Entre outubro e decembro a recadación da taxa turística roldou os 600.000 euros en Santiago e os 400.000 na Coruña, cifras que probablemente serán algo superiores cando os establecementos que aínda non o fixeron abonen a correspondente liquidación
No inicio do derradeiro do ano A Coruña (o 29 de setembro) e Santiago (o 1 de outubro) comezaron a aplicar unha taxa turística de entre 1 e 2,5 euros aos visitantes que se aloxen nos hoteis, pensións e vivendas turísticas de ambas as dúas cidades, ata un máximo de cinco noites. O tributo, aprobado a finais de xullo, botou a andar en ambos os dous casos sen contar co apoio do PP, que no pleno municipal herculino votou en contra da súa creación e no compostelán se abstivo. O resto dos grupos votaron a favor.
Nos últimos días fomos coñecendo o primeiro balance da posta en marcha da taxa turística en Santiago e na Coruña, con cifras sobre a recadación obtida nos últimos tres meses do ano. En concreto, en Compostela a recadación roldou os 600.000 euros. “Estamos ante unha cantidade moi importante, que se aproxima ao cálculo, prudente, que fixemos”, manifestou en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín.
E na Coruña o cobro do tributo supuxo 407.000 euros para as arcas municipais, unha cifra que segundo o concello herculino probablemente chegue ao medio millón cando os establecementos que aínda non o fixeron abonen a correspondente liquidación. Tamén en Compostela é posible que se incremente a cantidade total recadada, pois "neste primeiro período pode haber negocios que aínda non verificasen correctamente o proceso".
Ademais, nestes últimos meses de 2025 aínda non foi aplicada na Coruña a parte da taxa turística que atinxe ao fondeo ou amarre de cruceiros
Así, a recadación inicial da taxa turística no derradeiro trimestre do ano 2025 deixou máis dun millón de euros en Santiago e A Coruña, unha cifra que será superior no segundo e tercer trimestre do ano, no que se concentra unha maior cifra de visitantes nestas cidades.
Ademais, nestes últimos meses de 2025 aínda non foi aplicada a parte da taxa turística que atinxe ao fondeo ou amarre de cruceiros, 1,5 euros "por cada período de vinte e catro horas ou fracción", que comezou a cobrarse o 1 de xaneiro de 2026. Iso si, os presidentes das autoridades portuarias coruñesa e viguesa, elixidos pola Xunta, pediron en outubro que o Goberno galego aproveite os Orzamentos de 2026 para cambiar a lei e só teñan que pagar o tributo turístico de 1,5 euros por pasaxeiro os cruceiros que fagan noite nas cidades.
A taxa turística entrou en vigor sen o apoio do PP, que votou en contra na Coruña e se abstivo en Compostela. Os populares alertaron dunha posible diminución do número de visitantes se estes tiñan que pagar entre 1 e 2,5 euros por noite
A posta en marcha da taxa turística foi criticada en ambas as dúas cidades polo PP e tamén por algunhas asociacións de hoteleiros. De feito, en Santiago a Asociación Unión Hotelera Compostela tentou paralizar a entrada en vigor do tributo, alegando que os seus negocios teñen que "sufragar cambios nos seus softwares de facturación" ou "dispoñer de persoal" para cumprir coa taxa, o que implicaría perder "competitividade". Porén, a Sala do Contencioso-administrativo do TSXG denegou esta suspensión cautelar.
Pola súa banda, o PP centrou as súas críticas nunha posible diminución do número de visitantes ante a obriga de pagar entre 1 e 2,5 euros por noite a través dun tributo existente en centos de cidades en todo o mundo. Os datos de visitantes dos primeiros meses de aplicación da taxa turística non semellan darlles a razón aos populares nas súas queixas.
Porén, os primeiros datos non amosan que a taxa sexa un factor determinante a este respecto: o número de viaxeiros aumentou na Coruña e en Santiago, aínda que descendeu, fíxoo menos en que Vigo
Os datos de contratación de estadías en establecementos hoteleiros correspondentes ao derradeiro trimeste de 2025 amosan que na Coruña o número de visitantes se incrementou de forma notable en relación ao mesmo período do ano anterior, un 15,9% máis, cun 16,7% máis de noites contratadas.
É certo que en Santiago o número de visitantes (-5%) e estadías (-6,9%) se reduciu, pero fíxoo en menor medida que, por exemplo, en Vigo (un -5,4% e un -10,9% respectivamente), onde aínda non comezou a aplicarse a taxa turística. Tamén en Sanxenxo diminuíu o número de noites contratadas. En cambio, en Lugo e Ourense, aumentaron visitantes e estadías, aínda que en menor medida que na Coruña. A existencia dunha taxa turística non semella ser un factor determinante a este respecto.
Os datos do derradeiro trimestre do ano seguiron unha tendencia semellante á do conxunto do 2025. Un ano no que as cifras de viaxeiros e estadías amosaron un importante incremento na Coruña
Os datos do derradeiro trimestre do ano seguiron unha tendencia semellante á do conxunto do 2025. Un ano no que as cifras de viaxeiros e estadías amosaron un importante incremento na Coruña, cun aumento do 13% no número de viaxeiros e do 14% no número de noites contradas. A cidade herculina superou en ambos os dous indicadores a Vigo, que sufriu un descenso.
Santiago seguiu a ser a cidade galega con máis visitantes e estadías, aínda que con cifras inferiores ás de 2024. Tamén Sanxenxo sufriu un descenso en relación ao ano anterior. En cambio, Lugo mellorou os seus datos, que se mantiveron estables en Ourense e no Grove.
Na presentación do primeiro balance da aplicación do novo tributo, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia que ten o retorno destes fondos “á hora de sufragar melloras e reforzos dos servizos públicos mais tamén en aspectos que repercutan nunha maior calidade do sector turístico”.
Un argumento semellante ao ditame do TSXG, que ao denegar a petición da asociación hoteleira compostelá, subliñou "o interese público inherente aos investimentos e gastos aos que o importe recadado" coa taxa turística se vai dedicar, tales como melloras en infraestruturas da cidade, mobilidade, conservación do patrimonio ou actuacións en materia turística, como marca a lei.