0 Gardados para despois

A Fundación Francisco Franco xestiona desde hai meses as visitas ao Pazo de Meirás

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"Tiene plaza el día 1 de agosto a las 3, pero para las 11 está bastante lleno ya. El día 2 está libre, pero llame cuanto antes porque en agosto nos vamos de vacaciones".  Esa é a resposta que este xoves recibía calquera interesado en visitar o Pazo de Meirás o vindeiro mes chamando ao teléfono que a Xunta facilita a través da súa web de Turismo. Quen hai detrás? "La Fundación Francisco Franco. Puede llamar sin compromiso para reservar, pero sólo para los dos primeiros días de mes y para los dos últimos", explica o interlocutor. 

A Fundación Francisco Franco xestiona desde hai dous meses as visitas ao Pazo de Meirás

Desde hai xa dous meses aproximadamente, é esta entidade fascista -que ten como "obxectivo prioritario a difusión da memoria e obra de Francisco Franco", segundo explica na súa páxina web- quen xestiona as visitas a este Ben de Interese Cultural (BIC). Descubriuno hai xa tempo a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), que confirma agora unha situación que, como destaca, "non é ilegal" pola condición administrativa na que se atopa o Pazo, "pero si inmoral, claro"

Esta mudanza na xestión das visitas chega logo de que a Xunta abrise un expediente á familia Franco por obstaculizaren o réxime mínimo de visitas que marca a lei -catro días ao mes- logo de que o antigo teléfono se mantivese inactivo durante semanas, tal e como denunciaron diversas administracións e entidades o pasado mes de febreiro. Coa ameza dunha multa máxima de 6.000 euros para a acomodada familia do ditador por parte do Goberno galego, os Franco delegaron a elaboración da axenda para visitar o inmoble na Fundación que, entre outras actividades, gaba o golpe de Estado, promove denuncias contra os concellos que retiran simboloxía fascista dos seus rueiros ou programa actos e misas en homenaxe a militares golpistas. 

A Xunta advirte que nada pode facer: "a Lei do Patrimonio Cultural non establece nada ao respecto de que as visitas se xestionen a través dun ou outro tipo de entidade"

Con todo, nada pode facer a Administración para evitar casos coma este mentres o réxime legal da xestión do BIC sexa o actual. "O Pazo de Meirás é un BIC de titularidade privada, polo tanto son os propietarios quen se deben encargar de cumprir co mandato legal de abrilo ao público de forma gratuíta, así como do seu mantemento", aclara a Consellería de Cultura, que lembra tamén que "a Lei do Patrimonio Cultural non establece nada ao respecto de que as visitas se xestionen a través dun ou outro tipo de entidade"

Ao tempo, desde a Xunta cren que "cómpre aclarar" que a Consellería "non achega" na actualidade "ningunha cantidade económica á familia ou ao Pazo nin para xestionar as visitas, nin para a seguridade nin para absolutamente nada".

Xa hai unhas semanas, Carmen Martínez-Bordiú, neta do ditador Franco, advertía nunha información de El Economista que "agora" quen se "encarga de organizar as visitas é a Fundación Francisco Franco, e non hai problema ningún". A xestión mudou logo das advertencias da CRMH, do Concello de Sada e da Xunta, tras semanas sen que o anterior número de teléfono dese sinal. 

Para Fernando Souto, presidente da CRMH da Coruña, a situación é que "unha fundación cuxo obxecto social parece ser o de minar os fundamentos da democracia española está xestionando un BIC, propiedade ilexítima da familia do ditador e obtida a través do espolio e a extorsión, que se dedican ambas -a fundación e o espazo secuestrado- a glosar a figura do máximo responsable do xenocidio cometido no Estado durante a guerra civil e a posguerra". 

A CRMH repara en que "unha fundación que mina os fundamentos da democracia xestiona un BIC propiedade ilexítima dos Franco"

A CRMH lembra que o Pazo chegou ás mans do ditador logo "dun espolio ao pobo a través de expropiacións de terras, subscricións populares obrigatorias e espolio de recursos do Estado durante catro décadas". Ademais, recorda que o grupo de traballo formado pola Comisión e outras entidades xa recompila documentación e apoios para "conseguir a devolución do inmoble ao público". 

Tamén advirte que a Fundación Francisco Franco "honra a memoria do ditador, emite pronunciamentos contrarios ao cumprimento da legalidade da Lei de Memoria Histórica" ou premia cargos públicos que non retiran simboloxía franquista por "defender a memoria do Caudillo". "Fan apoloxía da figura clave no xenocidio franquista, un insulto ás institucións democráticas e en especial ás vítimas daquel xenocidio", insiste. Ademais, lembra que durante o Goberno de Aznar, a devandita institución recibiu axudas públicas para proxectos de arquivo por un valor duns 150.000 euros en só tres anos. 

"A fundación fai apoloxía da figura clave no xenocidio franquista,  un insulto ás institucións democráticas e en especial ás vítimas"

Para Carlos Babío, investigador, impulsor dun traballo sobre o espolio do público durante o franquismo e membro do grupo de traballo, "a legalidade non sempre vai man da moralidade ou da ética". "Que unha fundación coma esta poida  xestionar un BIC é legal porque o Estado español decidiu que a memoria fascista fose legal", engade. 

