Máis de trinta concellos forman parte xa da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás

Primeiro plenario da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás © Deputación da Coruña

Máis de trinta concellos da Coruña decidiron sumarse á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que este martes celebrou o seu primeiro plenario na Deputación da Coruña. Na xuntanza, segundo conta a institución provincial, decidiuse "afondar en todas as vías posíbeis encamiñadas á devolución do Pazo de Meirás en mans da familia Franco". Son xa 33 os municipios incluídos nesta iniciativa tras os 31 incorporados, ademais dos fundadores de Sada e A Coruña.  

O primeiro plenario da Xunta decidiu "afondar en todas as vías posíbeis" para a devolución do Pazo de Meirás

Ademais das entidades que formaron parte do grupo promotor, na xuntanza participaron desta vez representantes dos máis de trinta concellos e quince asociacións que se sumaron formalmente á moción de adhesión á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. Á xuntanza asistiron boa parte dos alcaldes e alcaldesas ademais de concelleiros e concelleiras dos municipios adheridos.

“A idea era que os concellos da Coruña se sumasen á Xunta pro Devolución que foi impulsada desde a Deputación, da mesma maneira que no seu momento se organizou a recadación forzosa de fondos a través da Xunta pro Pazo de Meirás e, desta maneira, máis de trinta plenos aprobaron sumarse xa á iniciativa mais temos coñecemento tamén doutras institucións e gobernos municipais que queren incorporarse”, sinalou Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da institución provincial.

Un total de 31 plenos municipais aprobaron a súa inclusión na Xunta pro Devolución e xa hai máis que "queren incorporarse"

Sanmartín explicou que desde a última reunión comezouse a traballar en dous informes que foron encargados a especialistas na investigación histórica e xurídica que se atopan nun avanzado estado e que "serán clave para iniciar as accións para que o Pazo de Meirás pase a formar parte do patrimonio público".

Na reunión, os dous responsábeis das investigacións histórica e xurídicas, Emilio Grandío e Xavier Ferreira, presentaron o estado en que se atopan os informes cos que se agarda abrir "vías sólidas" para iniciar o proceso de integración do Pazo de Meirás no patrimonio público

“Xuridicamente podemos dicir que a operación de adquisición do Pazo de Meirás é complexa pero tamén moi meditada para evitar precisamente que puidese chegar a mans públicas despois do fin da ditadura”, sinalou Xavier Ferreira, profesor da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, que defendeu tamén a necesidade de “explorar todas as vías existentes para recuperar o ámbito público do Pazo, en especial, na medida en que tivo un uso público durante un tempo como residencia de verán do xefe de Estado e sede de consellos de ministros”.

Os dous expertos encargados dos informes histórico-xurídicos para iniciar as accións para a devolución explicaron os avances

De todas maneiras, e despois de estudar os cambios lexislativos operados no propio franquismo, Ferreira adianta a necesidade “de operar cambios lexislativos que eviten consagrar as iniquidades de procesos de adquisicións de bens en situación históricas de golpe de estado como esta”.

Pola súa parte, Emilio Grandío, investigador que dirixe o estudo histórico sobre a propiedade do Pazo xunto con Manuel Pérez, deitou luz sobre a documentación existente arredor da propiedade do ben e dos pasos que se deron para que pasase a engrosar o patrimonio de Francisco Franco. 

Emilio Grandío, director tamén do proxecto Xeración Perdida da Deputación da Coruña, explicou que, para a elaboración do informe final estanse a consultar arquivos e fontes como o Arquivo da Deputación, Arquivo de Palacio, AGA, ARG, Tribunal Militar Intermedio Ferrol ademais de arquivos municipais e particulares. No traballo desenvolverase un estudo histórico da propiedade do Pazo de Meirás desde a situación anterior ao 1938, a adquisición e inscrición, a xestión na ditadura ou a propia formación da Xunta Pro Pazo. Anotou tamén o papel protagonista da Deputación da Coruña e que se tratou dun proceso prolongado no tempo, cunha confusión entre o privado e o público en que o Pazo se comportaba tamén como espazo de reunión gubernamentais.

 

Máis concellos e entidades implicadas

Despois de ser aprobada nos respectivos plenos, pasan a constituír a Xunta os concellos de Ames, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Brión, Cambre, Carballo, Cedeira, Cee, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, A Pobra do Caramiñal, Pontedeume, Rianxo, San Sadurniño, Santiago, Santiso, Teo, Toques, Valdoviño, Vilasantar, Vimianzo e Zas. Ademais, recibíronse adhesións de concellos de fóra da provincia da Coruña como Foz, Pontevedra ou Viana do Bolo ademais da propia Deputación de Pontevedra.

Confirmaron tamén a súa vontade de integrarse na Xunta pro Devolución as seguintes entidades: Asociación Cultural Fuco Buxán, A. C. O Facho, A.C. Alexandre Bóveda, A.C. Irmáns Suárez Picallo, Asociación pola Memoria Histórica Democrática de Ferrol, Ateneo Eumés, Eira Vella, A Oliveira de Teo, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Castelao, Fundación Galiza Sempre, Fundación 10 de Marzo, Fundación Moncho Reboiras, Fundación Luís Tilve, Galiza Nova, entre outras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.