A lei galega que permite "campamentos turísticos" en solo rústico está sendo aproveitada para construcións que pouco teñen que ver cos tradicionais cámpings, sector que discrepa deste novo modelo
Hai anos que están a proliferar por toda Galicia proxectos de cabanas turísticas que se amparan na posibilidade legal de instalar "campamentos de turismo" en solos catalogados como rústicos, nos que os usos permitidos están moi restrinxidos e só son posibles as vivendas ligadas a explotacións agropecuarias.
Só no último ano, ao longo de 2025, a Consellería de Medio Ambiente emitiu unha ducia de permisos ambientais para proxectos que suman un cento de cabanas ou "bungalows" por todo o país, ás que hai que engadir outras instalacións fixas de apoio ou servizo. Unhas iniciativas empresariais que mesmo contan con subvencións públicas que pouco teñen que ver cos tradicionais cámpings, sector que discrepa: "aprovéitase a figura do cámping para algo distinto".
A Lei do Solo de Galicia contempla desde hai anos que en solo rústico poidan instalarse "campamentos de turismo", pero en 2022 Xunta e PP introduciron unha reforma legal que abre a man a respecto da interpretación dese concepto. Por unha banda, a lei urbanística remite á lei que regula o turismo, que permite nos "campamentos turísticos" outros "elementos fixos prefabricados de madeira ou similares tipo cabana, bungalow". Por outra, detallouse, ante a interpretación restritiva que facían algúns concellos do concepto, que non só se permiten as obras "imprescindibles" para os cámpings senón "todas as instalacións, obras e servizos que se recollen na normativa vixente en materia de turismo".
Ante a interpretación restritiva que facían algúns concellos co concepto "campamento de turismo", Xunta e PP mudaron a lei en 2022 para facilitar "todas as instalacións, obras e servizos que se recollen na normativa vixente en materia de turismo"
Só en 2025 Medio Ambiente validou unha ducia de "campamentos de turismo" por toda Galicia que teñen como modelo de negocio as cabanas ou "bungalows", sen posibilidade de acampada e instalación de caravanas.
Dos detallados no gráfico que acompaña esta información, só dous proxectos na Estrada e Nigrán contemplan outras posibilidades limitadas de acampada: no primeiro caso serán 5 cabanas para 25 persoas con posibilidade de instalar tendas de campaña para outras 12 persoas, e no segundo caso 4 cabanas, tendas xa preinstaladas de "glamping" e espazo para outras tendas para un total de 215 persoas sen detallar as proporcións.
O resto de proxectos aprobados por Medio Ambiente só contemplan aloxamento en cabanas, sumando un total de 98 ás que hai que engadir outras instalacións auxiliares ou de recepción. Os seus emprazamentos son solos rústicos, en ocasións tamén con proteccións forestais ou paisaxísticas.
Desde a Asociación Galega de Cámping o seu presidente, Manuel Ochoa, discrepa do procedemento seguido para esta proliferación de cabanas. "Non estamos en contra de que se xeren novas empresas, obviamente, pero discrepamos coa Administración de que dentro da figura do cámping engloben cousas que non son cámpings", di.
"Estase aproveitando a figura do cámping para montar algo distinto", lamenta a asociación galega do sector, que defende seguir dando servizo de acampada e para caravanas
"Nós entendemos por cámping unha instalación que conte cando menos cunha parte de cámping tradicional, con espazo para tendas e caravanas, e claro que todos imos incorporando instalacións fixas, pero dando sempre servizo de cámping, e con estes negocios só de cabanas estase aproveitando a figura do cámping para montar algo distinto", explica Ochoa.
"Paréceme ben, pero necesitarían outro tipo de licenza, porque chegamos a situacións como que se alguén quere abrir un restaurante no rural en solo rústico, pide licenza para cámping aínda que nunca funcione como tal", explica. E mesmo apunta a posibilidade de que acaben instalándose segundas vivendas en solo rústico a través da figura do campamento turístico "que acaban sendo cabanas para ti e cinco amigos".