0 Gardados para despois

"O narcotráfico estigmatizou Galicia; no resto de España viuse como folclore"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O reporteiro galego Nacho Carretero escribiu de todo e sobre todo en Jot Down, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo. Desde o xenocidio de Ruanda ata o ébola, pasando pola crúa experiencia de Pablo Ibar no corredor da morte ata o conflito de Siria. Percorreu o mundo para contar o que pasa e agora narra a historia do narcotráfico na súa terra, un soño xornalístico que tiña desde ben neno. Afonda en algo que aínda segue vivo en Galicia, aínda que non acade os niveis dos anos 90, cando o 80% da cocaína desembarcaba en Europa polas rías do país. Fariña (Libros del KO), así se titula, sae á venda o vindeiro 21 de setembro e non é só un libro sobre o contrabando e a droga, nin un denso tratado sobre o tema. É un relato cheo de anécdotas, de lectura áxil e que trata sen complexos da conivencia de políticos e policía, da permisividade da cidadanía ou da banalización da farlopa ou o perico que deixaron unha xeración perdida. O agora xornalista de El Español repasa aquela negra historia. 

Como lle deu por facer esta crónica do narcotráfico?

O narcotráfico é un dos temas estrelas para calquera que en Galicia teña inquedanza na crónica ou na narrativa. Calquera xornalista mirouno en Galicia, aínda que fose de esguello, porque é un tema bestial e moi particular. Como todo fenómeno criminal organizado ou mafioso ten ese auréola romántica que dá moito xogo para escribir. Desde que son periodista sempre tiven en mente facer algo con isto e sempre estiven moi atento ao tema. Como galego sentía que era un tema con moitas posibilidades e que estaba mal contado ou sen contar. Xurdiume a oportunidade grazas a Libros del KO e foi cando me puxen a vomitar todos os datos que tiña e a entrevistar e investigar. Así xurdiu Fariña

Supoño que non é doado contactar coa xente que estivo implicada dunha ou doutra maneira no narcotráfico.

Cando contactas con xente que está ou estivo metida no narcotráfico directa ou indirectamente é moi difícil. Teñen certo medo. Tamén é complicado falar con algúns xuíces ou policías porque non queren que o seu nome figure. Non é doado conseguir as fontes e a maioría queren ser anónimas, o que fai que a historia perda un pouco de forza, pero non queda outra. A maioría da xente pediume que non revelase o seu nome. 

"A maioría das fontes queren ser anónimas, pídenme que non revele os seus nomes"

Vostede ten temor ou medo?

Temor non porque o libro non revela nada que en Galicia, quen tivese un mínimo interese, non soubese. Todo foi contado algunha vez ou forma parte da sabedoría popular galega e non hai nada que poña as cousas patas arriba. É unha recompilación dun fenómeno moi importante que non fora tratado en global, pero tamén facendo un percorrido por anécdotas e feitos históricos, cunha lectura áxil. Para nada é un tratado sobre o narcotráfico, senón que calquera o pode ler, saiba ou non do tema. É certo que cando se poñen datos xuntos enriba da mesa ou se removen cousas, saen nomes, pero non teño medo porque os xornalistas que están sobre o terreo e que traballan ou traballaron nisto durante anos son os que de verdade se xogaron moitas cousas e aí seguen. Se eles seguen, que menos que facerlle fronte ao temor os que non estivemos sobre o terreo tantos anos. 

"O resto de España viu o narcotráfico como folclore; calquera mozo galego sufriu algunha broma sobre o tema algunha vez"

En Galicia o narcotráfico é algo coñecido, pero quizais non tanto en España. Déuselle pouca importancia?

Desde o resto de España viuse como folclore. O narcotráfico estigmatizou bastante a Galicia. Calquera mozo galego que viaxase por España adiante sufriu unha broma, aínda que fose sen mala intención, sobre este tema. O propio libro igual non lles gusta a moitos galegos porque é incidir nun tema que perpetúa o estereotipo da narcoterra, pero é unha realidade. En canto ás autoridades e o Estado, ata a operación Nécora houbo unha absoluta pasividade e desleixo por culpa das institucións e políticos galegos que non deron a voz de alarma, xa que estaban en conivencia co contrabando e logo co narcotráfico. Tamén porque a España dos 80 probablemente pensaba que tiña cousas máis importantes que atender que o que pasaba naquel curruncho. 

