O número de demandantes de vivendas de alugueiro no rexistro da Xunta triplica os inmobles ofertados en Galicia

O barrio de Navia, en Vigo © DT Ingenieria

O número de inmobles dispoñibles baixan dos tres mil en todo o país, moi por debaixo dos 3.500 que había en novembro ou dos 3.900 de setembro

Non é doado alugar unha vivenda en Galicia. O mercado de alugueiro é cativo e non consegue responder á elevada demanda existente, tanto nas zonas urbanas coma nas rurais, onde o número de inmobles en condicións de habitabilidade axeitadas é moi pequeno. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) presentou esta semana unha nova entrega do seu informe de análise da oferta e demanda de vivenda en alugueiro en Galicia, que alerta da diminución do número de inmobles dispoñibles, que "por primeira vez dende que hai rexistros" baixan dos tres mil en todo o país, moi por debaixo dos 3.500 que había en novembro ou dos 3.900 de setembro.

Estes datos contrastan coas cifras de inscricións no Rexistro Único de demandantes de vivenda de Galicia, xestionado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, dependente da Xunta. Neste momento o número total de inscricións que buscan unha vivenda en alugueiro superan as nove mil (9.409), ás que unen as persoas rexistradas na procura dunha vivenda de alugueiro con opción a compra (3.224) e as que buscan deste xeito unha vivenda para a súa adquisición (3.390).

Galicia "necesita con urxencia máis de 20.000 vivendas de protección oficial como plan de choque" para atender as necesidades de quen non pode ter unha vivenda en propiedade no mercado libre e ten dificultades para chegar a fin de mes polo custo do alugueiro, di Fegein

A Fegein alerta, ademais, de que a actual suba do Euribor e o endurecemento do financiamento hipotecario "deixa máis dun 56% das unidades familiares galegas fóra do segmento de poboación que pode ter unha vivenda en propiedade, co que o incremento da demanda de vivendas en arrendamento nos próximos meses está garantida".

A Federación sinala que Galicia "necesita con urxencia e sen máis dilación máis de 20.000 vivendas de protección oficial no mercado da vivenda como plan de choque" para atender as necesidades de quen non pode ter unha vivenda en propiedade no mercado libre e ten dificultades para chegar a fin de mes polo custo do alugueiro. Ademais, subliña as dificultades que atopan os mozos e mozas de menos de 29 anos para poder emanciparse.

Vigo é a cidade con máis vivendas en alugueiro dispoñibles, pero a cifra non pasa de 550, moi por debaixo das 750 de hai un ano. Na Coruña hai menos de 500 (490), fronte ás 700 de hai doce meses

A falta de vivendas dispoñibles para o seu alugueiro está a provocar, ademais, un importante aumento dos prezos dos arrendamentos. Segundo os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, dependente da Xunta, dende o 2015 o prezo dos alugueiros aumentou un 29,7%, superando o 35% no conxunto das sete cidades.

Segundo os datos de Fegein, Vigo é a cidade con máis vivendas en alugueiro dispoñibles, pero a cifra non pasa de 550, moi por debaixo das 750 de hai un ano. Na Coruña hai menos de 500 (490), fronte ás 700 de hai doce meses. Ourense e Santiago móvense sobre as 240 e Ferrol (120), Pontevedra (100) e Lugo (90) presentan números moito máis cativos e en regresión. O mercado de alugueiro en todas as urbes galegas está moi lonxe de dar resposta ao número de solicitudes inscritas no rexistro da Xunta. 

O informe de FEGEIN detalla a situación nas sete cidades galegas, que as que concentran a maior parte de oferta de vivendas en alugueiro pero tamén a maior demanda. De feito, aínda que só o 17% das familias galegas viven en pisos ou casas arrendadas, esta porcentaxe é moi superior nas urbes, chegando ao 30% na Coruña, ao 28% en Santiago, Vigo Ourense ou ao 20% en Lugo, Pontevedra e Ferrol. 

Un 28% das vivendas que actualmente están no circuíto de comercialización en alugueiro levan máis dun ano sen arrendar

A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias destaca, así mesmo, que un 28% das vivendas que actualmente están no circuíto de comercialización en alugueiro levan máis dun ano sen arrendar, "ben porque o seu estado de conservación interior ou mobiliario non é óptimo, ben porque supera o listón dos 1.000 euros mensuais, sendo dificilmente inasumibles para as rendas medias e medias-baixas".

Un 10% das vivendas que alugan na Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago e Ourense presentan un "estado non adecuado" ou "mobiliario deficiente"

Por exemplo, ao redor do 10% das vivendas que alugan na Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago e Ourense presentan un "estado non adecuado" ou "mobiliario deficiente". De igual xeito, máis do 20% do parque de vivenda dispoñible para o seu alugueiro en Ferrol, Pontevedra, Santiago e preto desa porcentaxe na Coruña e Vigo teñen "problemas de humidades ou de illamento térmico e acústico".

As cidades acumulan o maior número de demandantes de vivenda, encabezadas por Vigo, con máis de seis mil (3.523 só de alugueiro). Moi lonxe, A Coruña, Lugo e Pontevedra suman máis de mil

A propia Fegein destacou recentemente que a progresiva redución do mercado de alugueiro, unido ás malas condicións dalgunhas vivendas estaba recortando as cifras do rexistro de demandantes de vivenda en alugueiro, ante a imposibilidade de atopar un inmoble axeitado. Ainda así, este rexistro conta con máis de 16 mil inscricións, máis da metade na procura dunha vivenda para alugar.

As cidades acumulan o maior número de demandantes de vivenda, encabezadas por Vigo, con máis de seis mil (3.523 só de alugueiro). Moi lonxe, A Coruña, Lugo e Pontevedra suman máis de mil. Iso si, case un cento de concellos non presentan ningunha inscrición no Rexistro e outras cen localidades, entre 1 e 4.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.