O pasado 28 de febreiro un grupo de militares presentou unha solicitude para que o Arsenal de Ferrol retire das súas rúas interiores as denominacións que exaltan a ditadura franquista, substituíndoas polas de militares que defenderon a democracia e a legalidade republicana en 1936. A demanda foi remitida ás autoridades do propio Arsenal e ao Ministerio de Defensa, e ía asinada por Arturo Maira Rodríguez, Capitán de Navío do Corpo de Enxeñeiros Electricistas da Armada (retirado) e voceiro tamén do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas presentado hai uns meses. De momento a súa solicitude non tivo resposta oficial.
A carta asinada por Arturo Maira, acompañada dun dossier elaborado polos asinantes do manifesto e polo historiador Bernardo Máiz, reclamaba tamén que as moitas persoas que foron executadas no Arsenal nos primeiros meses da sublevación militar reciban alí unha homenaxe, e que sexa instalado na Punta do Martelo (un dos lugares nos que houbo máis fusilamentos) un monolito cos nomes de todos os asasinados. Falamos con el.
Hai dúas semanas que entregastes a vosa solicitude. Tivestes algunha resposta, oficial ou non?
"Creo que as autoridades de Mariña retirarán pronto esas placas, dunha maneira vergonzante, sen dicirlle nada a ninguén"
Das autoridades militares de Mariña non espero respuesta. Da Ministra de Defensa, tendo en conta que lle quedan poucos días no cargo e vista a súa actitude ante nós, tampouco espero demasiado. O que si creo é que me contestará o alcalde de Ferrol; na carta que lle enviei pedíalle o seu apoio e ao mesmo tempo púñame á súa disposición para conseguir os tres obxectivos buscados. Tamén che podo dicir que ao historiador Bernardo Máiz hai uns días felicitárono en Ferrol algúns mariños de alta gradación polo rigor do traballo e a valentía que tivemos ao presentalo.
Pedides por unha banda a retirada da exaltación da ditadura, pero ao mesmo tempo reclamades que se homenaxee os militares que si defenderon a democracia en 1936. Falta recoñecemento para esas persoas que perderon a vida por defender a legalidade que saíra das urnas?
Si, a nosa petición inicial, que era sinxela, era que retirasen os carteis desas rúas. Producíannos vergoña e un absoluto rexeitamento. Pero inmediatamente decidimos que había que facer tamén unha proposta para que un grupo de mariños ferroláns, reprimidos e asasinados case todos eles por defender a Segunda República ou por simplemente non participar na rebelión, fose recoñecido dando nome a esas rúas. A elección deses mariños, entre un grupo máis amplo seleccionado a partir de documentos históricos, foi realizada por votación democrática dentro do Manifesto. Valorouse a súa conduta persoal no conflito, e o seu valor, compromiso e sufrimento en defensa da legalidade republicana.
A medida que avanzamos no coñecemento dos detalles da barbarie efectuada en Ferrolterra, consideramos unha obriga pedir tamén que se instale unha placa ou monumento na Punta do Martelo, un do tres lugares do Arsenal no que se levaban a cabo os fusilamentos; na que figure o nome e condición de todos os executados inxustamente alí. Os historiadores dispoñen destes datos. Este é, ao meu parecer, o obxectivo máis difícil de conseguir dos tres, e á vez o máis significativo, e o máis inclusivo para as xentes de Ferrol.
Cres entón que, cando menos, o nome das actuais rúas si vai ser retirado?
Creo que as autoridades da Armada retirarán pronto esas placas, dunha maneira vergonzante, sen dicirlle nada a ninguén. Esta é simplemente unha suposición miña, baseada en que a presión mediática destas últimas semanas tivo un notable impacto.
"Alí a Armada fusilou o pobo democrático ferrolán. Ferrol e a súa comarca eran unha zona claramente de esquerdas e republicana, e por iso a masacraron"
Cal foi o recibimento da vosa proposta na cidadanía de Ferrol? Hai unha esixencia de restitución, de devolución da memoria e do honor?
Esta proposta non é nova. Hai uns anos o Concello de Ferrol pediulle á Armada que, en cumprimento do Artigo 15 da Lei de Memoria Histórica, retirase todos os obxectos conmemorativos da exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil, e da represión da Ditadura. A Armada mentiu dicindo que xa se cumprira coa Lei da Memoria Histórica e non fixo nada. É duro para un mariño dicir isto, pero é certo, tiven acceso á información dispoñible no Concello de Ferrol.
É que este non é só un tema da Mariña, é un tema de Ferrol, porque esas rúas aínda que están dentro do Arsenal son rúas ferrolás. E alí a Armada fusilou o pobo democrático ferrolán. Ferrol e a súa comarca eran unha zona claramente de esquerdas e republicana, e por iso a masacraron. E iso queda na alma da xente.
Cremos que o final deste proceso en Ferrol ten que ser un acto público, de portas abertas, no que a Armada lle pida perdón no Arsenal Militar aos habitantes da comarca -representada polos seus alcaldes e concelleiros- e que se acompañe da imposición dos nomes novos das rúas interiores e da inauguración dese monólito e placa de homenaxe. Se iso se conseguise, Ferrol se sentiría renovada e en paz e a propia Armada recuperaría os seus valores de antano, porque a Armada leva 300 anos en Ferrol e a cidade deulle o mellor que ten, que é a súa xente, xente sinxela. Eles construíron os seus buques e tripuláronos con valor e destreza. Eles dotaron os barcos de subministracións básicas para poder navegar: auga, pan, froita, e millóns de despedidas nos peiraos.
