Compostela dálles quince días aos Franco para que devolvan as estatuas do Pórtico

Esculturas de Abraham e Isaac © Concello de Santiago

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, vén de enviar un requirimento á familia do ditador Francisco Franco para que devolva ao Concello as figuras do Pórtico da Gloria que ten na súa propiedade. Nunha carta á súa filla, Carmen Franco, o rexedor dálles quince días aos familiares do xeneral golpista para que entreguen as figuras, antes de emprender accións legais, segundo adiantou Radio Galicia. Esta reclamación chega logo de que o municipio anunciase a semana pasada que atopou os documentos que acreditan que as esculturas de Abraham e Isaac son propiedade de Compostela.

Noriega enviou un requirimento á familia Franco, á que dá quince días para devolver as figuras antes de emprender accións legais

As estatuas atópanse na actualidade formando parte dunha exposición no Pazo de Xelmírez, continuidade da que houbo no Museo do Prado entre novembro de 2016 e marzo de 2017 sobre a obra do Mestre Mateo. Sería o Museo da Catedral e como exhibición permanente, segundo di Noriega na carta, o seu destino idóneo.

As dúas figuras, que representan a Abraham e Isaac, están na actualidade en mans da familia do ditador franquista, a pesar de que non existe ningún documento de cesión por parte do Concello de Santiago, quen as adquiriu en 1948 por unha cantidade de 60.000 pesetas. Así llelo recorda Noriega á familia do ditador. O documento notarial de compravenda, así como o resto do expediente, foi atopado tras un traballo de documentación levado a cabo nas últimas semanas nos arquivos da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con historiadores desa institución. Nese documento condiciónase a venda a que as esculturas non saian do patrimonio municipal nin por enaxenación, doazón, concesión de depósito ou calquera outra figura, xa que en caso contrario debería indemnizarse ao propietario anterior con 400.000 pesetas.

A Fundación Francisco Franco volve abrir Meirás

A noticia coincide no día con outra arredor da polémica sobre o patrimonio dos familiares do ditador. A Fundación Francisco Franco anunciou e que este venres 22 de setembro retomaranse as visitas ao Pazo de Meirás, que a entidade fascista suspendera o pasado 8 de setembro por "motivos de seguridade" e logo da acción simbólica de ocupación que levara a cabo o BNG tan só uns días antes. 

A Fundación Franco reabre o Pazo de Meirás ás visitas tras suspendelas hai unhas semanas "por motivos de seguridade"

As visitas, obrigadas pola consideración do inmoble como Ben de Interese Cultural (BIC), reinícianse este venres con "catro quendas dunha hora que serán ás 9, 10. 11 e 12 horas", tal e como aclara a Fundación na súa páxina web, na que achega un teléfono e un enderezo electrónico para facer as reservas. Son os mesmos que se achegan na páxina de Turismo da Xunta de Galicia e aos que había que dirixirse antes de que se cancelasen as visitas. 

Os últimos días dispostos para as visitas de Meirás foron o 30 e mais o 31 de agosto -nese período estival os Franco concentran a teórica apertura de portas no inicio e no remate do mes para pasaren as vacacións sen interrupcións-. Na primeira desas xornadas membros do BNG trasladaron a súa reivindicación de devolución do edificio ao propio edificio sadense mediante unha ocupación simbólica que ecoou en todo o Estado e acrecentou o debate sobre a propiedade, entregada ao xeneral golpista en 1938 a través dunha comisión liderada polo banqueiro Pedro Barrie de la Maza, organismo que canalizou achegas económicas obrigatorias do persoal público e recadou diñeiro con patrullas supervisadas pola Falange.

A entidade fascista ameazou o BNG tras a ocupación simbólica do Pazo e chegou a pedir a súa ilegalización

A Fundación Franco retrucou a esta acción de protesta con diversas críticas en redes sociais, pero tamén cun aviso no seu sitio web, o mesmo que empregou nas últimas semanas para difundir textos propagandísticos sobre a "grandeza" do ditador ou con consignas negacionistas sobre a represión franquista. Nese aviso a entidade indicaba que "por motivos de seguridade" as visitas ao Pazo de Meirás quedaban "canceladas ata nova orde". A organización ultradereitista non achegaba ningunha explicación adicional e nesta primeira semana de setembro o portal oficial de Turismo de Galicia seguía a amosar as datas de visitas do mes de agosto, ademais do número de teléfono para reservas que os Franco tiveron desconectado.

Ademais, a Fundación Franco ameazou con denunciar os militantes do BNG por "asaltar" Meirás e respondía á ocupación simbólica advertindo de que faría "todo o que estea na súa man para asegurarse de que os asaltantes reciban o seu xusto castigo de acordo coa lei". Tan só uns días despois, nun debate dun programa televisivo, o presidente da entidade fascista reclamaba a ilegalización do Bloque. Precisamente, a formación nacionalista acudía este mércores á sede da ONU en Xenebra para denunciar a situación do histórico inmoble, reclamar a súa devolución ao patrimonio público e pedir a ilegalización do colectivo ultradereitista

Antes, a Xunta volveu ameazar con máis sancións á familia Franco, logo de que o Goberno galego deixase en 4.500 euros a multa por incumprir a lei no Pazo de Meirás. O Executivo, que ata finais de 2012 gastou máis 50.000 euros na seguridade do recinto, admitía que a sanción podía ser de ata 6.000 euros. 

Escrito remitido polo Concello de Santiago en galego e castelán a Carmen Franco y Polo reclamando as estatuas CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.