0 Gardados para despois

Un informe xurídico avala a nulidade da transmisión do Pazo de Meirás aos Franco

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A transmisión do Pazo de Meirás á familia Franco fíxose a través dun contrato simulado en 1941 cando o ditador levaba utilizando o inmoble desde 1938 e para evitar queu pasase a ser parte do patrimonio do Estado. Esa é a principal e contundente conclusión do informe xurídico elaborado por encargo da Deputación da Coruña e que debería ser a base para acudir aos tribunais e solicitar a nulidade desta compravenda e lograr a súa volta ao público ao tratarse dunha propiedade "froito dun negocio ficticio que pode ser anulado”.

A transmisión do Pazo aos Franco fíxose a través dun contrato simulado en 1941 cando a familia levaba tres anos usándoo

Xabier Ferreira, coordinador xurídico do estudo e profesor da Universidade de Santiago, explicou en rolda de prensa que acudir aos tribunais é a "acción necesaria" para recuperar o Pazo de Meirás como ben público para a cidadanía e que ese proceso xudicial debería levalo a cabo "calquera persoa ou administración con interese en demostrar que aquela compra-venda non foi tal".

A clave desa posible demanda e sobre a que xira o informe é a anulación do contrato de venda do ano 1941, xunto coa consideración do ben como patrimonio do Estado. 

Tal e como se detalla no documento, os datos históricos indican que a doazón do Pazo de Meirás -a través de coaccións e nun clima de represión en plena guerra civil- concretouse no ano 1938, para aprobarse logo en 1940 a lei do patrimonio nacional e no 41 formalizarse "unha compravenda ficticia" das instalacións. Era o xeito de evitar que fose incorporado como ben público, polo que sería destinado para o uso da xefatura de Estado e non para a familia do ditador Franco, tal e como aconteceu tras a súa morte e tras a recuperación da democracia. 

O informe ve a acción xudicial como "necesaria" para recuperar o Pazo como ben público

A cerna do proceso está nesa compravenda do ano 1941, que se realiza cun prezo baixo de venda e sen entregar o diñeiro perante notario, nunha escritura en que se incorpora unha cláusula pola que non se pode reclamar. “A escritura é ordinaria mais, de facto, en 1941 Franco xa ocupaba un ben que Carmen Polo visitaba con asiduidade e no que diversas institucións acometaran obras de reforma”, explicou Ferreira, remitíndose ao documento privado de doazón de 1938, que fora aceptada polo propio Franco, e que fora anunciada desde A Coruña a Serrano Suñer a través dun telegrama que saíra publicado en prensa.

"Un contrato simulado é formalizar ante notario un contrato cando se está facendo outra cousa; diso estamos a falar"

“En dereito existe a figura de contrato simulado cando dúas persoas formalizan perante notario un contrato cando están facendo outra cousa, e diso estamos a falar. No ano 1941 está comprando unha persoa que xa ten o ben e vendendo unha que xa o fixo”, explicou, polo que abriu a vía a reclamar a “nulidade plena dese contrato” xa que “esa compravenda non existiu e a acción, ao se tratar dun ben público, é imprescriptíbel, inembargábel e inalienábel”, engadiu. 

Por que Franco fixo esta operación se o Pazo xa era da súa propiedade? A razón está, segundo Ferreira, na aprobación en 1940 da Lei de Patrimonio Nacional que incorporaría o Pazo de Meirás como ben público. Xa que logo, o ditador precisaba asinar un contrato de compra para preservar o inmóbel como propiedade privada. 

A operación ficticia de compravenda en 1941 fíxose para evitar que o Pazo pasase a ben púbico tras a aprobación meses antes da Lei de Patrimonio Nacional

“Na nosa opinión o ben, froito deses negocios ficticios, deberá formar parte do Patrimonio Nacional”, concluíu Xabier Ferreira para o que a “opción necesaria é acudir aos tribunais de xustiza”. “O tribunal terá que valorar se o telegrama do gobernador civil da Coruña a Ramón Serrano Suñer que dicía que se facía entrega do Pazo a Franco é falso ou unha realidade. A min xérame unha convicción clara e contundente de que iso aconteceu”, engadiu Ferreira, quen confía en que finalmente o ben reverta ao dominio público.

