0 Gardados para despois

A Xunta di "non estar para dar diñeiro á familia Franco" tras pagarlle 50.000 euros en seguridade

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O voceiro parlamentario do PPdeG matizou esta mesma semana a liña oficial do seu partido na polémica que arrodea o Pazo de Meirás. Rematada a estadía vacacional da familia de Francisco Franco no edificio despois de lle encomendar a xestión das visitas á fundación dedicada a honrar o ditador e un día antes de que membros do BNG ocupasen simbolicamente o inmoble, Pedro Puy dixo ver "razoable" que o histórico recinto retornase a mans públicas. Con todo, evitou comprometer accións concretas da Xunta ao respecto. E o Goberno galego desbota impulsar iniciativa ningunha para recuperar este Ben de Interese Cultural (BIC) para o patrimonio público. A Consellería de Cultura aclara que a lexislación vixente só permitiría a compra ou expropiación e que "Galicia non está para darlle diñeiro á familia Franco". 

Pedro Puy matizou a liña oficial do PPdeG e cre "razoable" que o Pazo volva ao público e ve "interesante" crear unha comisión para impulsar a devolución

Nin catro meses despois de que o PP rexeitase no Parlamento cuestionar o réxime de propiedade do Pazo ao botar atrás unha iniciativa de En Marea que propoñía unha modificación legal a partir dun acordo no Congreso, Puy admitiu que debía "evitarse a toda costa" a anunciada apoloxía do franquismo no inmoble e mesmo que "o razoable sería voltalo ao público". E aclarou que, malia ser legalmente "propiedade dos herdeiros do ditador", ten "un vicio na súa adquisición", outorgada "en plena guerra civil" e mantida grazas á "férrea ditadura".

Puy ve "interesante" a "proposta" lanzada polo voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen insta a abordar xa a reversión ao público de Meirás a través dunha "comisión" integrada pola Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada para "analizar o expediente orixinal" da entrega do Pazo a Franco que deixe sen efecto aquel "acto ilexítimo" e poña a propiedade nas mans "do pobo de Galicia". Cuestionado o departamento de Cultura por esta posibilidade e pola posibilidade de impulsar mudanzas lexislativas, a resposta é única: "No actual marco lexislativo, o Pazo de Meirás só pode pasar a ser propiedade pública a través da súa compra ou da súa expropiación. E a Consellería entende que Galicia non está para darlle diñeiro á familia Franco". 

A Xunta "negociou" cos Franco tras unha batalla xudicial e financiou os gastos de apertura do Pazo ata 2013 con máis de 50.000 euros

Pero Galicia xa lle deu cartos aos proxenitores do ditador. Foi hai algúns anos e con Feijóo xa en San Caetano. Esgotada a vía xudicial aberta pola familia de Franco para evitar abrir as portas do Pazo ao público, finalmente foi obrigada ao cumprimento da lei de patrimonio cultural e a Xunta, a garantilo. Para facelo, tal e como admitira daquela a Consellería de Cultura, optaran pola vía da "prudencia" e da "negociación". O inmoble acabou abrindo en marzo de 2011, pero previo pagamento da Xunta. Como informou Praza.gal, ata finais de 2012 foi a Xunta a que sufragou os gastos das visitas mediante dous convenios e unha engádega que chegaron a sumar un total de 53.713 euros.

En virtude daqueles pactos, a familia Franco "garantía a apertura" nos devanditos catro días e o Goberno asumía "os custos derivados" das visitas e mais comprometíase a "facerse cargo da cobertura dos danos materiais que se puidesen producir (...) mediante a contratación dunha póliza de seguro". Ademais, e tras a intervención do Valedor do Pobo, a Xunta dera en revelar que o convenio implicaba algunhas excepcións á obriga xeral de cumprir o réxime de visitas. Unha delas, que non se realizasen "durante os días en que a familia" se atopase "aloxada no pazo, pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma".

Acordos da Xunta coa familia de Franco para abrir Meirás, aos que se sumou unha achega adicional de 9.500 euros

Foi no ano 2013 cando a Xunta deixou de poñer cartos para propiciar que os Franco cumprisen coa lei de patrimonio cultural e foi tamén dende ese ano cando comezaron os sucesivos incumprimentos que, en virtude da normativa actual -foi reformada en 2016-, suporanlles como moito unha sanción de 6.000 euros

Por outra banda, o alcalde de Sada vén de enviar unha carta ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para pedirlles unha entrevista e trasladarlles e explicarlles o acordo plenario aprobado polo Concello de Sada o pasado día 12 de agosto, no que se volve reclamar a xestión do Pazo para o municipio, se solicita un estudo para analizar a posible devolución do inmoble e se rexeitan as declaracións da Fundación Francisco Franco, de quen se pide a ilegalización. 

O alcalde, Benito Portela, aclara que a solicitude de entrevistas vén dada "polas últimas noticias e acontecementos sobre a situación do Pazo de Meirás que xerou unha gran alarma social e constatou que existe unha amplía demanda social que esixe que sexa recuperado para o patrimonio público". O rexedor trasladará a Feijóo e Rodríguez a necesidade de que sexa o Concello de Sada quen xestione ás visitas ao BIC Pazo de Meirás así como recabar da Xunta de Galicia "o necesario apoio institucional para todas aquelas iniciativas encamiñadas á recuperación do inmoble". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Consellería asegura que os Franco serán multados por non abrir o Pazo

Serán apenas 6.000 euros, pero será. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegura que o expediente aberto á familia Franco por non abrir ao público o Pazo de Meirás está "a piques de pecharse" e que "seguramente" terá "carácter sancionador". Así o dixo a preguntas dos medios este xoves sobre o devandito expediente aberto xa o pasado mes de marzo e que podería resolverse "en semanas". 

O conselleiro de Cultura asegura que o expediente "seguramente" terá "carácter sancionador"

Con todo, a sanción á que se enfrontan os Franco por obstaculizaren a apertura terá un impacto irrelevante na súa saneada economía: un máximo de 6.000 euros. Tal e como aclarara a Xunta, a multa aos herdeiros do ditador sería a contemplada para as infraccións sinaladas no artigo 129 da lei de patrimonio do pasado 2016, na que se encaixa como infraccion leve "o incumprimento da obriga de facilitar a visita pública (...) ás zonas que se determinen de forma específica nos bens de interese cultural". Atendendo a ese texto legal as infraccións leves implican unha multa de 300 a 6.000 euros, polo que esa sería a contía máxima da multa aos Franco por pecharen Meirás.

O importe máximo da sanción para a familia Franco será de 6.000 euros

A anterior lei de patrimonio, impulsada polo Goberno de Manuel Fraga en 1995, xa deixaba marxe á sanción para "os propietarios, posuidores e demais titulares de bens declarardos de interese cultural" que non "facilitasen a visita pública a estes nas condicións que se determinen" e que "en todo caso, será gratuíta durante catro días ao mes". Aquela norma consideraba unha infracción leve "o incumprimento de calquera obriga de carácter formal contida nesta lei", o que abría a porta a aplicar un réxime sancionador máis rigoroso. Non en van, as infraccións leves estaban multadas con ata 10 millóns de pesetas, isto é, uns 60.000 euros.

Román Rodríguez asegurou este xoves que o expediente vai "cara adiante, en proceso e seguramente teña un carácter sancionador dentro do marco legal que hai fixado pola lei de patrimonio e será fixado dentro das tipoloxías de sanción". Un máximo de 6.000 euros.