O Ministerio de Traballo inicia o proceso para revogar as Medallas ao Mérito no Traballo a sete persoas e unha entidade vinculadas ao golpe de estado fascista e á ditadura, entre elas os galegos Pedro Barrié de la Maza, José Fariña Ferreño e José María González-Llanos. Así o recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE) deste venres, 20 de novembro, xusto 51 anos despois da morte do ditador Francisco Franco.
A Lei de Memoria Democrática avala a retirada das medallas a quen formase parte do "aparato da represión da ditadura" ou atentase contra os dereitos humanos
A retirada destes recoñecementos segue o mandato do artigo 42 da Lei de Memoria Democrática, o que establece que "as condecoracións e recompensas concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta lei, poderá revisarse cando quede acreditado que o beneficiario, antes ou despois da concesión, con motivo de ter formado parte do aparato da represión da ditadura franquista, tivese realizado actos ou observado condutas manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os principios reitores de protección dos dereitos humanos, así como cos requisitos para a súa concesión".
O propio decreto que regula a concesión destas medallas establece que ter formado "parte do aparato de represión da ditadura franquista" é un dos supostos que implica a revogación que agora enceta o ministerio que dirixe a ferrolá Yolanda Díaz, que dá un prazo dez días hábiles para posibles alegacións.
Un dos afectados é o empresario Pedro Barrié de la Maza, dono do Banco Pastor, máximo dirixente da extinta Unión Fenosa ou de Astano e un dos principais financeiros do bando fascista na guerra civil, ademais do impulsor da Xunta pro-Pazo que acabou por entregar —mediante unha operación simulada e nula— as Torres de Meirás a Franco, nun proceso que repetiu coa Casa Cornide da Coruña.
Barrié apoiou economicamente o golpe e o bando fascista, depurou empregados do Pastor e foi impulsor da entrega do Pazo de Meirás e da Casa Cornide aos Franco
Foi un activo apoio do golpismo, mesmo antes que do franquismo. Fixo importantes doazóns á sublevación militar e ao bando fascista e colaborou activamente na depuración sobre o persoal do Banco Pastor, do que era accionista maioritario e director xeral. A mesma entidade bancaria que naquela altura procurou executar o aval dun crédito da campaña do Estatuto de 1936, asinado por dirixentes galeguistas asasinados.
O Ministerio de Traballo explica que a Barrié, a quen lle foi concedida a medalla en 1949, xa lle foi retirado o título de Conde de Fenosa por "supoñer unha exaltación da guerra e a ditadura". Ademais, relata que o empresario "mantivo unha activa colaboración" coas autoridades fascistas mediante "achegas económicas e materiais ao bando sublevado" xa durante a guerra ou "a depuración de traballadores considerados afíns á República" no Banco Pastor. Tamén tivo unha "participación destacada nas operacións dirixidas á entrega do Pazo de Meirás e da Casa Cornide a Franco e a súa contorna", ademais de ser procurador en Cortes moitos anos.
"Estas circunstancias resultarían manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os principios reitores de protección dos dereitos humanos", explica o Ministerio.
González-Llanos puxo en marcha Astano; antes, serviu "con entusiasmo extraordinario" o bando fascista nos cruceiros 'Canarias' e 'Baleares' na guerra civil
Pola súa banda, o ferrolán José María González-Lllanos, de familia de tradición mariñeira, ingresou na Armada aos 14 anos, ao tempo que completaba a súa formación como enxeñeiro. En 1935 era director do estaleiro ferrolán, posto que abandona para unirse ao exército golpista en 1936, embarcando no cruceiro Canarias para participar no bloqueo do Estreito de Xibraltar. En 1941 creou a empresa FENYA e en 1949 puxo en marcha o estaleiro de Astano, en Fene.
O Ministerio de Traballo destaca que na propia orde de concesión da Medalla en 1945 o réxime explica que o militar "con entusiasmo extraordinario e laboriosidade sen límites" colaborou en prestar servizo aos cruceiros Canarias e Baleares, "tan indispensables" no conflito. Ademais, destaca que formou parte do "aparato de represión", foi procurador en Cortes e contribuíu á "consolidación institucional do réxime". En 2022, Defensa acordou retirar o seu nome dunha das rúas do Arsenal Militar.
O outro galego afectado pola revogación da medalla é José Fariña Ferreño, coruñés e destacado militante fascista, persoa próxima a Calvo Sotelo e implicado na preparación da sublevación militar de 1936. Fixo de enlace desde Lisboa cos militares golpistas de Andalucía. Posteriormente participou na represión e tamén foi un destacado banqueiro no Banco de Crédito Local.
Fariña Ferreño estivo implicado na preparación do golpe de estado, impulsou e participou na represión e colaborou na adquisición do Pazo de Meirás
Na súa concesión da Medalla en 1961, o réxime destaca o "importantísimo labor desenvolvido durante a nosa Guerra de Liberación" e a súa "lealdade ao Réxime", tal e como destaca o Ministerio de Traballo. Ademais, sinala a súa condición de "promotor e responsable da Delegación de Información de Residentes de Madrid (DIDREM), un organismo "dedicado á obtención e elaboración de información sobre persoas en territorios controlados pola República que logo foi utilizada con fins represivos polas autoridades sublevadas".
Como director xeral do Banco de Crédito Local, tamén participou en "actuacións dirixidas a facilitar a adquisición e acondicionamento do Pazo de Meirás para a súa posterior entrega a Francisco Franco".
As outras persoas afectadas pola revogación das medallas son Pilar Primo de Rivera, irmá do fundador da Falange, filla do ditador Miguel Primo de Rivera e dirixente da Sección Femenina; Esteban de Bilbao, ministro de Xustiza e presidente das Cortes franquistas; Juan Antonio Suanzes, ministro de Industria e Comercio; e Francisco Bastaneche, un dos responsables do asasinato en masa na Desbandá en Malaga. Tamén lle será retirada a distincia á Organización Sindical del Movimiento, o sindicato vertical e único do réxime fascista.