0 Gardados para despois

Feijóo atribúese a apertura de Meirás, obrigada por un decreto do goberno de PSdeG e BNG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A asunción por parte da Fundación Francisco Franco da xestión das visitas ao Pazo de Meirás e a súa declarada intención de aproveitar a "oportunidade" para facer apoloxía da ditadura devolveu este agosto á actualidade o xeito en que a familia do militar golpista se fixo coa propiedade, unha recadación de fondos forzosa entre a poboación en 1938, pero tamén a normativa que estipula a apertura do histórico recinto un mínimo de catro días ao mes. Esa obriga é o resultado dun proceso legal iniciado no ano 2006 e culminado, malia ao boicot dos herdeiros do ditador, no ano 2008. Desenvolveuse, daquela, durante o mandato do goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta. No entanto, quen recuperou o poder para o PP en 2009, Alberto Núñez Feijóo, vén de formular un relato de seu para atribuírse a si mesmo e ao seu Executivo a apertura ao público do Pazo de Meirás mentres que "o goberno anterior" o mantivo "pechado", di.

A que fora residencia de Emilia Parzo Bazán ten que ser aberta ao público por ser un Ben de Interese Cultural (BIC), categoría que adquiriu por un decreto promulgado en decembro de 2008, resultado dun procedemento ralentizado xudicialmente polos Franco, que o levaron aos tribunais en media decena de ocasións. A través da Consellería de Cultura, na altura dirixida por Ánxela Bugallo (BNG), o Goberno de socialistas e nacionalistas iniciou os trámites na primavera de 2006, apenas seis meses despois de remudar no poder ao PP de Manuel Fraga. Tras as eleccións municipais de 2007 o novo goberno de Sada, encabezado polo Bloque, solicitou formalmente por acordo plenario esa declaración BIC para Meirás, que se concretaría na incoación dun expediente en agosto de 2008.

O proceso para declarar BIC o Pazo de Meirás comezou en 2006 e culminou en 2008; os Franco boicoteárono con recursos xudiciais que foron resoltos definitivamente en 2010, co PP xa de volta na Xunta

Para chegar ao inicio do expediente a Xunta non o tivo doado. A súa posta en marcha requiría que técnicos da Consellería inspeccionasen o Pazo para coñecer o seu estado e os Franco tentaron impedilo por todos os medios. Primeiro, prohibíndolles a entrada e despois, no outono de 2007, presentando un recurso contencioso-administrativo que acabou naufragando no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cuxo ditame só impuxo a condición de que a reportaxe fotográfica que realizasen os técnicos respectase a "intimidade" dos Franco. A Xunta tivo que advertilos de que se enfrontaban a unha multa de ata 60.000 euros.

Ao non lograren impedir o expediente os herdeiros do ditador tentaron frear a declaración BIC unha vez aprobada pola Xunta. Despois de esixir unha compensación económica por abrir o pazo ao público solicitaron ante o TSXG a suspensión do decreto por, entre outros motivos, non estaren dispostos a asumir os "gastos de vixilancia e seguro por accidentes". Mentres o proceso xudicial se desenvolvía, en Galicia celebrábanse eleccións e cando o alto tribunal galego resolveu tombando o recurso da familia do ditador, en xuño de 2009, o presidente xa era Feijóo. A familia Franco aínda formularía un novo recurso ante o TSXG e outros dous no Supremo, pero todos fracasaron. O último, en outubro de 2010.

50.000 euros públicos para os Franco en 2011 e 2012

Acordos da Xunta coa familia de Franco para abrir Meirás, aos que se sumou unha achega adicional de 9.500 euros

Unha vez esgotada a vía xudicial os Franco víronse obrigados ao cumprimento da lei de patrimonio cultural e a Xunta, a garantilo. Para facelo, admitira daquela a Consellería de Cultura, optaran pola vía da "prudencia" e a "negociación". Aquelas conversas desembocaron finalmente na apertura do pazo en marzo de 2011, pero previo pagamento da Xunta. Como informou Praza.gal, ata finais de 2012 foi a Xunta a que sufragou os gastos das visitas mediante dous convenios e unha engádega que chegaron a sumar un total de 53.713 euros. En virtude daqueles pactos a familia Franco "garantía a apertura" nos devanditos catro días e o Goberno asumía "os custos derivados" das visitas e mais comprometíase a "facerse cargo da cobertura dos danos materiais que se puidesen producir (...) mediante a contratación dunha póliza de seguro". Ademais, e tras a intervención do Valedor do Pobo, a Xunta dera en revelar que o convenio implicaba algunhas excepcións á obriga xeral de cumprir o réxime de visitas. Unha delas, que non se realizasen "durante os días en que a familia" se atopase "aloxada no pazo, pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma"

Tras perderen no xulgado a Xunta "negociou" cos Franco e financiou os gastos de apertura do Pazo ata 2013

Foi no ano 2013 cando a Xunta deixou de poñer cartos para propiciar que os Franco cumprisen coa lei de patrimonio cultural e foi tamén dende ese ano cando comezaron os sucesivos incumprimentos que, en virtude da normativa actual -foi reformada en 2016-, suporanlles como moito unha sanción de 6.000 euros. É nese 2013, precisamente, onde comeza o actual relato de Feijóo sobre a relación do seu Goberno cos Franco e o Pazo. 

