A Xunta gaba que os hoteis ingresaron un 6,9% máis este xullo coa mesma clientela que o ano pasado

Turistas nas rúas de Santiago © Cluster do Turismo

O BNG pide "regular a afluencia de visitantes" e primar a convivencia fronte o "turismo a granel"

A Xunta emitiu este venres un comunicado salientando que en xullo o sector hoteleiro galego ingresou 68,3 millóns de euros, "un 6,9% máis que en xullo do ano pasado" superando por "primeira vez" os 65 millóns nun mes de xullo "desde que existen rexistros". Faino ao tempo que sinala que os datos de demanda "mantéñense en niveis similares aos do ano anterior", con 644.755 persoas aloxadas que xeraron un total de 1.334.577 noites. Segundo di, "o número de noites vén situándose arredor dos 1,3 millóns desde 2022". 

Turistas na praia das Catedrais ou de Augasantas nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego salienta que o sector ingresou o mes pasado 68,3 millóns, "un 6,9% máis" malia que a demanda "mantense en niveis similares" desde 2022

O Goberno galego tamén sinala que nos sete primeiros meses do ano, entre xaneiro e xullo, "os establecementos hoteleiros galegos obtiveron uns ingresos totais nominais de 242,3 millóns de euros, o que representa un 5,8% máis que no mesmo período de 2025". Nese período, fronte a ese aumento dos ingresos, o incremento da demanda foi moi inferior, do 2,3%, segundo a Xunta, á espera de incorporar só os datos de xullo correspondentes a turismo rural, albergues e cámpings.

Ao tempo que a Xunta se gaba destas cifras, o BNG insiste en pedir mudar o modelo de "turismo a granel" e "regular a afluencia de visitantes". A deputada Saleta Chao lamentou as "imaxes de saturación turística e comportamentes incívicos, como no caso de Santiago de Compostela ou nalgunhas zonas das Rías Baixas, como por exemplo O Morrazo" e instou a apostar por un modelo turístico "diferente que poña no centro a convivencia, que protexa a veciñanza e tamén o patrimonio cultural e ambiental do país".

Saleta Chao, deputada do BNG CC-BY-SA BNG

Para a deputada nacionalista, hai que tomar "medidas con decisión, como fai o BNG alí onde goberna", e puxo como exemplos as campañas de convivencia ou a taxa turística que vén de implantar o Concello de Santiago e coa que xa recadou 1,76 millóns en 9 meses. Porén, a nacionalista lamenta que a aposta do Goberno galego sexa que o turismo siga "medrando de forma desregulada". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.