"Ata a operación 'Nécora', houbo unha total pasividade por parte do Estado, e a culpa foi dos políticos galegos que estaban en conivencia co narcotráfico"

Non segue a haber banalización sobre o narcotráfico. Que tería pasado noutro país coas fotos de Feijóo con Marcial Dorado?

Se ti lle contas a alguén o da foto de Feijóo ou que había alcaldes de localidades galegas que tamén eran contrabandistas e narcos ou que o presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía tamén estaba metido no narcotráfico, pois pensará que é algo gravísimo. E claro que o é, pero por que se tolerou? A historia do narcotráfico vén de toda unha tradición contrabandista que nace da necesidade. Galicia fai fronteira con Portugal e había unha serie de contrabando porque a zona era subdesenvolvida. A partir de aí chega o contrabando de tabaco e estes contrabandistas estiveron ben vistos porque xeraban riqueza e postos de traballo. Cando dan o salto ao narcotráfico hai certo desinterese porque seguen dando traballo e a tolerancia social de tratar co ilegal non cambia da noite á mañá. Arrástrase esa inercia, de aí que haxa unha tolerancia que viviu moitos anos e que aínda pervive, quizais non tanto cara ao narcotráfico, pero si cara ao diñeiro que o narcotráfico deixa. Hai hoteis, restaurantes e cafeterías que a xente segue utilizando sen que lle importe de onde xorden. E certa narcocultura aínda persiste en Galicia. Como galegos pode doernos dicilo, pero hai que asumilo e ser autocríticos. 

"Hai unha certa 'narcocultura' que aínda persiste en Galicia; pode doernos dicilo, pero hai que asumilo e ser autocríticos"

A conivencia das forzas de seguridade co narcotráfico tamén foi importante.

Eles mesmos o din. A Garda Civil dos anos 90 ten un expediente cheo de casos de corrupción, colaboración ou infiltracións. Non creo que sexa un fenómeno propio de Galicia porque calquera crime organizado ten que contar coa conivencia política e das forzas de seguridade. Por sorte agora os casos son contados e a loita policial, da Garda Civil e dos Servizos de Vixilancia Aduaneira é moi importante hoxe en día, tanto a nivel de medios como de efectividade. Isto explica que o narcotráfico estea agora moito máis vixiado e combatido. 

A relación do narcotráfico coa política e o financiamento de partidos en Galicia tamén parece evidente...

Non o digo eu porque eu non teño probas. Eu recollo o que se publicou e dixo en moitas ocasións. No libro hai un xuíz que me di esta frase textual: "En Galicia non hai un só partido político que non recibise financiamento do narcotráfico". Refírese, quero pensar, a nivel local. Houbo decenas de casos e casos de apoio e financiamento a partidos. E non só iso porque contrabandistas históricos como Terito tiñan a insignia de Alianza Popular. Era amigo de Fraga e era o xefe de todos os xefes do contrabando. Nené Barral foi alcalde tamén por AP e o PP e houbo moitos máis. Non estou acusando, senón que son realidades indiscutibles. Houbo unha conivencia co contrabando e co narcotráfico. Desde logo, as fotos de Feijóo non axudan a pensar que os altos cargos non estaban ao tanto do que pasaba. 

"No libro hai un xuíz que me dixo: 'En Galicia non hai un só partido político que non recibise financiamento do narcotráfico"

Cando viches as fotos de Feijóo con Marcial Dorado na portada de El País, que pensaches?

Eu pensei que tería que dimitir fulminantemente pero estaba seguro de que non ía pasar nada. Unha das xustificacións de Feijóo é que Marcial Dorado era contrabandista de tabaco e que cortara relacións con el, pero logo sóubose que non, que a relación seguiu anos, co que asumía que sabía que era contrabandista. En Galicia serve esa xustificación argumentando que se só andaban ao tabaco pois non pasaba nada. Iso mostra ata que punto se xustificaba e había permisividade. 

"Cando vin as fotos de Feijóo pensei que tiña que dimitir pero que non pasaría nada; non axudaron a pensar que os altos cargos non estaban ao tanto do que pasaba"

Sempre se di que Galicia estivo a un paso de ser outra Sicilia. Canto de preto estivo?

