Aumentan os pisos turísticos, que xa igualan as prazas hoteleiras en Galicia e reducen as vivendas dispoñibles para alugar

Mapa de distribución das vivendas turísticas en Galicia sobre unha imaxe de arquivo de edificios no litoral de Sanxenxo, o concello con máis destes pisos rexistrados CC-BY-SA Foto: Turismo de Galicia | Mapa e montaxe: Praza.gal

No ano 2017 por primeira vez os denominados pisos turísticos irromperon no debate político e público en Galicia. O número deste tipo de vivendas, alugadas polos seus propietarios por períodos curtos, era xa importante en varios destinos vacacionais en Galicia e en moitos territorios do Estado, pero no verán dese ano o PSdeG-PSOE interesouse no Parlamento pola cantidade de vivendas de uso turístico rexistradas pola Xunta. O Goberno galego ocultou nun primeiro momento ese dato, pero a partir de febreiro de 2018 comezou a difundir puntualmente.

Nos últimos catro anos triplicouse o número de pisos turístico, ata chegar aos 14.753 rexistrados a comezos deste mes de maio legalmente, aos que habería que sumar un número indeterminado de vivendas alugadas ilegalmente

Nese momento había 4.630 establecementos contabilizados polo departamento de Turismo, concentrados principalmente nos concellos litorais e en cidades como Compostela. Dende entón, en apenas catro anos, esa cifra multiplicouse por tres, ata chegar aos 14.753 rexistrados a comezos deste mes de maio legalmente, aos que habería que sumar un número indeterminado de vivendas alugadas ilegalmente. Moitos? Poucos? Máis que atender á cifra global, cómpre poñer o foco na concentración destas vivendas, especialmente en certos concellos e en determinados barrios das cidades. E, sobre todo, atender aos efectos deste fenómeno.

O incremento destas vivendas ten efectos a nivel turístico, xerando en moitas ocasións unha competencia desleal aos establecementos hoteleiros, pensións e outros aloxamentos. Na actualidade o número de cuartos dispoñibles nas vivendas de uso turístico (78.213) é moi semellante ao que suman hoteis (56.549) e pensións (23.396).

O incremento destas vivendas ten efectos a nivel turístico, en ocasións con competencia desleal aos establecementos hoteleiros outros aloxamentos. Atinxe, ademais, á propia dispoñibilidade de vivenda habitable en moitos lugares

O segundo efecto é o que atinxe á propia dispoñibilidade de vivenda habitable en moitos lugares. O exceso de pisos turísticos en moitas cidades, especialmente nas súas zonas céntricas, limita moito o número de vivendas de alugueiro e encarece o prezo das que si se ofrecen para alugar, dificultando aínda máis o acceso a elas para moitas persoas. 

Mercar unha vivenda na Galicia urbana é hoxe un 20% máis caro que hai cinco anos e o custe do alugueiro aumentou un 25% dende o 2016, máis de 100 euros de media. A maior suba correspondeu á cidade de Pontevedra, cun encarecemento dos alugueiros do 27%, semellante ao rexistrado en Vigo (26%), na Coruña (25%) e Compostela (24%).

Dende o momento anterior ao comezo da pandemia de COVID-19 rexistráronse en Galicia case 5.000 novas vivendas de uso turístico

Como se pode observar no primeiro gráfico, o aumento do número de pisos turísticos en Galicia mantense a un ritmo estable dende o inicio de 2018. A pandemia non freou esta evolución e, de momento, agás excepcións, non se advirten sinais de freo ou saturación en case ningún lugar, agás a cidade de Santiago de Compostela, como veremos. Dende o momento anterior ao comezo da pandemia de COVID-19 rexistráronse en Galicia case 5.000 novas vivendas de uso turístico.

Mentres, como se pode ver no segundo gráfico, o número de cuartos e prazas ofrecidas por hoteis e pensións mantense estable, dando lugar a un inminente sorpasso por parte dos pisos turísticos, que probablemente continuarán incrementando o seu número.

Os pisos turísticos en Carnota, Cangas, Bueu, Foz ou Ribeira multiplican varias veces o número de cuartos dispoñibles en hoteis e pensións

As prazas nos pisos turísticos son superiores en Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Fisterra e Vilagarcía e en localidades como Carnota, Cangas, Bueu, Foz ou Ribeira multiplica varias veces o número de lugares dispoñibles en hoteis e pensións. En cambio, na maior parte das cidades, comezando por Compostela, A Coruña, Vigo e Ourense, o número de cuartos en establecementos tradicionais segue a ser maior.

Catro das sete cidades galegas contan xa con máis pisos turísticos que vivendas de alugueiro, especialmente en Compostela

Ao tempo, catro das sete cidades galegas contan xa con máis pisos turísticos que vivendas de alugueiro, segundo os datos que manexa a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias. Destaca o caso de Santiago de Compostela, con ao redor de 700 vivendas de uso turístico rexistradas legalmente, fronte a unhas 160 vivendas de alugueiro tradicional. O mesmo sucede en Vigo (unhas 691 vivendas de uso turístico e 675 de alugueiro tradicional), en Pontevedra (290 e 110) e Lugo (152 e 120). 

Na Coruña as dúas cifras están moi parellas (577 pisos turísticos e 600 vivendas de alugueiro). Pola contra, tanto en Ferrol coma en Ourense, de momento segue a haber un parque de alugueiro moi superior ao dos pisos turísticos: 150 e 104 na cidade naval e 350 e 203 na cidade das Burgas.

Sanxenxo (2.180 vivendas de uso turístico) é o concello cun maior número. Vigo (709) converteuse nos últimos meses no segundo concello con máis pisos turísticos, superando a Compostela (691)

As vivendas de uso turístico concéntranse maioritariamente nos concellos litorais, como se pode comprobar nos dous mapas seguintes, aínda que tamén as cidades do interior comezan a presentar cifras importantes destes establecementos. De igual xeito, rexístranse cifras importantes en moitas localidades do Camiño Francés e tamén na Ribeira Sacra.

Sanxenxo (2.180 vivendas de uso turístico) é o concello cun maior número. Vigo (709) converteuse nos últimos meses no segundo concello con máis pisos turísticos, superando a Compostela (691), que ata agora sempre fora a segunda localidade. Aparecen despois A Coruña (589) e posteriormente varios destinos turísticos de importancia, como O Grove, Cangas, Foz, Barreiros, Poio e Barreiros.

Santiago é a única cidade ou concello turístico no que non aumenta o número de pisos turístico nos dous últimos anos

Se observamos a evolución durante os dous últimos anos dos concellos cun maior número de vivendas de uso turístico, vemos como se segue a producir un incremento sostido, con aumentos do 26% en Sanxenxo, do 49% no Grove, do 55% en Cangas ou do 41% en Poio e Foz. As cidades rexistran subas aínda máis importantes: do 87% en Vigo, do 61% na Coruña ou do 100% en Pontevedra.

A excepción é Santiago de Compostela, que ante a saturación que se estaba a producir especialmente no seu casco histórico e tamén noutros barrios (con efectos moi negativos, por exemplo, para o acceso do estudantado á vivenda), aprobou dende o ano 2017 medidas para limitar a expansión destes establecementos. Nos últimos dous anos o número de pisos turísticos mantense estable, mesmo cun descenso no último ano e medio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.