentou que todos os pasos dados para resarcir as vítimas da ditadura producíronse “coa oposición frontal ou xorda dos máis, dos herdeiros sociais e ideolóxicos”, que identificou co PP. “O pazo do Meirás debe volver a dominio público”, dixo, xa que “é o botín dun delincuente ás luces do mundo”.

O rexeitamento da toma en consideración da proposición de lei de En Marea prodúcese tres días antes de que este venres os membros da comisión de Cultura da Cámara galega realicen unha visita ao pazo. A petición do PSdeG, os deputados comprobaran o estado en que se atopa o inmoble e interesaranse polos incumprimentos do réxime de visitas establecido pola Xunta.

Antón Sánchez e Benito Portela, ante o Pazo de Meirás © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.