A taxa comezou a aplicarse o 29 de setembro. Estímase que a recadación final superará o medio millón de euros nos tres últimos meses do ano, un período no que o número de visitantes aumentou un 14%
O pasado 29 de setembro comezou a aplicarse na Coruña a taxa turística aos viaxeiros que realicen estadías na cidade, un pagamento de entre 1 e 2,5 euros por día (ata un máximo de cinco noites) que deben aboar os visitantes nos hoteis, pensións e vivendas turísticas.
Este martes, na primeira reunión da comisión especial de seguimento da taxa, o Goberno local ofreceu datos sobre a súa aplicación no derradeiro trimestre do ano, tres meses nos que o Concello ingresou 407.000 euros. Estímase que a cifra final superará os 500.000 euros cando os establecementos que aínda non o fixeron abonen a correspondente liquidación.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia que teñen estes fondos “á hora de sufragar melloras e reforzos dos servizos públicos mais tamén en aspectos que repercutan nunha maior calidade do sector turístico”
Os datos de visitantes amosan, ademais, que a chegada de turistas á cidade nos últimos tres meses non só non diminuíu pola aplicación da taxa turística, senón que se incrementou notablemente, rexistrando un 14,5% máis visitantes que no mesmo período do ano 2014. O número de estadías de outubro a decembro pasou de 316.000 en 2024 (sen taxa turística) a 362.000 en 2025, xa coa taxa turística en aplicación.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia que ten o retorno destes fondos “á hora de sufragar melloras e reforzos dos servizos públicos mais tamén en aspectos que repercutan nunha maior calidade do sector turístico”. Rey amosou ademais o seu agradecemento ao sector “pola súa colaboración” cunha medida que “ten resultados bos para todas e todos", e que "ten un impacto positivo na cidade ao incrementar as fontes de financiación necesarias para fortalecer os servizos municipais dos que tamén gozan os visitantes".
A rexedora explicou que máis do 90 % dos establecementos hostaleiros xa aboaron as taxas correspondentes. Porén, advertiu, “hai menos colaboración por parte das vivendas de uso turístico, moitas das cales non están cumprindo aínda coa normativa vixente”
Nos vindeiros meses crearase un selo distintitivo vinculado á taxa turística que permitirá acceder á información do sector mais tamén ao destino que se lle dá aos fondos recadados.
A rexedora explicou que máis do 90 % dos establecementos hostaleiros xa aboaron as taxas correspondentes. Porén, advertiu, “hai menos colaboración por parte das vivendas de uso turístico, moitas das cales non están cumprindo aínda coa normativa vixente”.
O Concello da Coruña vén de reforzar o persoal da área municipal de Urbanismo co obxectivo de axilizar a tramitación de todos os expedientes das VUT na cidade. Inés Rey anunciou a creación dun Plan de Inspección específico para facer que as vivendas de uso turístico cumpran coa normativa.
En Santiago a recadación roldou os 600.000 euros no derradeiro trimestre do ano
Hai uns días Santiago presentou igualmente os primeiros datos de aplicación da taxa turística na cidade, que entrou en vigor o 1 de outubro. Nos últimos tres meses do ano a recadación roldou os 600.000 euros. “Estamos ante unha cantidade moi importante, que se aproxima ao cálculo, prudente, que fixemos”, manifestou en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín.