O circuíto de comercialización de vivendas para o seu alugueiro limítase a 3.900 inmobles, máis da metade concentrados nas sete cidades e tres de cada catro nas provincias da Coruña e Pontevedra
As persoas que nos últimos meses buscaran vivendas para alugar en Galicia sábeno. O mercado é limitado, con poucas vivendas cun estado adecuado e con prezos cada vez máis elevados, unhas dificultades ás que nos últimos tempos se engaden esixencias cada vez maiores por parte dos propietarios, dende o pagamento de fianzas de varios meses ou a sinatura de seguros de impagamento.
Segundo os datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) o circuíto de comercialización de vivendas para o seu alugueiro limítase a 3.900 inmobles, máis da metade concentrados nas sete cidades e tres de cada catro nas provincias da Coruña e Pontevedra. Vigo (580), A Coruña (550) e Ourense (375) son as tres cidades con máis vivendas dispoñibles para o seu alugueiro, seguidas de Compostela (220), con Ferrol, Lugo e Pontevedra por debaixo das 200. O mercado foi reducíndose nos últimos anos debido a varios motivos, entre eles o incremento dos pisos turísticos.
Fóra das sete cidades hai só 1.745 vivendas susceptibles de ser arrendadas. E, por exemplo, na provincia ourensá hai tan só 125 inmobles dispoñibles fóra da cidade das Burgas
Fóra das sete cidades hai só 1.745 vivendas susceptibles de ser arrendadas, unha falta de oferta fóra das zonas urbanas que é máis grave nas provincias de Lugo e Ourense. Por exemplo, na provincia ourensá hai tan só 125 inmobles dispoñibles fóra da cidade das Burgas.
FEGEIN advirte, ademais, de que entre un 25% e un 30% destas 3.900 vivendas que se ofrecen para o seu arrendamento levan máis dun ano sen ser alugadas, "ben porque o seu estado de conservación interior ou mobiliario non é óptimo, ben porque supera o nivel dos mil euros mensuais, a partir do cal o segmento de demandantes de vivendas en alugueiro é moito máis reducido". Un informe anterior de FEGEIN, de feito facía fincapé na falta de vivenda en alugueiro nos concellos rurais, con moitos inmobles baleiros, pero poucos en boas condicións ou no circuíto de comercialización.
Entre un 25% e un 30% destas 3.900 vivendas que se ofrecen para o seu arrendamento levan máis dun ano sen ser alugadas, "ben porque o seu estado de conservación interior ou mobiliario non é óptimo, ben porque superan o nivel dos mil euros mensuais"
O informe de FEGEIN detalla a situación nas sete cidades galegas, que as que concentran a maior parte de oferta de vivendas en alugueiro pero tamén a maior demanda. De feito, aínda que só o 15% das familias galegas viven en pisos ou casas arrendadas, esta porcentaxe é moi superior nas urbes, chegando ao 28% na Coruña e Vigo, ao 24% en Santiago e Ourense ou ao 21% en Lugo e ao 20% en Ferrol.
Aínda que nas cidades hai máis vivendas para alugar, moitas delas pasan moito tempo sen facelo, debido ao seu prezo elevado ou ao seu estado, con eivas que van dende un mobiliario deficiente, antigo ou en mal estado a problemas de humidade, illamento térmico ou acústico, entre outros factores que fan pouco recomendable habitar nestes inmobles.
En Vigo, A Coruña e Santiago máis do 20% das vivendas que se ofrecen para o seu alugueiro teñen un prezo mensual superior aos mil euros
Por exemplo, ao redor do 10% das vivendas que alugan na Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago e Ourense presentan un "estado non adecuado" ou "mobiliario deficiente". De igual xeito, máis do 20% do parque de vivenda dispoñible para o seu alugueiro en Ferrol, Pontevedra, Santiago e preto desa porcentaxe na Coruña e Vigo teñen "problemas de humidades ou de illamento térmico e acústico".
Dende o 2016 o prezo medio dos alugueiros subiu entre un 20% e un 45%, segundo as fontes
FEGEIN destaca que nas urbes galegas os prezos medios das vivendas no mercado de alugueiro se moven entre os 500 euros de Ferrol, os 580 de Ourense e os 590 de Lugo, ata os 750 euros de Vigo e A Coruña, pasando polos 680 euros de Pontevedra e os 675 de Compostela. Son valores superiores aos calculados polo Observatorio Galego da Vivenda, dependente da Xunta, pero que se refiren aos inmobles que se poñen no mercado, non aos finalmente alugados.
En Vigo, A Coruña e Santiago, segundo a Federación de Inmobiliarias, máis do 20% das vivendas que se ofrecen para o seu alugueiro teñen un prezo mensual superior aos mil euros, unha porcentaxe que en Pontevedra chega ao 18%. En Ferrol, Lugo e Ourense, en cambio, estes prezos tan elevado son menos habituais.
O Observatorio do Goberno galego ofrece a información máis detallada e confiable sobre o mercado de alugueiro e amosa un encarecemento do 25%, que superior nas zonas urbanas, especialmente nos centros das cidades
O prezo medio dos alugueiros en Galicia leva en claro ascenso dende o ano 2016. Nos últimos cinco anos e medio, segundo o Observatorio da Vivenda de Xunta, custo dun alugueiro aumentou máis dun 25%, dende os 372 euros ata os 466. Este incremento foi aínda maior nas grandes cidades, especialmente nos seus barrios máis céntricos, pero dende o 2020 o proceso de encarecemento é tamén claro nos concellos máis pequenos, cun incremento do 8% en dous anos.
Empresas de comercialización inmobiliaria como Fotocasa, Idealista ou Pisos.com realizan cada mes informes sobre a evolución dos prezos da vivenda en cada comunidade autónoma e tamén nas localidades máis poboadas. Dous destes indicadores -o de Fotocasa e o de Idealista- mesmo elevan o encarecemento da vivenda en Galicia ata o 40% ou o 45% nos últimos seis anos, mentres que o de Pisos.com limítao ao 20%. Mentres que o Observatorio recolle os datos a partir das fianzas depositadas na administración de vivenda, estes outros barómetros miden a evolución do mercado a partir dos anuncios públicos que se moven nestas plataformas.
Tamén os prezos de venda de vivenda experiementaron unha importante suba nos últimos anos nas cidades e vias galegas
O Observatorio do Goberno galego segue a ser o que ofrece a información máis detallada e confiable sobre o mercado de alugueiro. Nos seus datos vemos como A Coruña e Vigo son as localidades con prezos medios máis elevados, aínda que Pontevedra e Santiago veñen experimentando unha alza semellante e mesmo superior. Ourense, Lugo e Ferrol presentan prezos máis reducidos, pero tamén nestas cidades os prezos dos alugueiros están a medrar máis do 20% nos últimos cinco anos.
Tamén os prezos de venda de vivenda (tanto usada coma nova) experiementaron unha importante suba nos últimos anos nas cidades e vias galegas, por riba do 20% dende o ano 2016.