Ao tratarse dunha actividade económica, este tipo de establecementos só se poden instalar seguindo as mesmas normas que outros negocios: nos baixos e primeiros andares dun edificio, en vivendas unifamiliares e tamén en edificios completos
Dende hai anos o Concello de Pontevera estableceu uns límites estritos para a apertura de vivendas de uso turístico. Ao tratarse dunha actividade económica, este tipo de establecementos só se poden instalar seguindo as mesmas normas que outros negocios. É dicir, nos baixos e primeiros andares dun edificio, en vivendas unifamiliares e tamén en edificios completos, nos que todos os seus andares se dedican a a esta actividade e non se mesturan con usos residenciais.
No ano 2019 un piso da rúa Sagasta (situado no cuarto andar) que fora habilitado como vivenda de uso turístico foi denunciado polo concello por incumprir esta norma, seguindo unha primeira denuncia presentada pola comunidade de veciños e veciñas. A propietaria do establecemento recorreu a prohibición, pero primeiro o Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra (en xullo do pasado ano) e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) veñen de dar a razón ao Concello, avalando os límites impostos aos pisos turísticos.
O ditame do TSXG destaca que a os condicionantes aplicados polo Concello son "conforme a dereito" e buscan protexer o dereito á vivenda da cidadanía. Ademais, lembra que os pisos turísticos necesitan contar cun permiso municipal para operar
O ditame do TSXG concorda cos argumentos xa contidos na primeira sentenza, deixando claro que os condicionantes aplicados polo Concello son "conforme a dereito" e destacando que as limitacións "xustifícanse por razóns urbanísticas para preservar a ordenación establecida coa fin de garantir a satisfacción do dereito á vivenda da cidadanía afectada polo plan e de preservar a contorna urbana deseñada polo planificador para satisfacelo".
A sentenza lembra que os pisos turísticos non teñen un uso residencial senón que constitúen unha actividade económica e que, aínda que conten cunha autorización concedida pola Xunta para operar, necesitan tamén "un título habilitante municipal, cinguido ao plano urbanístico". Subliña, ademais, que a falta dunha regulación específica das vivendas de uso turístico, será de aplicación "a normativa municipal de planeamento e máis cando a regulación non ofrece neste particular suposto marxe de dúbida interpretativa".
No Concello de Pontevedra funcionan de forma legal (datos do 1 de xaneiro de 2022) 290 vivendas de uso turístico, case tres veces máis que no ano 2017 (103)
Dende o Goberno municipal pontevedrés saliéntase que a sentenza demostra que o Concello "resolveu con éxito" hai anos un problema "futurible" que na actualidade podía dar lugar a numerosos conflitos e molestias á veciñanza.
Segundo os datos da Axencia de Turismo de Galicia, no Concello de Pontevedra funcionan de forma legal (datos do 1 de xaneiro de 2022) 290 vivendas de uso turístico, seu suman 756 cuartos. O dato amosa un gran crecemento nos últimos anos, nos que a cifra practicamente se triplicou dende o ano 2019 (103 establecementos). O número actual de habitacións nos pisos turísticos legais (756) é xa moi semellante ao que suman todos os hoteis (572) e pensións (121) da cidade.
Estanse tomando medidas para limitar a actividade dos pisos turísticos en localidades onde provocan molestias á veciñanza, redución do parque de vivendas en alugueiro ou o incremento do prezo destas
Nos últimos anos estanse tomando medidas para limitar a actividade dos pisos turísticos en varias localidades nas que a saturación destes establecementos en determinadas zonas (especialmente os centros históricos) están provocando molestias á veciñanza, redución do parque de vivendas en alugueiro ou o incremento do prezo destas. Así o fixo a cidade de Compostela xa dende o ano 2018. De igual xeito, hai dous anos unha sentenza do Tribunal Supremo reafirmou a prohibición de alugar pisos turísticos por habitacións en Galicia
O número actual de habitacións nos pisos turísticos legais (756) é xa moi semellante ao que suman todos os hoteis (572) e pensións (121) da cidade
Neste senso, ademais, o Eixo Atlántico recomenda que todos os concellos "redacten e aproben un plan de vivenda e un plan de turismo que recollan a realidade, propostas e políticas para as vivendas de uso turístico dentro dunha realidade máis ampla residencial e turística. E, ademais, que conten cun "plan urbanístico actualizado e en vigor que recolla e ordene a particularidade do uso de vivenda turística e que a englobe nunhas políticas de vivenda xerais".