Mobilizar vivenda para alugueiro público, resposta á crise que elevou o prezo un 30% en tres anos en Galicia

Edificios de vivendas na Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Consello de Ministros aprobou o traspaso de 40.000 vivendas e 2.400 predios con capacidade para construír neles outras 55.000 dende a Sareb ata Sepes, a nova empresa estatal de vivenda para incrementar o parque público e as opcións de alugueiro social

A dificultade para acceder a unha vivenda converteuse nos últimos anos no principal problema do país, especialmente para as persoas de menos de 40 anos e para a poboación con menos recursos, que ven como os alugueiros, poucos e caros, continúan a súa escalada, cun 3,8% de aumento en Galicia entre xaneiro e maio e un 4,5% nas sete cidades, cunha suba acumulada do 28% e do 29% dende finais de 2021. E que, por suposto, tampouco son quen de acceder a un inmoble en propiedade.

O pasado mes de maio o Banco de España alertou de que tres cuartas partes dos fogares que viven en alugueiro non teñen aforros suficientes para cubrir os gastos iniciais dunha vivenda media. 

Neste senso, o Instituto Galego de Estatística publicou esta semana a primeira entrega deste ano 2025 dos seus Indicadores de accesibilidade á vivenda, que amosan que no primeiro trimestre aumentou lixeiramente o "esforzo financeiro" que unha persoa debe facer en Galicia para adquirir un inmoble, que segue a roldar o 30% do salario medio, o máximo que se recomenda dedicar a pagar as cotas dunha hipoteca. A situación, en todo caso, é un pouco mellor situación algo mellor que a de 2023 grazas ao descenso dos tipos de xuro das hipotecas.

A ministra Isabel Rodríguez destacou que con este acordo "reparamos as secuelas derivadas da anterior crise financeira, que foi o uso destas vivendas procedentes dos desafiuzamentos das familias para pagar o rescate financeiro"

Neste contexto, este martes o Consello de Ministros aprobou o traspaso de 40.000 vivendas e 2.400 predios con capacidade para construír neles outras 55.000 dende a Sareb ata Sepes, a nova empresa estatal de vivenda, que será a encargada de xestionar estes activos en colaboración con outras entidades públicas municipais e autonómicas. O obxectivo do Ministerio de Vivenda é poñer estes inmobles "a disposición da cidadanía a medida que estean dispoñibles para ser habitadas" e que unha parte desta bolsa de vivendas se destine a alugueiro social, con prezos reducidos.

A ministra Isabel Rodríguez destacou que con este acordo "reparamos as secuelas derivadas da anterior crise financeira, que foi o uso destas vivendas procedentes dos desafiuzamentos das familias para pagar o rescate financeiro". "Trátase de enviar a rescatar ás familias aquilo que un día serviu para rescatar os bancos", engadiu Rodríguez, que fixo fincapé nas "distintas formas de actuar ante una crise". "O noso modelo é o público: salvar as familias”, completou.

Non se detalla cantas desas vivendas e predios corresponden a Galicia. Hai dous anos o Goberno central comunicou que en Galicia a Sareb tiña 1.800 inmobles rematados, outros 1.200 con obras en curso e 1.200 predios dispoñibles

Non se detalla cantas desas vivendas e predios corresponden a Galicia, aínda que o Ministerio adianta que se seguirán algúns criterios xeográficos (priorizando concellos de máis de cinco mil habitantes) e económicos (optando en primeiro lugar por vivendas de menos de 85 metros cadrados e por aquelas que non presenten "patoloxías estruturais", estean acordes coa lexislación urbanística e con condicións de habitabilidade "adecuadas").

Hai dous anos, cando se apuntou por primeira vez a posibilidade de que as vivendas da Sareb puidesen ser destinadas a alugueiro social, o Goberno central comunicou que en Galicia se situaban 1.800 inmobles rematados, outros 1.200 con obras en curso e 1.200 predios dispoñibles. Tratábase dun volume significativo das 46.542 vivendas totais, 14.202 obras en curso e 24.619 predios totais, que en todo caso eran máis numerosos en territorios do litoral mediterráneo (Comunidade Valenciana, Catalunya, Murcia e Andalucía).

Os concellos con máis vivendas rematadas eran Narón (208), Cee (143), Mugardos (125), Negreira (95) e A Coruña (86), nunha lista na que tamén ocupan os primeiros lugares Ribeira, Cedeira, Ares e Salvaterra.

