A delegación parlamentaria denuncia a "omisión" da figura de Franco nas visitas a Meirás

Visita dos deputados e deputadas ao Pazo de Meirás © PSdeG-PSOE

Deputados e deputadas da Comisión de Cultura do Parlamento galego realizaron este venres unha visita institucional ao Pazo de Meirás, buscando comprobar o estado en que se atopa o inmoble e analizar os incumprimentos do réxime de visitas establecido pola Xunta. A valoración realizada pola delegación foi negativa, sinalando en primeiro lugar que a visita permitida pola familia Franco, que se realiza apenas 4 días ao mes, resulta “moi curta” e ademais céntrase nos xardíns e, no interior do edificio, só accede ao hall de entrada e a dúas salas ao seu carón.

Para Burgo, nas visitas guiadas “realízase unha lamentable manipulación histórica” ao "obviar a presenza de Franco no inmoble"

Máis grave resulta para Concepción Burgo, portavoz de Cultura do Grupo Socialista, a visión que durante a visita se dá sobre a presenza do ditador no edificio. Para Burgo, nas visitas guiadas “realízase unha lamentable manipulación histórica” ao "obviar a presenza de Franco no inmoble". Á saída do Pazo, Concepción Burgo explicou que “son os Franco os que mandan facer o relato” para centrarse no papel de Emilia Pardo Bazán “coma se Franco nunca estivera aí”. Burgo subliñou que “dona Emilia construíuno e é unha parte fundamental, pero tamén forma parte da historia do corrupto réxime franquista”.

A deputada socialista explicou que acudiu a esta visita como “símbolo, para demostrarlle á cidadanía que ten dereito a solicitar a visita ao Pazo, vítima do espolio absoluto aos cidadáns galegos por parte da familia Franco”. Burgo anunciou que o PSdeG-PSOE esixirá que se abra tamén no mes de agosto, cando non se realizan visitas “porque vén a familia Franco a facer a portada do Hola dende onde insultan a tódolos galegos e galegas”.

Burgo pediu que o Pazo “reverta de novo na cidadanía”, xa que foi “resultado do espolio de fondos conseguidos a través de ameazas e do medo”

A responsable socialista defendeu que o Pazo “reverta de novo na cidadanía”, xa que foi “resultado do espolio de fondos conseguidos a través de ameazas e do medo” para construír unha casa “na que viviu un ditador responsable de milleiros de mortos”.

Esta semana o PP negouse a iniciar a tramitación dunha proposición de lei presentada por En Marea e apoiada por PSdeG e BNG para recuperar a titularidade pública do pazo de Meirás, espoliado durante a ditadura para desfrute da familia Franco.

Visita dos deputados e deputadas ao Pazo de Meirás © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.