De símbolo do desastre inmobiliario a posible solución para a falta de vivenda accesible no país. No ano 2012 o Goberno central creou a Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb), o chamado banco malo, que absorbeu os milleiros de inmobles baleiros, predios e obras en curso, procedentes das entidades financeiras nacionalizadas, que ficaran nun limbo tras o estoupido da burbulla inmobiliaria. Casas sen xente e xente sen casas, pois mentres a Sareb buscaba un destino para estes inmobles, o Estado español seguía a sufrir un grave problema de falta de vivenda dispoñible a prezos accesibles para o seu alugueiro.
A bolsa de vivendas baleiras propiedade da Sareb pode servir para paliar en parte a falta de alugueiro social e vivenda pública en España e Galicia, unha medida que se completaría coa construción e rehabilitación a cargo do Executivo central de 43.000 vivendas máis destinadas a alugueiro social
O problema, unha década despois, mesmo se acrecentou e recentemente a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) alertou de que o número de vivendas no mercado de alugueiro en Galicia non pasa das tres mil, unha cifra que non chega nin á terceira parte do número de inscricións no Rexistro Único de demandantes de vivenda de Galicia, que superan as nove mil (9.409), ás que unen as persoas rexistradas na procura dunha vivenda de alugueiro con opción a compra (3.224). No medio dun incremento constante do prezo de compra e do custo do alugueiro en Galicia, Fegein reclamaba que Galicia "necesita con urxencia e sen máis dilación máis de 20.000 vivendas de protección oficial no mercado da vivenda como plan de choque", pensando especialmente nas familias con ingresos medios e baixos e na mocidade.
Agora, esa bolsa de vivendas baleiras propiedade da Sareb, que dende o pasado ano ten o Estado como accionista maioritario (50,14%), pode servir para paliar en parte a falta de alugueiro social e vivenda pública en España e Galicia, acrecentada durante os gobernos de Núñez Feijóo, despois de que nos últimos días o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciase "a mobilización de 50.000 vivendas da Sareb para alugueiro a prezo accesible para mocidade e familias", unha medida que se completaría coa construción e rehabilitación a cargo do Executivo central de 43.000 vivendas máis destinadas a alugueiro social.
Das 50.000 vivendas anunciadas, unhas 14.000 xa están xa habitadas e alugadas. Ademais, a sociedade conta cun stock potencial de vivenda rematada para uso social de 21.000 unidades, das que 1.285 están en Galicia. As outras 15.000 vivendas para alugueiro accesible sairán da cesión de solo urbanizable propiedade da Sareb
Das 50.000 vivendas anunciadas propiedade da Sareb, unhas 14.000 xa están habitadas e alugadas; nelas, o Goberno identificará as familias vulnerables para ofrecerlles "un programa de alugueiro social e acompañamento laboral". Ademais, a sociedade conta cun stock potencial de vivenda rematada para uso social de algo menos de 21.000 unidades (20.768), "que porá a disposición das comunidades autónomas e concellos para a súa venda", sinala o Executivo. Delas, 1.285 corresponden a Galicia.
Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a responsable de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, explicou ademais que das 20.768 vivendas rematadas e baleiras coas que conta a Sareb, ao redor de 9.000 están listas para ser entregadas, mentres que as 12.000 restantes necesitan pequenas actuacións previas, o que atrasaría a súa ocupación uns meses.
Os concellos con máis vivendas rematadas son Narón (208), Cee (143), Mugardos (125), Negreira (95) e A Coruña (86), nunha lista na que tamén ocupan os primeiros lugares Ribeira, Cedeira, Ares e Salvaterra
As outras 15.000 vivendas para alugueiro accesible sairán da cesión de solo urbanizable propiedade da Sareb para a construción de inmobles "a través da colaboración público-privada". O Goberno espera que poidan estar dispoñibles nun prazo de dous a tres anos. O obxectivo final é elevar o actual parque de vivenda pública no Estado español do 3% ao 20%, un obxectivo ambicioso que pode levar dúas décadas completar. Na actualidade, España é un dos países da UE cunha menor proporción de vivendas de propiedade pública.
A Sareb, segundo os datos que ofrece na súa web, é propietaria de case 50.000 vivendas (46.542), ás que se poderán sumar en breve outras 14.202 procedentes de obras en curso. Ademais, posúe 24.619 predios nos que construír novos inmobles. A maior parte destes activos concéntranse no litoral mediterráneo (Comunidade Valenciana, Catalunya, Murcia e Andalucía), pero en Galicia hai tamén un número considerable de vivendas rematadas (1.830), obras en curso (1.241) e predios (1.251).
Hai tamén un gran número de obras en curso, especialmente na Coruña (235), Burela (230), Carballo (153) e Poio (106)
No mapa anterior pódese observar a distribución en Galicia das vivendas propiedade da sociedade pública e das súas obras en curso. Os concellos cun maior número de vivendas rematadas son Narón (208), Cee (143), Mugardos (125) e Negreira (95), nunha lista na que tamén ocupan os primeiros lugares Ribeira, Cedeira, Ares e Salvaterra do Miño. A cidade con máis vivendas completadas é A Coruña (86), seguida de Ferrol e Vigo, mentres que o resto da urbes presentan datos moito máis cativos. A Sareb conta con algunha vivenda en 98 dos concellos galegos.
Hai tamén un gran número de obras en curso, especialmente na Coruña (235), Burela (230), Carballo (153) e Poio (106), con datos significativos tamén en Fisterra, Vigo, Narón, Mugardos, Lalín, Barreiros e O Rosal.
A Sareb conta con 475 predios na cidade de Ourense listos para a construción de inmobles
A web da Sareb tamén informa dos concellos galegos nos que a sociedade pública de xestión de activos conta con soares listos para a construción de vivenda. Destaca o caso da cidade de Ourense, con 475 predios, máis dun terzo do total dos existentes en Galicia. Vigo (82), A Coruña (46), Cabanas (44), Ames (39), Culleredo (36), Barro (35) e Lugo (34) contan tamén cun importante cifra de solos en poder do banco malo.