0 Gardados para despois

O Parlamento entrará en Meirás para certificar os incumprimentos dos Franco

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O Parlamento entrará no Pazo de Meirás. Iso é, cando menos, o previsto logo da petición que o PSdeG fixo ante a Mesa da Comisión de Cultura do Parlamento para que se leve a cabo unha visita institucional de todos os membros desta comisión ao inmoble propiedade da familia Franco ante o “incumprimento da obriga legal" que permite a visita pública gratuíta un mínimo catro días ao mes.

PP, En Marea e BNG apoian a solicitude do PSdeG para que unha representación do Parlamento visite o Pazo de Meirás

O PP xa avanzou que non poñerá atrancos a esta petición que tamén apoian En Marea e BNG. "Semella que non haberá problema; a oposición está de acordo e, polo que anunciou, o Partido Popular tamén", asegura Concepción Burgo, portavoz de Cultura do grupo socialista na Cámara e impulsora da petición para que os deputados "coñezan de primeira man a situación" dun Pazo no que a familia do ditador continúa a poñer atrancos. 

Cultura aclara que non porá "ningún impedimento" á visita dos parlamentarios ao BIC

Desde a Consellería de Cultura aclaran que o seu labor é garantir "que o BIC permaneza aberto ao público segundo o indicado pola Lei do Patrimonio Cultural", pero tamén que, no caso de confirmarse a visita dos representantes da Cámara, non porá "ningún impedimento" por ser "unha cuestión que se debate no ámbito parlamentario". 

O Concello de Sada, a oposición, a Xunta e mesmo o PP perderon a paciencia ante o último incidente, que xurdiu ao comprobar as persoas interesadas en visitar este Ben de Interese Cultural (BIC) a inutilidade das chamadas ao teléfono que se ofrece na web de Turismo da Xunta. Agora, o número nin tan sequera está dispoñibe na páxina. Nin o enderezo electrónico, ao que hai tan só unhas semanas contestaba a empresa privada que os Franco contratan para xestionar as visitas: tarde e unicamente indicando os días dispoñibles. Era só a última das polémicas. 

A Xunta xa abriu un expediente sancionador aos Franco "para que reestrableza o réxime de visitas"; a multa podería ser de ata 6.000 euros

A Xunta, tal e como confirma a Consellería de Cultura, vén de abrir un expediente de sanción aos Franco "para que se reestableza o réxime de visitas". Antes, a Dirección Xeral de Patrimonio daba unhas semanas de prazo á familia do ditador para que cumprise coa lei e advertíalle das medidas previstas. A Lei de Patrimonio prevé multas de entre 300 e 6.000 euros por impedir a entrada a un BIC. O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, asegurou que, de confirmarse o veto, haberá multa. "Veremos o resultao do expediente; se se está a incumprir debería haber sanción", dixo. 

"Hai que obrigarlles a cumprir a lei porque xa a están a cumprir co mínimo do mínimo", di Concepción Burgo (PSdeG)

Concepción Burgo, impulsora da solicitude para visitar o Pazo, insta a que se dea "unha solución definitiva" aos problemas que acotío afrontan as autoridades públicas ante o veto dos Franco ás visitas. "A Xunta debe tratar coa mesma vara de medir a todos os donos de BIC", advirte, e lembra que "xa custou moito que aceptasen abrir Meirás ás visitas". "Houbo que ir aos tribunais, ao Valedor... Pero en canto teñen a mínima posibilidade, empregan calquera resquicio legal para poñer atrancos", di. "Hai que obrigarlles a cumprir a lei porque xa a están a cumprir co mínimo do mínimo, tanto nos días previstos como nas estancias que permiten amosar", engade. 

Os socialistas únense a En Marea e BNG na necesidade de "abordar" a reversión pública do Pazo

Burgo insiste, antes de nada, en "regularizar" a actual situación e garantir o "cumprimento da lei", pero asume que hai que "abordar" o futuro do Pazo de Meirás e a súa posible reversión pública. "Claro que se debe abordar, pero non só desde as intencións senón desde a análise das posibilidades legais que hai", insiste. 

Aí é onde o alcalde de Sada, Benito Portela, apunta. "O réxime de visitas é insuficiente e é necesario amplialo, pero o obxectivo é cambiar a Lei de Memoria Histórica para devolvelo á cidadanía", dixo en Radio Galicia. Refírese á iniciativa presentada no Parlamento por En Marea para elevar logo ao Congreso dos Deputados na que se esixe a modificación da lei e permitir ao Estado facerse en propiedade co Pazo de Meirás sen ter que pagarlle un peso á familia do ditador en concepto de expropiación. O PPdeG ten na súa man impulsar esta devolución gratuíta do inmoble. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.