Na carta que abre a solicitude presentada afirmas que "os simpatizantes co anterior réxime non son infrecuentes nas nosas Forzas Armadas, sobre todo nos seus niveis superiores". Hai tantos franquistas no Exército?
"Case mil militares que exerceron nas décadas posteriores á Transición atrévense a dicir que son franquistas. Cantos máis haberá realmente no Exército?"
Os militares demócratas levamos anos denunciando iso, e sempre se nos criticou, dicindo que esaxerabamos, que sempre estabamos co mesmo, etcétera. Pois resulta que en xullo do ano pasado de súpeto 170 altos mandos asinaron un comunicado en favor de Franco e falando do gran labor realizado pola ditadura. Entre eles había un ex-xefe da Casa Militar del Rey, un ex-xefe do Estado Maior do Exército retirado poucos anos antes, e moitos altos mandos retirados tamén recentemente. É xente que foi promocionada nas Forzas Armadas durante a Transición e os anos seguintes, sendo franquistas. Ao cabo de catro meses os medios informaron que ese comunicado de militares franquistas estaba apoiado xa por máis de 700 persoas, e a maior parte seguían sendo militares de alta gradación. É dicir, case mil militares profesionais nas décadas posteriores á Transición atrévense a dicir que son franquistas. Cantos máis haberá realmente nos Exércitos? Non é que o diga eu, é que eles mesmos recoñecen que son franquistas.
Por que se mantivo no Exército esta ideoloxía non democrática? A Transición non cambiou nada? Nas décadas seguintes, en 40 anos de Gobernos democráticos, non mudou nada?
"O Exército non cambiou en absoluto, seguiron ascendendo os mesmos de antes"
Na Transición o Exército deixouse como estaba, non houbo ningún cambio. Fíxate que aos integrantes da UMD condenáronos a varios anos de cárcere por defender que España se tiña que converter nunha democracia. E, despois, a Lei de Amnistía -criticable por outros motivos- supuxo a liberdade para moitos presos políticos, pero non para estes militares, porque as Forzas Armadas negáronse. Só cando Carme Chacón foi ministra de Defensa devolveulles simbolicamente a súa honra, 25 anos despois. O que che quero dicir con isto é que o Exército non cambiou en absoluto, seguiron ascendendo os mesmos de antes.
A maior parte das constitucións europeas sitúa o Exército unicamente como unha ferramenta do poder político elixido polo pobo. A nosa non, a nosa outórgalle a obriga e a responsabilidade de defender a unidade do Estado español, é dicir, dálle unhas misións que noutros países lle corresponden, en exclusiva, ao Presidente da República como representante superior do pobo e elixido directamente por el. Convértese así aos Exércitos nun poder do Estado na sombra, e non nunha ferramenta do Estado. En certa maneira, con estas funcións que a Constitución lle outorga, algún sector dos Exércitos ameaza cando lle interesa ao poder civil democrático, situándose por riba del. Trata de poñerlle liñas vermellas ao poder civil, único lexítimo.
Como valorades a resposta institucional, tanto do Exército coma do Ministerio de Defensa, aos dous manifestos presentados o ano pasado: o dos militares franquistas e o voso, no que facedes unha defensa dos valores democráticos?
A resposta da Ministra de Defensa foi poñernos ao mesmo nivel que a eles, sen dicir a verdade: que nós somos demócratas e eles son franquistas, é dicir, inimigos absolutos da democracia e da soberanía do pobo, e que apoian un ditador que foi sinalado pola ONU como xenocida. Que nos poña a un nivel semellante é inadmisible
"Nós somos demócratas e eles apoian un ditador que foi sinalado pola ONU como xenocida. Que nos poña a un nivel semellante é inadmisible"
Na carta tamén reclamabas que a Armada recupere "a súa harmonía coa cidadanía española", perdida no Golpe de Estado de 1936, unha fenda que se mantivo en 40 anos de ditadura e, polo que se ve, nos últimos 40 anos de democracia... Como se cambia esta situación?
Esta situación cámbiase expulsando o franquismo das Forzas Armadas. E ese é o noso obxectivo. O chamado Manifesto de Apoio aos militares e gardas civís demócratas axudounos a xestionar e acompañounos en xuntanzas mantidas con parlamentarios e asesores de PSOE, Podemos, Esquerda Unida e as Mareas. Para esas xuntanzas de traballo elaboramos un documento titulado precisamente Como expulsar o franquismo das Forzas Armadas.
Despois de considerar que o franquismo é importante hoxe en día nas Forzas Armadas e que está a ser promocionado no seu interior, sinalouse que se nutre de varios factores: endogamia interna, a falta dunha Lei antifranquista, que a Constitución e as leis permitan certo Poder Militar, vixiante do que consideran intocable.Ou o seu propio concepto franquista da sociedade, a forma do Estado, a relación Igrexa-Estado, etcétera.
"Esta situación cámbiase expulsando o franquismo das Forzas Armadas"
Propuxemos 21 medidas en relación coas Forzas Armadas en xeral e 10 específicas para a Garda Civil. Refírense á publicación desa Lei Antifranquista; a suprimir o Artigo 8.1 da Constitución; á ausencia total das Igrexas dentro da Armada; á eliminación da Xustiza Militar en tempos de paz, a que a sociedade civil controle a formación dos militares en valores democráticos ou a loitar contra a endogamia interna ilexítima.
Se les sobre a Guerra Civil nos libros de historia xeral quedas coa impresión de que foi un horror. Pero se a les nos libros de historiadores locais, ves que foi moito máis pavorosa. Por que? Porque ao que mataran era o veciño da túa rúa ou era o teu familiar. O sangue torna nun sangue que doe máis. O que fixeron foi brutal e nunca pediron perdón. E mentres non o fagan non se recuperará esa harmonía.