Ao ser preguntado ao respecto pola prensa tras o Consello da Xunta deste xoves o presidente "reiterou" que o seu gabinete velará por que a Fundación Franco "cumpra a lei" e convidou ademais a denunciar "se hai algún tipo de apoloxía de calquera tipo de fascismo que estea incumprindo as leis" na actividade da entidade, que ten como único obxectivo honrar a memoria do ditador e espallar a súa "obra". Neste sentido, Feijóo mantén que "cando chegamos" ao Executivo "había unha lei do bipartito do ano 2008" que "non obrigaba á familia a abrir o pazo" e o que fixo o PP foi "obrigar os propietarios a abrilo e a xestionar o seu mantemento". "Agora resulta que está preocupada a esquerda que mantivo o Pazo de Meirás pechado facilitando á familia que non gastase un euro en abrilo", sinalou. "O goberno anterior, polo que sexa, non obrigaba abrir o pazo; estou facendo unha crónica".

Conversas da Xunta coa Fundación Franco

Feijóo revela contactos coa Fundación Franco e o PSdeG ínstao a non "falsear a realidade" da declaración BIC do Pazo

Nesa resposta aos xornalistas o presidente revelou, ademais, contactos coa familia de Franco que o Executivo non desvelara ata agora. Alén de obviar os pagamentos realizados entre 2011 e 2012 Feijóo gábase de non aceptar "un convenio para abrir conxuntamente o pazo" que "nos plantexaba a Fundación". "Dixemos que non imos participar en manter ese pazo nin no mantemento ordinario nin extraordinario, nin a financiar a apertura", afirma, ademais de resaltar que "reiteramos á Fundación que teñen que cumprir a lei e este goberno está cumprindo a lei, porque o goberno anterior non o estaba a facer".

As consideracións do presidente suscitaron a resposta por parte do PSdeG, que a través da súa deputada Concepción Burgo instou a Feijóo a non "falsear a realidade" só para "agochar a súa actitude timorata coa familia Franco". "Foi o Goberno de Touriño o que declarou BIC o Pazo de Meirás" e fíxoo ademais "coa oposición firme do PP", que a través do propio Feijóo chegara a poñer en dúbida todo o proceso porque, aseguraba en 2007, Meirás non é "un pazo", senón "unha torre".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo pide "mesura e proporcionalidade" á Fundación Franco na exaltación do ditador no pazo

A Fundación Francisco Franco deixou claro por escrito cal é a súa intención ao xestionar as visitas ao Pazo de Meirás. Van empregar a "oportunidade" que lles brinda a familia do ditador para "mostrar ao gran público" a "grandeza" do ditador e presentar a súa propia versión das doazóns forzosas para a compra do inmoble en 1938, relatadas pola entidade como unha "subscrición popular" do "pobo galego". Diante desta declaración de intencións a Xunta resaltou que non ten vías legais para expulsar a Fundación de Meirás, pero instouna a manter comportamentos "democráticos". A esta tese sumouse este venres o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, que pide á organización franquista "mesura e proporcionalidade".

"Espero e desexo algunha rectificación no futuro", di Feijóo sobre o eloxio da ditadura que proclama a Fundación Franco

No transcurso dun acto público en Vigo o xefe do Goberno galego foi cuestionado polas declaracións do voceiro da Fundación, Jaime Alonso, que nunha entrevista con laSexta non aforrou eloxios ao ditador, que "non fusilaba", e reiterou a súa vontade de facer apoloxía do réxime xurdido do golpe do 36 no marco das visitas a Meirás. A xuízo de Feijóo "unha cousa é que en España cada un teña a súa opinión, que haxa unha liberdade de expresión", pero "o que non pode ocorrer é que cando se vai amosar un Ben de Interese Cultural se faga determinada apoloxía", xusto o que a Fundación Franco anunciou que vai facer.

Esas "valoracións subxectivas" son verbas que "confrontan coa lexislación vixente" e por iso "en consecuencia, pido mesura e proporcionalidade ao representante da fundación", sinalou. Así, o titular da Xunta di "esperar e desexar algunha rectificación" no futuro.  O chamado de Feijóo prodúcese mentres o conxunto da oposición cualifica de "timorata" ou "morna" a actitude da Xunta coa Fundación Franco e as súas actividades no pazo