"Levamos décadas asistindo á protección e blindaxe da propiedade dos Franco por parte das institucións públicas en mans do Partido Popular", insiste a CRMH, que xunto con outras entidades fará unha denuncia pública da actual situación. Ao tempo, lembran que o Pazo de Meirás, malia ser convertido en BIC, viu como "houbo un incumprimento flagrante e continuado do seu réxime de visitas". Foron moreas as denuncias da imposibilidade de visitar o inmoble, en especial cando a familia do ditador o emprega como lugar de vacacións no mes de agosto. Desta vez, á residencia só se pode acceder os dous primeiros días de mes e os dous últimos, tal e como aclara a Fundación que gaba o golpe de Estado, a mesma á quen os descendentes do ditador pensaban ceder a titularidade do Pazo a finais dos anos 70, algo que finalmente non saíu adiante

Desde hai xa anos, os Franco cumpren cada pouco coa tendencia familiar de pasar por riba do marco legal vixente, unha opción que lle sae barato dabondo á familia do ditador. Os seus herdeiros seguen a gozar do Pazo de Meirás como residencia privada case 80 anos despois da súa incautación e ignoran recorrentemente as escasas obrigas que impón a súa condición de BIC, fundamentalmente no que atinxe á obriga de abrilo ao público un mínimo de catro días ao mes. Poucos despois de que unha delegación do Parlamento constatase no histórico edificio que, cando se producen, as visitas ao público "omiten" o relato histórico ligado á ditadura, a Xunta confirmou que a sanción á que se enfrontan os Franco por obstaculizaren a apertura terá un impacto irrelevante na súa saneada economía: un máximo de 6.000 euros. O expediente continúa aberto á espera de resolución. Investigacións recentes cifran o patrimonio dos herdeiros do ditador nuns 500 millóns de euros

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea e BNG consideran "unha burla" e "un insulto ás vítimas" que a entidade fascista organice as visitas

En Marea considera "inaceptable" e "unha burla" a decisión que permite que a Fundación Francisco Franco sexa a que xestione as visitas ao Pazo de Meirás e pide, novamente, que se reclame a propiedade para o público. Pola súa banda, o BNG presentou xa varias iniciativas parlametnarias contra o que considera "un disparate" e "un insulto á memoria das vítimas da ditadura fascista e tamén á dignidade de Galiza". 

A deputada de En Marea Ánxeles Cuña lembrou as principais datas da historia do Pazo de Meirás, desde o golpe de 1936 ata o momento de 1937 no que mediante "un roubo a man armada, deciden agasallar ao ditador co pazo que foi de Emilia Pardo Bazán mediante ameazas, expropiacións e contribucións forzosas". Ademais, lembra que no momento no que o inmoble se declarou BIC e se instaurou un horario de visitas "comezaron os problemas". "A familia empeza a poñer atrancos para a apertura e incumpre por sistema a atención ao público", lembrou. 

"Que unha entidade franquista xestione as visitas supón unha prolongación do espolio", di En Marea

Para Cuña, o feito de que agora a Fundación Franco "xestione o horario de visitas non é máis que outra bulra porque é unha entidade franquista e supón unha prolongación do espolio co que foi conseguido o pazo de xeito completamente ilexítimo".

Pola súa banda, o vicevoceiro Antón Sánchez recordou que a situación do Pazo de Meirás era completamente irregular para a cidadanía, "primeiro porque é un espolio que ese patrimonio estea en mans da familia do ditador e que nin sequera cumpran coa regulación da Xunta respecto das visitas". "Galicia debe ser o único lugar de Europa no que a familia dun ditador conserva os bens obtidos como resultado desa ditadura, isto non pasa en ningún outro lado", insiste.

Sánchez sinalou que "a idea de que a xestión da visitas sexa levada a cabo por quen en realidade non quere visita ningunha" non é máis que a demostración de que o PP "protexe os intereses da familia Franco e, polo tanto, está protexendo os intereses do fascismo e non se entende que un partido que se di demócrata siga protexendo o fascimo e as palabras nisto non valen: o que valen son os feitos e os feitos din que o PP protexe o franquismo".

O Bloque pregúntas se a Fundación Franco pode trasladar unha información "veraz" cando "lexitima e defende o réxime fascista"

Pola súa banda, o BNG pregúntase se pode unha asociación coma a Fundación Franco trasladar unha información “veraz” do acontecido durante a ditadura en Meirás e no conxunto de Galiza, “toda vez que non só lexitima o réxime fascista senón que o promove e o defende abertamente.

Ante todo isto, o Bloque reclamará na Cámara a creación dunha comisión que estude a devolución do Pazo de Meirás "aos seus lexítimos propietarios: o pobo de Sada". Ademais, insta a Xunta a dirixirse á familia Franco para "expresar o seu rexeitamento a que sexa esta entidade a encargada das visitas".