Esa é unha frase feita que se refire a que o narcotráfico estivo a piques de ter tanto poder e de meterse nas institucións e crear un contra-Estado que podía ter desafiado as autoridades oficiais en Galicia. Estivo moi preto. Soa a slogan, pero Pablo Vioque foi presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía e era o líder do lobby empresarial de Arousa, había narcotraficantes en varias localidades galegas, estaban moi dentro da Garda Civil e de Aduanas... Estableceron unha rede de control moi ampla. Foron torpes e unha parte da sociedade galega tiña unhas leis do silencio moi estritas, pero se a cidadanía de Galicia, encabezada polas nais de Érguete ou a Fundación Galega contra o Narcotráfico, non empeza a facer ese ruído, o Estado tería tardado moitos máis anos en reaccionar e é probable que eses anos nos tivesen saído carísimos. O narcotráfico tería penetrado moito máis do que o fixo. 

"Se as nais de Érguete non comezan a facer ruído, o Estado tería tardado moito máis anos en reaccionar e eses anos puidéronnos saír carísimos"

Foi máis importante a operación Nécora ou a reacción da cidadanía?

Non é que fora máis importante unha coussa cá outra, senón que unha cousa levou á outra. O narcotráfico fixo moito dano e creou unha xeración perdida en Galicia, xente moza que deixou a vida. Ademais, hai uns estigmas; a droga en Galicia é moi habitual e estamos moi afeitos a unha convivencia coa droga á que noutras zonas de España non están afeitos. Houbo efectos directos e indirectos no sentido da aceptación dun narcotráfico que traía cartos. Eses movementos cidadáns saltan aos medios e o Estado reaccionou. Foi fundamental o que fixeron aquelas nais e aqueles veciños de Vilagarcía e Cambados que reaccionaron e puxeron en risco as súas vidas. Foron fundamentais para rematar coa impunidade. 

"Claro que se banalizou a droga, pero non foi porque si, senón consecuencia do que ocorreu en Galicia"

Non segue a haber tamén unha banalización da droga, da farlopa, en moitos ámbitos da sociedade?

Cando cheguei a Madrid con 23 anos pasoume un par de veces: estar tomando algo, que alguén escoitase o meu acento e que me pedise directamente cocaína. Isto é algo que lle pasou a moita xente nova e é un exemplo moi gráfico do estigma e do prexuízo que isto creou en Galicia. Houbo banalización? Claro que si, pero non é porque si, é consecuencia. Nunha terra pequena con 2 millóns e pico de persoas onde están asentadas as redes do narcotráfico máis importantes e por onde chegou a entrar o 80% da cocaína que chegaba a Europa... Como non vai afectar? Aquilo era un tornado. Levou por diante tecido industrial, económico e social. 

"Xa non é o que era, pero o narcotráfico segue a existir en Galicia; hai clans potentes con capacidade para grandes descargas"

No libro insiste en que o narcotráfico segue vivo en Galicia.

Non é o que un día foi pero o que intento deixar claro é que o narcotráfico segue a existir en Galicia. Xa non é a época da ostentación, das grandes organizacións mafiosas pero si que hai unha narcocultura herdada. Hai moita xente aínda nas Rías Baixas disposta a participar nunha descarga, hai pilotos de planeadoras e pequenos clans que se asocian para introducir cocaína en Galicia. Hai máis dunha ducia de clans activos e algúns deles, como os Pasteleros, os Lulús ou os Burros, son clans potentes que teñen capacidade para facer grandes descargas. O que pasa é que o narcotráfico, como calquera outro negocio, está globalizado e Galicia xa non é ese monopolio de entrada porque hai moitas máis en Europa.

"Galicia segue sendo unha opción de entrada da droga e ten unha peculiaridade: os narcos galegos son moi bos no seu traballo"

Pero Galicia segue a ser unha desas portas de entrada...

Galicia é unha máis, pero se nun momento dado é fácil meter a droga por aquí, vaise meter por aquí. Se non é fácil, irán a outro lado, pero Galicia segue sendo unha opción e unha opción cunha peculiaridade: os narcos galegos son moi bos para desgraza das consecuencias. E moi efectivos. Os narcos latinoamericanos prefírenos a eles e o negocio non é o menudeo, como no Estreito, senón que se introducen grandes cantidades, 3.000, 4.000 ou 5.000 quilos, que non adoitan entrar noutras zonas de Europa. Elisa Lois, tal vez a maior coñecedora do narcotráfico en Galicia, di unha frase coa que estou de acordo: "En Galicia houbo narcotráfico, hai narcotráfico e seguirá habendo narcotráfico". E mentres o narcotráfico a nivel global non se solucione, Galicia seguirá sendo unha parte dunha cadea moito máis ampla. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.