No conxunto do país os prezos aumentaron un 5% no último ano e medio (entre finais do 2020 e o mes de xuño deste 2022), un incremento que é algo superior nas sete cidades (5,7%), como vén sendo habitual
Os alugueiros seguen a encarecerse en Galicia. No conxunto do país os prezos aumentaron un 5% no último ano e medio (entre finais do 2020 e o mes de xuño deste 2022), un incremento que é algo superior nas sete cidades (5,7%), como vén sendo habitual. Con todo, os últimos datos ofrecidos polo Observatorio da Vivenda, dependente da Xunta, amosan que dende o 2020 os prezos increméntanse en maior medida nos concellos de menos de 5.000 habitantes (+8,2%).
Este encarecemento pode ligarse á carencia de vivenda dispoñible para o alugueiro nos concellos rurais, que foi denunciada nos últimos meses dende distintos ámbitos. En xuño a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) publicou un informe que alertaba de que nestas localidades, a pesar de haber un gran número de inmobles baleiros, só unha pequena parte, están "no circuito de comercialización" e unha ampla porcentaxe (o 78%) "necesitan unha rehabilitación ou reforma".
Porén, dende o 2020 os prezos increméntanse en maior medida nos concellos de menos de 5.000 habitantes (+8,2%)
En calquera caso, os prezos máis elevados dos alugueiros seguen a corresponder ás sete cidades, cunha media de máis 500 euros (514 euros) e un incremento do 33% dende o 2015. No resto de Galicia, tanto nos concellos de menos de 5.000 habtiantes coma nos que se sitúan entre 5.000 e 50.000, o encarecemento nos últimos seis anos sitúase entre o 20% e o 23%.
A Coruña e Vigo seguen a ser as urbes máis caras para vivir, con alugueiros medios que superan os 560 euros no caso da cidade herculina e os 544 na olívica
A Coruña e Vigo seguen a ser as urbes máis caras para vivir, con alugueiros medios que superan os 560 euros no caso da cidade herculina e os 544 na olívica. En terceiro lugar aparece xa Pontevedra, que segundo os datos do Observatorio é a cidade que máis se encareceu nos últimos anos (un 6,86% dende o 2020 e un 43,55% dende 2015). Despois de Pontevedra (unha media de 518 euros), aparece Compostela (488 euros). Ourense (433 euros de media), Lugo (408) e Ferrol (387) son as tres cidades con alugueiros máis económicos.
Nas cidades, especialmente nos seus barrios céntricos, o acceso a unha vivenda está a ser interferido polo incremento do número dos pisos turísticos, que reducen a oferta de alugueiros estables e encarecen os seus prezos. Nos últimos catro anos triplicouse o número de pisos turísticos en Galicia, ata chegar aos 14.753 rexistrados a comezos deste mes de maio legalmente, aos que habería que sumar un número indeterminado de vivendas alugadas ilegalmente.
Nas cidades, especialmente nos seus barrios céntricos, o acceso a unha vivenda está a ser interferido polo incremento do número dos pisos turísticos, que reducen a oferta de alugueiros estables e encarecen os seus prezos
Catro das sete cidades galegas contan xa con máis pisos turísticos que vivendas de alugueiro dispoñibles, segundo os datos que manexa a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias. Destaca o caso de Santiago de Compostela, con ao redor de 700 vivendas de uso turístico rexistradas legalmente, fronte a unhas 160 vivendas de alugueiro tradicional. O mesmo sucede en Vigo (unhas 691 vivendas de uso turístico e 675 de alugueiro tradicional), en Pontevedra (290 e 110) e Lugo (152 e 120).
Na Coruña as dúas cifras están moi parellas (577 pisos turísticos e 600 vivendas de alugueiro). Pola contra, tanto en Ferrol coma en Ourense, de momento segue a haber un parque de alugueiro moi superior ao dos pisos turísticos: 150 e 104 na cidade naval e 350 e 203 na cidade das Burgas.
O distrito 15004 da Coruña (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia) continúa a ser o barrio galego máis caro para vivir, cun prezo medio que supera os 750 euros mensuais
O Observatorio da Vivenda ofrece a información por distritos das sete cidades galegas dende o ano 2017, polo que se pode analizar a evolución seguida nos últimos cinco anos. Determinados barrios da Coruña, sobre todo, e tamén de Vigo aparecen como os máis caros para alugar unha vivenda, aínda que tamén algunhas zonas de Santiago e Pontevedra figuran nos primeiros lugares da lista.
O distrito 15004 da Coruña (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia) continúa a ser o barrio galego máis caro para vivir, cun prezo medio que supera os 750 euros mensuais (759), cun aumento do 26% dende o 2017. Os tamén coruñeses 15005 (Ensanche e Falperra) e 15003 (A Pescadaría) superan tamén os 650 euros de media, cun incrementos dende o 2017 que roldan tamén o 32% e o 23%. Ademais, o 15006 (Catro Camiños, Gaiteira, Os Castros...), é un dos distritos da Galicia urbana que máis se encareceu nos últimos cinco anos, un 36%.
Pontevedra é a cidade galega na que máis se encareceu o alugueiro dende o 2017. O distrito máis caro é o 36001, que abrangue a maior parte do centro da cidade, cun alugueiro medio de 576 euros mensuais
Mentres, en Vigo os distritos 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón), o 36203 (O Castro e Gran Vía), 36211 (nas proximidades da Praza da Independencia e da Avenida das Camelias) e 36202 (que abrangue o Casco Vello) tamén roldan os 600 euros de media, con incrementos en cinco anos igualmente situados ao redor do 20% ou do 30%.
Pontevedra é a cidade galega na que máis se encareceu o alugueiro dende o 2017. O distrito máis caro é o 36001, que abrangue a maior parte do centro da cidade, cun alugueiro medio de 576 euros mensuais. Porén, tamén os céntricos 36003 e 36002 presentan prezos por riba dos 530 euros mensuais, este último cun incremento do 30% dende o 2017.
En Santiago, o Ensanche (15701) ten alugueiros cun importe medio de 553 euros e o 15706 (Conxo, Avenida Barcelona...) tamén se achega aos 550 euros. En Ourense o distrito 32003 (nas proximidades da Rúa do Paseo e o Parque de San Lázaro) sitúase nos 539 euros.
En Lugo o 27001 (no interior da muralla) chega aos 451 euros. Finalmente, en Ferrol os prezos están algo máis contidos e unicamente no 15401 (Canido, Porto...) e no 15402 (no barrio da Magdalena) os alugueiros medios superan claramente os 400 euros de media.