O pasado 18 de marzo o Ministerio de Defensa anunciou a supresión das denominacións das rúas do Arsenal de Ferrol que homenaxeaban persoeiros ou a elementos simbólicos do franquismo, unha vella demanda de colectivos sociais, grupos de militares demócratas ou de presos políticos da ditadura. Fíxoo sen facer referencia á Lei da Memoria Histórica que se estaba a incumprir e mesmo sen explicitar a propia substitución (limitouse a anunciar que esas vías ían adoptar unha nova denominación).
O Ministerio de Defensa devolveulle ao "Soldado Lois" unha rúa en Ferrol, neste caso fóra do Arsenal. Trátase dunha vía entre o pazo de Capitanía e os xardíns de Herrera de acceso restrinxido a persoal da Armada
En calquera caso, a resolución asinada por Margarita Robles eliminou do rueiro interior das instalacións militares as rúas e prazas dedicadas a Almirante Vierna, Crucero Baleares, Soldado Lois, Almirante Honorio Cornejo, Cándido Pérez, González Llanos, Almirante Fernández Martín, Salvador Moreno e Marqués de Alborán. E, ao tempo, substituíunas polos nomes de “Juan Sebastián de Elcano”, “Ana de Sotomayor”, “Nao Santa María”, “Nao Victoria”, “Galera La Loba”, “Galeón Santiago de Oliste”, “Corbeta Atrevida”, “Fragata Acorazada Numancia” e "Jorge Juan", todos eles "heroes e buques que destacaron ao longo da historia da Armada Española", sinalaba o Ministerio.
O PP presentou unha moción no pleno municipal de Ordes en apoio ao Soldado Lois, que recibiu voto favorable do PSdeG-PSOE, o voto negativo do BNG e a abstención dos edís non adscritos
Porén, o 13 de abril o Ministerio de Defensa devolvíalle ao "Soldado Lois" unha rúa en Ferrol, neste caso fóra do Arsenal. Trátase dunha vía entre o pazo de Capitanía e os xardíns de Herrera de acceso restrinxido a persoal da Armada. Defensa cedeu ás presións recibidas nas semanas anteriores, que incluíron unha moción presentada polo PP no pleno municipal de Ordes que mesmo recibiu o apoio do PSdeG-PSOE, co voto negativo do BNG e a abstención dos edís non adscritos. A moción dos populares destacaba que o denominado "Soldado Lois" era "un ordense de baja cuna que, ao igual que Isabel Zendal (tamén pobre de solemnidade), protagonizou unha fazaña heroica".
O Soldado Lois, que morreu no Cruceiro Baleares, foi elevado polo franquismo a heroe anónimo (aproveitando as súas orixes humildes) e serviu como símbolo mitificado pola ditadura nas décadas seguintes.
Quen foi o Soldado Lois? Manuel Lois García foi un soldado de infantería de maríña nacido en Ordes en 1912 que durante a Guerra Civil integrou a tripulación do Cruceiro Baleares, buque responsable do masacre de milleiros de civís que fuxían pola estrada entre Málaga e Almería no que se coñece como "La desbandá". En 1937 o Baleares foi afundido por barcos republicanos, morrendo o Soldado Lois, que foi elevado polo franquismo a heroe anónimo (aproveitando as súas orixes humildes) e serviu como símbolo mitificado pola ditadura nas décadas seguintes.
PSdeG-PSOE, Ferrol en Común e BNG votaron a favor da moción que solicitaba a retirada da estatua de González-Llanos e o PP abstívose
Tamén houbo unha inciativa de quita e pon no caso de José María González-Llanos en Ferrol. O 31 de marzo o pleno municipal debateu unha moción presentada polo colectivo de presas e presos políticos e que foi defendida por Josefina Varela e Manuel Monge. A moción solicitaba a retirada da distinción de Fillo Predilecto de Ferrol a Salvador Moreno e a José María González-Llanos, a eliminación de placas e outra simboloxía de exaltación franquista (por exemplo a placa de homenaxe ao cruceiro Baleares na igrexa de San Francisco) e tamén a estatua de José María González-Llanos en Esteiro. PSdeG-PSOE, Ferrol en Común e BNG votaron a favor da moción e o PP abstívose.
"Quedan en Alemaña ou Italia algunha estatua dalgún contralmirante da armada nazi ou da armada fascista nestes países democráticos?, preguntou Monge
Na defensa da moción, Monge preguntou "quedan en Alemaña ou Italia algunha estatua dalgún contralmirante da armada nazi ou da armada fascista nestes países democráticos?" e concluíu "isto non vai de estatuas. Isto vai de que facer cos restos do franquismo en Ferrol máis de 45 anos despois".
Porén, a pesar da aprobación da moción, poucos días despois do pleno o alcalde ferrolán Ángel Mato descartaba que a estatua se fose retirar, argumentando que o seu grupo cometera "un erro" e que a moción debería terse votado "por puntos". Mato defendía, ademais, que a estatua fora colocada durante o goberno de Xaime Bello (BNG) en 1999.
O PP presentou unha nova moción para defender a permanencia da estatua de José María González-Llanos. O PSdeG-PSOE apoiou a moción
Así, no seguinte pleno, celebrado esta semana, o PP presentou unha nova moción para defender a permanencia da estatua e exaltando o legado de José María González-Llanos. Desta volta o PSdeG-PSOE apoiou a moción, nun sentido completamente contrario á que votara unhas semanas antes. Mentres, Ferrol en Común e BNG votaron en contra, lembrando a condición de militar franquista do enxeñeiro naval.
González-Llanos participou no Golpe de Estado de 1936, embarcando no cruceiro Canarias
Quen foi José María González-Llanos? Nacido en Ferrol en 1899 nunha familia de tradición mariñeira, ingresou na Armada aos 14 anos, ao tempo que completaba a súa formación como enxeñeiro. En 1935 era director do estaleiro ferrolán, posto que abandona para unirse ao exército golpista en 1936, embarcando no cruceiro Canarias para participar no bloqueo do Estreito de Xibraltar. En 1941 creou a empresa FENYA e en 1949 puxo en marcha o estaleiro de ASTANO, en Fene.