A construción de vivenda nova medra un 39% concentrada nunha decena de concellos

Número de novas vivendas visadas en cada comarca sobre a imaxe dun edificio de vivendas de nova construción en Santiago de Compostela © Montaxe: Praza.gal Imaxe: ammapromocion.com

En 2025 visáronse 4.839 vivendas de nova planta en Galicia, un 39% máis que o ano anterior. Con todo, a cifra está moi lonxe dos niveis previos á crise da Gran Recesión, cando chegou a superar as 40.000 vivendas novas en 2006 e 2007

No marco da actual crise de acceso á vivenda, cos inmobles convertidos nun obxecto de especulación e de investimento, son numerosas as voces que reclaman un aumento na construción de vivendas de nova planta. Falta, sobre todo, vivenda para alugar a un prezo accesible para a maioría, pero tamén son escasas (e cada vez máis caras) as opcións de compra, cunha oferta aínda máis reducida de pisos protexidos, despois de quince anos de parálise na súa construción.

Despois do estoupido da burbulla inmobiliaria hai 18 anos, o número de inmobles construídos en Galicia reduciuse ao mínimo. Porén, este indicador está a repuntar dende hai un tempo. No ano 2025, de feito, foi o maior dende o 2009. O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou o pasado xoves un informe sobre a evolución do visados dos últimos seis anos que amosa este crecemento, pero que reflite que tres de cada catro inmobles de nova construción se concentran nunha decena de concellos.

Por segundo ano consecutivo, foron máis as vivendas en edificios colectivos (pisos) que as vivendas unifamiliares (casas), unha situación que xa se dera en 2024, pero que mudou a anterior correlación, na que eran maioritarias as casas

En concreto, en 2025 visáronse 4.839 vivendas de nova planta en Galicia, un 39% máis que o ano anterior, que xa supuxera un importante aumento en relación ao 2023. Con todo, as cifras actuais están moi lonxe dos niveis previos á crise da Gran Recesión, cando o número de novas vivendas visadas nun ano chegou a superar as 40.000 en 2006 e 2007.

“Volver a tales números é impensable. Despois do crecemento depredador de territorio pasouse a un modelo de resiliencia no que se prima a rehabilitación e a reintensificación. Dada a importancia que está a adquirir a rehabilitación e reintensificación, o Colexio está a traballar nun modelo estatístico que permita extraer datos máis aló da vivenda nova”, apuntou na presentación do informe o decano do COAG, Luciano Alfaya,

Por primeira vez neste século, a provincia de Pontevedra superou en número de vivendas novas visadas á provincia da Coruña en 2025

Por segundo ano consecutivo, ademais, foron máis as vivendas en edificios colectivos (pisos) que as vivendas unifamiliares (casas), unha situación que xa se dera en 2024, pero que mudou a correlación dos anos inmediatamente anteriores, nos que eran maioritarias as casas.

Segundo o informe, o “efecto pandemia” provocou un pulo importante na construción de vivenda unifamiliar na poboación entre os anos 2020 e 2023, aínda que actualmente a situación xa se estabilizou. Totalmente contraria foi a situación da vivenda colectiva. O decano explicou que “nos anos pandémicos as promocións de vivenda colectiva sufriron unha caída drástica, ao igual que no 2023 coa inestabilidade provocada polos conflitos internacionais coa correspondente carestía e subida dos prezos dos materiais”. 

Eduardo Alonso, Luciano Alfaya e Maria Pierres, na presentación do informe © COAG

A provincia de Ourense non visou ningunha vivenda colectiva en 2025, probablemente vencellado á ausencia de planeamento na cidade das Burgas

Engadiu, ademais, que xa desde 2024, e especialmente en 2025, “a vivenda colectiva aumentou pola confianza investidora no sector, a pesar da falta de materiais e a escaseza de man de obra cualificada”, pero engadiu este repunte é moi sensible á dispoñibilidade de solo conforme ao desenvolvemento do planeamento, como aconteceu na cidade de Vigo e prevese que suceda na Coruña.

Os datos presentados no informe atinxen a vivendas de nova planta que requiren o visado colexial preceptivo, quedando fóra as promocións públicas de vivenda protexida. Entre 2020 e 2024, iniciáronse unicamente pouco máis de mil vivendas protexidas, o que supón un 6 % do total de vivendas iniciadas neste mesmo período en Galicia.

O 73% das novas vivendas construídas en Galicia concéntranse en dez concellos: A Coruña, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo, Oleiros, Lugo, Vilagarcía, Ames, Ferrol e Carballo

Por primeira vez neste século, a provincia de Pontevedra superou en número de vivendas novas visadas á provincia da Coruña en 2025 (Pontevedra 2.296 e A Coruña 2.017), pola conxunción do crecemento de vivendas en Sanxenxo e na capital da provincia. Destaca ademais repunte de Lugo, mentres que a provincia de Ourense non visou ningunha vivenda colectiva en 2025, probablemente vencellado á ausencia de planeamento na cidade das Burgas, sinala o COAG.

Na presentación do informe, o decano do COAG, Luciano Alfaya, amosou súa “preocupación polos indicios de desequilibrio territorial que amosan estes datos”. Así, o 73% das novas vivendas construídas en Galicia concéntranse en dez concellos: A Coruña, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo, Oleiros, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Ames, Ferrol e Carballo. Se lle sumamos os datos de Santiago, Arteixo ou Culleredo, a porcentaxe é aínda maior.

O mapa comarcal amosa o pulo da construción nas comarcas da Coruña, Pontevedra, O Salnés e Vigo, en contraste con outras zonas nas que practicamente non houbo novas vivendas

O mapa comarcal amosa o pulo da construción nas comarcas da Coruña, Pontevedra, O Salnés e Vigo, en contraste, a súa case total ausencia na provincia de Ourense, a maior parte da provincia lucense, agás a capital provincial, e as comarcas interiores da Coruña e Pontevedra. 

Nunha trintena de comarcas o número de novas vivendas non chegou a vinte. Na Baixa Limia ou Quiroga directamente non houbo visados e en Terra de Soneira, Xallas, Meira, A Fonsagrada, Os Ancares, A Ulloa, A Limia, Terra de Trives, Terra de Caldelas, Viana, O Ribeiro ou A Paradanta a cifra non pasou de cinco novas vivendas nun ano.

Nunha trintena de comarcas o número de novas vivendas non chegou a vinte. Na Baixa Limia ou Quiroga directamente non houbo visados

Por concellos, A Coruña foi a cidade na que máis vivendas novas se visaron (716), por riba de Pontevedra (641). Sanxenxo (606) é a que rexistrou máis visados por habitante, superando na súa cifra xeral o resto das cidades. Vigo (484) foi o cuarto concello con máis visados, nunha listaxe na que mesmo por riba de moitas cidades aparecen localidades das áreas metropolitanas urbanas como Oleiros (390) ou Ames (117).

En relación ao ano anterior destaca o crecemento na Coruña, pero tamén en Lugo (228) e Ferrol (106) e as caídas en Vigo, Santiago (73) ou Ourense (16)

Por concellos, A Coruña foi a cidade na que máis vivendas novas se visaron (716), por riba de Pontevedra (641) e Sanxenxo (606)

Tamén se analizan no informe os prazos da terminación das obras. Establécese un promedio de 43 meses entre os visados dos proxectos de 2005 a 2020 de vivenda unifamiliar e colectiva e os seus certificados finais de obra, o que, segundo Alfaya “debe preverse para dar unha resposta áxil á demanda de vivendas, en especial na urxencia na que nos atopamos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.