Alugueiros disparados en Galicia e falta de vivendas dispoñibles para arrendar

Na actualidade tan só hai 1.635 vivendas dispoñibles para o seu alugueiro nas sete cidades galegas, algo máis que o ano pasado, pero moi lonxe das existentes en 2021 (2.910)

As medidas do Goberno do Estado para mobilizar inmobles que poidan conformar un parque público de vivenda para alugueiro social e con prezos reducidos chega nun contexto de enormes dificultades no acceso a un fogar para moitas persoas. A pesar da gran cantidade de vivendas baleiras en Galicia, o número de inmobles dispoñibles para alugar é moi pequeno, con moitas persoas que deciden non poñelos no mercado ou que optan por convertelos en pisos turísticos.

Periodicamente a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) ofrece un cálculo do número de vivendas dispoñibles para o seu alugueiro nas sete cidades do país (onde hai máis demanda) e no resto de Galicia. Na actualidade a cifra nas sete urbes sitúase nas 1.635, cunha pequena recuperación dende os valores do pasado ano (1.480) pero moi lonxe dos que se rexistraban en 2021 (2.910). O parque de alugueiro na Coruña limítase segundo a FEGEIN a 426 vivendas e en Vigo a 440.

Entre xaneiro e maio os contratos de alugueiro asinados en Galicia situáronse nos 574 euros mensuais, un 3,8% por riba do valor medio do pasado ano 2024 e un 11,9% por riba dos datos acumulados de 2023. Dende finais de 2021 a suba total ascende ao 28%

A falta de vivenda dispoñible é uns factores que explican a escalada de prezos. Segundo o Observatorio de Vivenda da Xunta, entre xaneiro e maio os contratos de alugueiro asinados en Galicia situáronse nos 574 euros mensuais, un 3,8% por riba do valor medio do pasado ano 2024 e un 11,9% por riba dos datos acumulados de 2023. Dende finais de 2021 a suba acumulada ascende ao 28%.

Aínda que os prezos nas grandes cidades soben máis (un 4,5% entre xaneiro e maio e un 29% dende finais de 2021), o encarecemento non é exclusivo da Galicia urbana. Tamén os concellos de menos de cinco mil habitantes experimentaron un aumento do prezo dos alugueiros do 23,5% dende finais de 2021 que, iso si, foi máis moderado no inicio deste ano 2025.

Nas grandes vilas (entre 20.000 e 50.000 habitantes) o encarecemento dos alugueiros é mesmo superior ao das sete cidades, un 33,8% dende o dato final de 2021 e un 5,8% nos cinco primeiros meses deste ano.

Os contratos asinados neste 2025 que xa sobrepasan os 700 euros na Coruña (716 euros) e achéganse a ese nivel en Vigo (676)

Porén, é nas cidades onde os prezos están a acadar valores superiores, con prezos medios para os contratos asinados neste 2025 que xa sobrepasan os 700 euros na Coruña (716 euros) e se achegan a ese nivel en Vigo (676). En varios barrios do centro da Coruña os prezos medios xa superan os 900 euros (distrito 15004) ou roldan os 800 euros (15001, 15003 e 15005). Sucede o mesmo no 36201 de Vigo, na zona do Areal.

No que levamos de 2025 os prezos continuaron a subir en todas as cidades, agás en Santiago, que nos últimos anos iniciou políticas para conter a expansión dos pisos turísticos e para poñer no mercado as moitas vivendas baleiras existentes na capital de Galicia. Nos cinco primeiros meses deste ano os contratos de alugueiro asinados en Compostela mantiveron o mesmo prezo (624 euros) que os asinados no conxunto do ano 2024 (623 euros).

No que levamos de 2025 os prezos continuaron a subir en todas as cidades, agás en Santiago, que iniciou xunto con A Coruña medidas para limitar o encarecemento dos alugueiros, como a solicitude da declaración de zona residencial tensionada

Santiago é a excepción nun contexto marcado pola suba de prezos, con aumentos especialmente importantes en Lugo, que supera a Ourense como a quinta cidade con valores máis elevados, e Ferrol, que se achega ás cifras da cidade das Burgas.

O concello capitalino solicitou a declaración de zona residencial tensionada, o mesmo que A Coruña, unha medida que na cidade herculina pode permitir aforros de 400 euros ao ano no alugueiro. No estudo que avalou a solicitude da Coruña para ser declarado zona residencial tensionada constatouse que unha parte moi importante da poboación da cidade destina máis dun 30% dos ingresos familiares á vivenda, "unha porcentaxe que supón un auténtico problema para moitas persoas", destaca o Goberno municipal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.