É cousa sabida que unha parte importante das vivendas que todos os anos alugan os e as estudantes universitarias presentan unhas condicións de habitabilidade mellorables. A propia expresión piso de estudantes ficou instalada con toda xustificación no imaxinario popular como sinónimo de vivenda de mala calidade, mobiliario deficiente e outros defectos. Agora un informe do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (COAFGA) vén de denunciar publicamente as "malas condicións" destes inmobles.
COAFGA defende que os pisos que se alugan deben "estar aptos para o seu uso", ter "unhas condicións mínimas de habitabilidade" e dispor "de instalacións seguras e actualizadas de gas, electricidade e auga"
Este tipo de denuncias son cada vez máis habituais e enlazan coas realizadas, por exemplo, pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN), que denuncia que o mercado de pisos de alugueiro se foi reducindo, en parte pola irrupción do fenómeno dos pisos turísticos, e que dos que si están no circuíto de comercialización, unha parte importante presenta un "estado de conservación interior ou mobiliario" que non é "óptimo".
COAFGA defende que os pisos que se alugan deben "estar aptos para o seu uso", ter "unhas condicións mínimas de habitabilidade" e dispor "de instalacións seguras e actualizadas de gas, electricidade e auga". O Colexio explica que se poden considerar "non aptos para ser habitados" aqueles pisos que teñan "graves danos ou humidades insalubres", situación na que se atopan algúns inmobles que están no mercado de alugueiro, sinala.
O Colexio fai fincapé en que o colectivo de estudantes "goza dos mesmos dereitos que calquera arrendatario"
O Colexio fai fincapé en que o colectivo de estudantes "goza dos mesmos dereitos que calquera arrendatario e que os pisos que se poñan en alugueiro para eles han de ser adecuados, especialmente se o prezo é elevado, como ocorre con frecuencia".
A entidade lembra que "se pode negociar coa parte arrendataria a execución de obras, pois así o permite a actual lexislación". E, ademais, recomenda aos mozos que coa firma do contrato se esixa o Certificado Enerxético da Vivenda e, despois de asinado, o xustificante de depositar a fianza no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
O Colexio lembra que as fianzas que se esixen no momento de asinar un contrato teñen como obxectivo reparar os danos que se puidesen producir durante o tempo que o inmoble estea alugado
COAFGA apunta, por outra banda, que a posibilidade da realización de festas nocturnas nos pisos que molesten ao resto dos veciños do edificio é un dos principais inconvenientes que os propietarios atopan á hora de alugar un piso a estudantes. O outro, indican, é o posible "pouco coidado dos inmobles" por parte deste colectivo. Con todo, o Colexio lembra que as fianzas que se esixen no momento de asinar un contrato teñen como obxectivo reparar os danos que se puidesen producir durante o tempo que o inmoble estea alugado, unha garantía á que se poden sumar outras cada vez máis frecuentes (seguros de alugueiro, avais...) para asegurar o pagamento de reparacións ou o cobro de rendas.
Os administradores de fincas colexiados tamén lembran que ata o próximo 31 de outubro está aberto o prazo para solicitar subvencións do Programa Bono Alugueiro Mocidade da Xunta de Galicia orientadas a facilitar o goce dunha vivenda ou habitación en réxime de alugueiro ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos.
COAFGA engade finalmente unha serie de suxestión ou consellos para os e as estudantes que queiran alugar unha vivenda. Estas recomendacións van dende non aceptar pagar por ver unha vivenda, non alugar un inmoble se ten danos ou está en mal estado, comprobar o estado das instalacións, pedir sempre unha copia do contrato ou incluír nel a todas as persoas que van habitar no piso.