O informe completo e definitivo será presentado o vindeiro 1 de marzo na reunión do grupo promotor da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, conformada por varias entidades e administracións públicas. Será en medio dunha forte demanda social e política a favor da reversión ao público do inmoble, que o pasado venres unha inmobiliaria cántabra incorporou ao seu catálogo para poñelo á venda por 8 millóns de euros.  A empresa amosa diversas imaxes do pazo, do seu interior e das leiras lindeiras e, adicionalmente, divulgou un vídeo no que combina o aspecto actual do recinto con imaxes do NO-DO sobre as estancias de Franco nel.

O Concello de Sada amosa a súa "satisfacción" ao coincidir a posición do informe coa comisión de expertos e o propio Concello

Ademais, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, advertiu de que a decisión de adiantar algunhas conclusións do informe debeuse á necesidade de contribuír “a asentar a posibilidade de reverter o ben ao ámbito público”, ademais de anunciar “ás persoas que queiran participar na súa compra, dos problemas que ten a propiedade, froito dunha apropiación ilícita”.

Coñecidos os resultados do informe, o goberno municipal de Sada expresou a súa "satisfacción" de que o informe xurídico "coincida coa posición e demandas xa expresadas polo Concello e defendidas na Comisión de expertos" celebrada o pasado luns en Santiago. “Que existe esa coincidencia, tanto na ilicitude e nulidade radical do título fraudulento da propiedade de Franco, como na vía xudicial civil e na demanda de que
as distintas administracións deben defender, é unha boa nova para Sada e Galiza enteira”, declarou Benito Portela, alcalde de Sada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Noriega non pedirá "ningún favor" aos Franco para que deixen as estatuas do Mestre Mateo en Santiago

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asegurou que o Concello non "ten ferramentas" para impedir que as estatuas do Pórtico da Gloria saian de Compostela tras concluír a exposición sobre o Mestre Mateo e afirmou que non pedirá "ningún favor" aos Franco para que permanezan na cidade.

Noriega aclara que o Concello non "ten ferramentas" para impedir que as estatuas saian de Compostela tras concluír a exposición

O rexedor afirmou que, a nivel político, gustaríalle que estas dúas pezas "non se movesen" do Pazo de Xelmírez mentres se decide sobre a demanda de propiedade presentada pola administración local, pero que, xudicialmente, "non hai ferramentas para impedilo". Así, descartou a posibilidade de pedir medidas cautelares ao xulgado, dado que é un mecanismo que desaconsellan os servizos xurídicos..

Ademais, desbotou tamén a posibilidade de abrir unha vía de negociación coa familia. "Non, non lle vou a pedir ningún favor á familia Franco, e se iso supón esperar uns meses para ter as pezas, será o prezo que haberá que pagar", dixo o alcalde, que destacou que esta é "a primeira vez na historia" desta reivindicación, iniciada hai tres décadas, na que se "está adoptando unha medida sopesada, seria e moi traballada a través da vía xudicial" para recuperar este patrimonio.

"Non lle vou a pedir ningún favor á familia Franco; se iso supón esperar uns meses para ter as pezas, será o prezo que haberá que pagar"

"Esa é a nosa estratexia, na que estamos a investir tempo", dixo o alcalde, que lembrou que se trata dun "enfrontamento de David contra Goliat". Neste proceso, apuntou, déronse "moitos pasos", coa demanda sustanciada e a idea de que poida existir unha resposta en primeira instancia ao longo deste ano; así como coa declaración BIC para a protección das estatuas de Abraham e Isaac.

"As accións políticas hai que facelas e parécenme ben, pero estou con xente que sabe no campo xurídico e temos a vontade política de facelo aí", resumiu o alcalde. Ademais, e do mesmo xeito que este luns fixo o BNG, nunha protesta ás portas do Pazo de Xelmírez, o PP, en voz do seu portavoz municipal, Agustín Hernández, reclamou tamén ao Concello a petición de medidas cautelares para manter as estatuas na cidade.