Cinco de cada cen vivendas de Carnota, Sanxenxo, Fisterra e O Grove xa son pisos turísticos

Sanxenxo suma o maior número de apartamentos turísticos en Galicia CC-BY-SA Trevor Huxman

Galicia conta nestes momento con milleiros de vivendas de uso turístico, máis de 12 mil segundo o rexistro oficial da Xunta (12.041 na súa última actualización, correspondente ao día 1 de decembro) e unha cifra semellante segundo o INE (12.548), que vén de publicar por vez primeira estatísticas completas sobre a distribución deste tipo de servizos en todo o Estado, detallando os datos a nivel de distritos e seccións censuais. As medicións do INE permiten comparar os niveis de saturación deste tipo de aloxamentos nos distintos territorios, para os que o instituto estatístico ofrece tamén un indicador sobre a porcentaxe que este tipo de pisos e apartamentos representan sobre o total de vivendas.

Galicia sitúase como a sétima comunidade autónoma cunha maior saturación de vivendas turísticas

As 12.548 vivendas de uso turístico representan o 0,78% do total de vivendas en Galicia, por debaixo da media para o conxunto de España (1,3%). Galicia sitúase como a sétima comunidade autónoma cunha maior saturación, que é moi superior nas Illas Baleares (5%) e as Canarias (3,6%) os dous territorios máis dependentes do turismo. A Comunidades Valenciana (1,7%), Cataluña (1,6%), Andalucía (1,5%) e Cantabria (1,4%) aparecen a continuación na lista, na que seguen Asturias, Galicia e Murcia (0,8%), por diante de Madrid (0,7%). Por provincias, Pontevedra (1,1%) supera a media galega, á que se sitúan próximas A Coruña (0,77%) e Lugo (0,71%). Ourense (0,26%) fica moi por detrás.

En Carnota practicamente o 7% de todas as vivendas existentes no concello son pisos e apartamentos turísticos. Sanxenxo tamén supera o 6%, mentres que Fisterra e O Grove se achegan ao 5%

No conxunto do Estado os concellos costeiros acumulan a maior parte das vivendas turísticas (o 76,8% do total). De feito, en tres localidades litorais (La Oliva, Pollença e Begur) os pisos turísticos son máis do 20% das vivendas. Outra vintena de concellos en toda España superan o 10%, unha porcentaxe á que se achegan algúns distritos de Madrid (Centro) e Barcelona (Ciutat Vella).

Estas situacións de saturación non acadan en Galicia valores tan elevados. Porén, en Carnota practicamente o 7% de todas as vivendas existentes no concello son pisos e apartamentos turísticos. Sanxenxo tamén supera o 6%, mentres que Fisterra e O Grove se achegan ao 5%. A porcentaxe supera o 3% en Corcubión, Barreiros, A Illa, Muxía e O Vicedo.

No que atinxe ao número total de vivendas turísticas existentes en cada Concello, as cifras que achega o INE son semellantes ás que vén proporcionando o rexistro da Xunta de Galicia. A lista está encabezada por Sanxenxo (1.048) e despois aparecen as cidades de Santiago de Compostela (759), Vigo (758) e A Coruña (556). Entre os des concellos con máis vivendas de uso turístico tamén aparecen O Grove (360), Pontevedra (315), Poio (269), Cangas (252), Carnota (236) e Foz (224)

O distrito 3 de Sanxenxo é o que presenta unha maior saturación de vivendas de uso turístico, que representan o 29,6% de todas as vivendas existentes na zona

O INE ofrece tamén información sobre o número de pisos e apartamentos turísticos en cada distrito e sección censual. Os distritos teñen o tamaño de barrios nas cidades e de parroquias nos concellos rurais. Mentres, as seccións censuais teñen unha dimensión moito máis reducida, abranguendo apenas unhas poucas rúas nas zonas urbanas (por exemplo, a cidade da A Coruña está dividida en 10 distritos e 187 seccións censuais. 

Polo tanto, os datos sobre o número de pisos turísticos en cada sección e a porcentaxe que representan sobre o total de vivendas existentes permite coñecer situacións de saturacións que poden afectar non só ao prezo da vivenda (especialmente dos alugueiros) senón tamén á vida deses barrios.

Esta información amosa que o distrito 3 de Sanxenxo é o que presenta unha maior saturación de vivendas de uso turístico, que representan o 29,6% de todas as vivendas existentes na zona. O distrito 2 de Xove presenta unha porcentaxe do 5,9%, semellante ao 5,4% do distrito 1 de Sanxenxo.

Nalgunha sección censual do centro de Santiago a porcentaxe de pisos turísticos acada o 8,5% sobre o total de vivendas

Baixando ata o nivel das seccións censuais, atopamos lugares de Sanxenxo, A Lama ou O Grove con porcentaxes por riba do 10% ou roldando esta cifra. A continuación aparecen xa varias seccións do centro de Santiago, onde a proporción de vivendas turísticas sobre o total se move en catro destas delimitacións entre o 5,7% e o 8,5%.

A sección compostelá que encabeza a lista (co 8,5%) abrangue as rúas do Franco, do Vilar e Nova. As outras tres seccións, entre o 5,7% e o 6,3%, abranguen a Algalia e unha parte do barrio de San Pedro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.