O alto tribunal di que o narco é un personaxe público "pola súa participación destacada en actividades organizadas de tráfico de drogas tóxicas en cantidades de notoria importancia, que é un asunto de interese xeral"
O Tribunal Supremo vén de estimar os recursos da produtora da serie Fariña e a cadea de televisión e a plataforma que a emitiron fronte a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que hai ano e medio apreciou a existencia dunha intromisión ilexítima no dereito á intimidade persoal e a honra do narcotraficante Laureano Oubiña. Antes deste proceso contra a serie, o libro no que está inspirada, do xornalista galego Nacho Carretero, xa fora secuestrado por orde xudicial tras así pedilo o ex-alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar por sentirse tamén prexudicado, un caso que tamén acabou desestimado.
Sobre o dereito á honra, o Supremo considera que o demandante "é un personaxe público, pois foi condenado a elevadas penas de prisión pola súa participación destacada en actividades organizadas de tráfico de drogas tóxicas en cantidades de notoria importancia, que é un asunto de interese xeral". Que nunha escena da serie televisiva sexa relacionado, sequera mediante insinuacións ou de forma indirecta, co tráfico de cocaína non pode considerarse que constitúa unha intromisión ilexítima no seu dereito á honra, a pesar de o personaxe apareza co seu nome e apelidos nunha serie que di estar "inspirada en feitos reais".
Segundo o tribunal, nunha serie "non é aplicable unha esixencia de veracidade nos termos máis estritos en que se esixe para o exercicio do dereito de información". Tampouco pode considerarse que constitúa un menoscabo relevante da reputación de "quen foi xa condenado por gravísimas condutas relacionadas co narcotráfico", por máis que estivesen referidas a outra droga.
A sentenza tamén desestima que se producise unha intromisión ilexítima no dereito á intimidade de Oubiña. A sentenza razoa que cando a obra de ficción recrea a vida privada dunha persoa suficientemente identificada, non pode predicarse a inmunidade xurídica do creador sempre e en todo caso, senón que ha de realizarse un xuízo de ponderación que teña en conta as circunstancias concorrentes para valorar se a afectación da intimidade é proporcionada e, por tanto, lexitimada polo exercicio da liberdade de creación artística e literaria conforme a parámetros constitucionais.
No caso, a cuestión non se centra na identificación do personaxe co demandante, que é indiscutible, senón se as escenas íntimas representadas polos actores atribúen de maneira verosímil aspectos da súa vida sexual e, en consecuencia, se esa atribución afecta de forma grave o seu dereito á intimidade. As escenas cuestionadas, di o tribunal, amosan condutas íntimas propias dunha relación de parella, pero o seu carácter non é especialmente explícito.
Incluso a máis intensa é extremadamente breve, salienta a sentenza, e os actores permanecen vestidos e só se amosa a parte superior dos seus torsos. Todas as secuencias intégranse de forma natural no relato, sen adquirir especial significación dramática nin configurarse como elementos definitorios do protagonista. Tampouco se presentan como episodios auténticos da vida sexual do demandante.
Segundo o tribunal, estas circunstancias levan razoablemente ao espectador medio a entender que non se está ante unha exposición real da intimidade do demandante, senón ante unha recreación dramática que non pretende divulgar feitos auténticos relativos á súa vida sexual, polo que a eventual afectación á súa intimidade carece da gravidade necesaria para prevalecer sobre a liberdade de creación artística dos demandados.